Asasinato en Madrid

04 de diciembre 2014
Actualizada: 18 de junio 2024

O asasinato dun seareiro do Deportivo a mans dunha banda de neonazis horas antes do encontro entre o Atlético e o equipo galego reúne todas as condicións para presentar detalladamente as miserias informativas máis frecuentes. Máis alá das típicas provocacións que algunhas terminais ofrecen para facerse ver, existe un fío argumental que incide na simplificación para igualar a vítimas con asasinos.

Temos tamén a sempre puntual cerimonia da confusión, artellada habilmente polas forzas da orde para elidir responsabilidades aínda que a seguir veña un regueiro de contradicións e desmentidos que parecen unha gran campaña de promoción da película de Mortadelo e Filemón.

Unha vez máis o uso das palabras non é inocente e constitúe o eixo fundamental da manipulación informativa. Sementando compulsivamente o uso de termos excluíntes, como ⿿ultras⿿ ou ⿿radicais⿿, evítase ir máis alá das consignas de que ⿿son todos iguais⿿ e que polo tanto ⿿uns e outros teñen o que merecen⿿. Equipárase noxentamente a vítimas con asasinos e o miserento xornalismo fast food traza outra vez a desprezable equidistancia entre ⿿extremistas⿿, pensando que a equidistancia é sempre imparcialidade. Mentira, aínda que non é propósito deste texto o lavarlle a cara a ninguén.

Hai casos nos que a indefinición converte a un en cómplice ou encubridor, e este é un deles. Debuxar un paralelismo entre fascismo e antifascismo para presumir de demócrata centrista é tolerar, neste caso, a historia de sangue que ten un grupo como o Frente Atlético. Uns emiten consignas xenófobas, outros (os Bukaneros do Rayo, por exemplo) contra os desfiuzamentos. O domingo pasado o resultado foi unha morte en Madrid, pero nunha das últimas visitas a Vigo o resultado foi un apaleamento brutal que a piques estivo de saldarse de igual xeito. No canto de buscar análises fondas o comentario fica na superficialidade e rebaixa, dialecticamente, a culpabilidade duns para subir a responsabilidade doutros nun exercicio de repugnante equilibrismo.

Ao remate do encontro tanto o presidente do Atlético de Madrid como o seu adestrador afirmaron que eran feitos que nada tiñan que ver con eles, nin tan sequera co fútbol. Tamén este caso se presta ao retrouso de mesturar fútbol con política, reducíndoo ao enfrontamento de ideoloxías extremistas opostas. Non é nova a impunidade do fascismo en Madrid. O fútbol é un medio de expresión, o altofalante máis potente do que dispoñen, pero son os mesmos que rebentan actos da Generalitat na libraría Blanquerna, agriden emigrantes ou homosexuais, ou que se manifestan cada 20 de novembro.

Non é certo que sexan fenómenos alleos ao fútbol, pero tampouco que este sexa o seu único espazo. Non son poucos os grupos fascistas que contan con notables privilexios entre as directivas dos distintos clubes, que mercan o seu alento nas bancadas con apoio institucional e económico (e que mesmo contan con espazos reservados dentro dos estadios).

Contra eles non operan as leis de apoloxía do terrorismo ou asociación ilícita e a súa iconografía é habitual nas bancadas de certos estadios de fútbol como os do Real Madrid, Atlético de Madrid, Valencia, Betis, Sporting de Gijón, etc. Tampouco faltan os futbolistas de alto nivel (tamén en difusión) que aparecen en fotos ou en público portando simboloxía destes grupos. Determinados clubes e directivas do fútbol español, guste ou non, contribuíron nun proceso de normalización de representacións fascistas.

Falar de falecemento no canto de asasinato é unha rebaixa consciente da carga enunciativa. Fano os mesmos que escudriñan no ámbito persoal do asasinado. Fano os mesmos que sacralizan as distintas versións policiais e que recobren de normalidade a súa inoperancia. Faino quen suaviza a linguaxe e se amosa condescendente cos verdadeiramente ultras. Para Cristina Cifuentes, de novo con implicacións por omisión neste caso, violento é o activismo da Plataforma de Afectados pola Hipoteca pero non o Frente Atlético, e en medida diso desprega o dispositivo policial necesario.

Tan só dúas reflexións para rematar. Son horas de clamar contra a expulsión dos violentos dos estadios e de reclamar o espírito do deporte como fenómeno pacífico e de convivencia. Fede a unidade mediática contra, de novo, ese inimigo necesario pero abstracto.

Pero as súas prácticas non favorecen precisamente ese ideal: os seus formatos excitan as consignas máis simples, fan show de trincheira para fidelizar ao espectador máis simple. Avivan o fanatismo e abusan da mesma falta de rigor no eido xornalístico como á hora de analizar o acontecido este domingo, aínda que con altas inxeccións de ideoloxía encuberta. E por último, fagamos o perverso exercicio de trasladar algunhas mensaxes que estamos a recibir a outras situacións nas que a sensibilidade xa está consolidada. Pensemos no tratamento mediático que está a recibir o asasinado, a equidistancia mediática dalgúns, as atenuacións discursivas e mesmo algunhas xustificacións máis ou menos disimuladas⿦

⿦e apliquémolo a calquera caso de asasinato machista.

A descomposición da análise non é inocente, agocha detrás un posicionamento político de quen di rexeitar a mestura de deporte e ideoloxías.