As razóns dunha nova "Marcha contra Celulosas"

23 de junio 2023

Poida que haxa quen se pregunte se despois da sentenza emitida do Tribunal Supremo (TS), que estima os recursos de casación nos procedementos promovidos polo Concello de Pontevedra e Greenpeace, e declara sen efecto a anulación da prórroga de ENCE previamente ditada pola Audiencia Nacional, ten sentido realizar unha nova Marcha contra Celulosas.

Para a APDR, este novo escenario -sen dúbida máis incerto que o existente con anterioridade á sentenza- non supón o fin da loita, nin moito menos.

Primeiro, porque falta por decidir sobre o procedemento promovido pola nosa Asociación, e non se pode descartar unha sentenza favorábel do TS.

Ademais, a sentenza do TS ten aínda un amplo percorrido xurídico e administrativo; neste sentido, o voto particular emitido por unha das maxistradas que facían parte da sá, aporta moitos criterios para enfocar os recursos diante do Constitucional e nos tribunais europeos.

No mesmo sentido, o Expediente incoado ao Estado español pola Unión Europea polo xeito de outorgar as prórrogas ás concesións en dominio público marítimo-terrestre -que inclúe de forma explícita a concedida a ENCE- abre unha porta á revisión da sentenza do TS. Para a UE, España conculca as leis europeas, un aspecto que poderemos utilizar para esixir a inadmisión da casación e mesmo a devolución da sentenza á Audiencia Nacional para tratar aspectos que -como o tempo máximo da prórroga- non foron considerados con anterioridade.

Ábrense pois, moitas vías de loita neste terreo, e na APDR non imos regatear esforzos para as utilizar.

Pero, máis alá da loita xudicial contra a permanencia de ENCE en Lourizán, a nosa loita pola recuperación da Ría, pola recuperación do futuro roubado coa instalación da fábrica, ten moito que dicir pola vía da mobilización social, unha vía que na APDR temos considerado sempre fundamental e que deixa ver un panorama moito máis optimista do que alguén poida pensar.

O futuro de Pontevedra, o da comarca enteira, pasa inevitabelmente pola recuperación da Ría; trátase dun futuro no que a Celulosa-ENCE non ten cabida e que non ten volta atrás.

Porque Pontevedra ten dereito a recuperar o seu medio ambiente, a súa economía e a súa saúde e calidade de vida.

Ese futuro, que algúns se empeñan en negar, ten que vir da man da explotación racional das infinitas potencialidades da Ría e da diversificación dos usos dos montes da comarca, hoxe estragados pola política forestal deseñada pola Xunta en beneficio exclusivo de ENCE.

Trátase de recuperar o noso medio pero, tamén, un modelo económico máis xusto e equitativo que posibilite a creación de numerosos postos de traballo en actividades hoxe impedidas pola presencia da fábrica en Lourizán.

Porque debaixo da fábrica están as nosas praias, as praias urbanas de Pontevedra, e o que foi o mellor dos bancos marisqueiros da Ría.

Debaixo da fábrica está a razón de ser dunha Ría que ten na explotación racional do mar e das praias a súa vocación natural. 

Con esta nova MARCHA queremos reivindicar o noso dereito a ese futuro; queremos deixar claro que nós non renunciamos a recuperar o futuro que a Ría de Pontevedra merece e precisa e que, neste sentido, ningunha decisión xudicial arbitraria e inxusta como a recentemente ditada polo Tribunal Supremo nos vai impedir seguir loitando na defensa dos nosos dereitos.

Trátase de berrar alto e claro que ENCE non pode seguir ocupando a zona de dominio público que hoxe ocupa porque esa zona é propiedade de toda a cidadanía, e temos dereito a recuperármola. 

Reivindiquemos pois o noso dereito a recuperar un futuro libre de ENCE asistindo este DOMINGO 25 DE XUÑO á MARCHA CONTRA CELULOSAS que, como en anos anteriores, sairá ás 12 horas desde as alamedas de Marín e Pontevedra.

Rematada a Marcha, poderemos gozar do xantar, con prezos populares, previsto na Alameda de Pontevedra.

 

Antón Masa, presidente da “Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra” (APDR).