As outras caras da desigualdade

26 de febrero 2022

A pouco máis dunha semana do 8 de Marzo, Dia da Muller, e desde hai xa días, comeza, como cada ano, o anuncio da profusión de actos e eventos varios, nos que se deixarán ver desde

 

Fenda salarial, teitos de cristal, desigualdade, discriminación por razón de xénero, patriarcado, son conceptos que se manexan continuamente nestas datas, que se denuncian, con mais ou menos sinceridade, insisto, porque a "implicación selectiva", e lamento ter que dicilo unha vez máis, é algo que levo francamente mal, pero que, por desgraza, non son soamente iso, conceptos, senón que, efectivamente, aínda están moi presentes na nosa sociedade, nas nosas vidas, facendo que as das mulleres sexan, en non poucas ocasións, unha auténtica carreira de obstáculos, moitas veces imposibles de superar.

 

Pero existe outro xeito de discriminación, non menos grave, na miña opinión, do que ninguén semella decatarse, que, con frecuencia, vén da man ou promovido, curiosamente, por mulleres, ou por institucións ou colectivos que din estar a traballar a prol da igualdade, que está presente acotío, no día a día, e que, automaticamente, exclúe a un certo perfil de mulleres, ao que, por certo, pertencemos a inmensa maioría, de estar presentes en certos eidos, en determinados foros nos que a súa, ou, mellor dito, a nosa presenza, sería non soamente positiva, senón imprescindible, xa que representamos, insisto, á maioría.

 

Como é lóxico, inicialmente reparei en que isto sucede reiteradamente, de feito desde sempre, na miña cidade, pero cando, despois de decatarme, e de contrastar información en xornais, o outros medios, doutras, vin que é, lamentablemente, o denominador común.

 

Agradeceríavos que botásedes unha ollada as axendas onde se anuncian os diferentes actos, eventos, ou como os queirades chamar, que se van celebrar nas xornadas vindeiras co gallo do 8M.

Son moi numerosos os impulsados, como xa dixen, por Institucións, colectivos, etc, etc, e, no seo destes, maioritariamente por mulleres.

Fixádevos nos horarios nos que se celebran.

A inmensa maioría en plena xornada laboral.

Cantas mulleres poden asistir a eles? E as que o fan, porque poden, evidentemente, a que perfil social, profesional, pertencen?

 

Alguén ten en conta que, independentemente da nosa situación laboral, económica, ou mesmo social, por moi precarias que estas sexan, somos moitas as que temos inquietudes, ás que nos gustaría non soamente ser escoitadas, senón tamén escoitar o que outras mulleres teñen que dicir, que aportar, que seguramente será moi valioso, compartir experiencias e aprender unhas das outras, para levar adiante, porén, esta loita, sabendo o que vivimos todas e cada unha de nós?

 

Pero claro, é materialmente imposible que a compañeira que limpa portais ou casas, a que traballa nun supermercado, a que coida maiores, nenos ou dependentes, a que vai cada día de porta en porta tentando vender o que lle toca nese momento, cobrando case sempre en negro, sen contrato, na procura desa comisión que lles permita sobrevivir ou mal vivir a ela e tal vez aos seus fillos e que en demasiadas ocasións nunca chega e que nin enfermando se pode permitir o luxo de perder nin un só día, nin unha soa hora, ou a que vos atende nesa tenda de roupa ou na froitería, por poñer tan só algúns exemplos, poida interromper a súa xornada laboral para asistir a unha conferencia, a proxección dunha película ou a un debate, por moito que lle interese, porque, sabedes que?, as pobres, as que temos que contar ata cada céntimo, tamén temos cerebro, ademais de experiencias e ganas de aprender e de loitar para acadar esa ansiada e demasiado demorada igualdade.

 

Tamén as que formamos parte de colectivos sen ánimo de lucro, e non percibimos, porén, remuneración de ningunha clase, quedamos automaticamente excluídas, xa que, obviamente, a nosa actividade é compatibilizada cos nosos respectivos traballos, dos que tampouco podemos ausentarnos así como así para asistir a calquera destes eventos que se celebran a media mañá, a media tarde, ou en calquera momento da xornada laboral.

 

Así as cousas, o aforo destes actos adoita estar case sempre integrado por mulleres pertencentes ao funcionariado, ás institucións ou colectivos remunerados que os organizan, ou por aquelas que non traballan por propia vontade e que, por suposto, se poden permitir non facelo, porque as que non teñen actividade laboral por atoparse en situación de desemprego podo asegurarvos que non adoitan ter o corpo nin a cabeza para eventos.

 

O groso de mulleres, as que vivimos dos nosos "normaliños" traballos, as que, probablemente, máis poderíamos aportar á hora de falar desa fenda salarial, deses teitos de cristal, temos imposible abandonalos en plena xornada laboral, so pena, no caso de facelo, de que a fenda nos acabe por engulir ou o teito acristalado se quebre enriba da nosa cabeza.

 

Se este non é un xeito de discriminación, unha cara máis da desigualdade, xa me diredes que é, e, o peor de todo, coa participación directa nela de moitas mulleres, o que a fai dobremente grave, totalmente aceptada, ben vista, e tan normalizada que ninguén repara nela.

Para que? Somos moitas as mulleres das que outras decidiron por nós que non pintamos nada, nin nada temos que dicir.

Non hai homes, neste caso, aos que culpar. Nós soiñas, mulleres, abondamos para excluír a outras ás que para nada se ten en conta.

 

Curioso tamén ese arquetipo de mulleres as que adoitan poñernos de exemplo, de referentes, nestas datas.

Triunfadoras, que dirixen ou mesmo fundaron grandes empresas, con dotes e estratexias de mando que empregan liderando equipos que executan, as súas ordes, unha perfecta coreografía profesional, despois, por suposto, de ter estudado unha exitosa carreira, case sempre arroupadas por un núcleo familiar sólido e cunha economía solvente.

 

Mulleres que son quen de conciliar perfectamente a súa vida profesional e familiar, por moitos fillos que teñan e cun "look" e unha imaxe tan impecables que semellan estar a pousar as 24 h. do día para unha revista de moda, que non digo eu que non teñan mérito; por suposto que o teñen, pero e con todo o respecto o pregunto, realmente alguén cre que a maioría nos sentimos representadas por elas, que as súas vidas se asemellan remotamente ás nosas, facendo equilibrios para chegar a fin de mes, para atopar traballo, para conservalo se temos fillos, se temos a desgraza de ser vítimas da violencia machista, sen ter tempo nin ganas, tantas veces, de botar unha rápida ollada ao espello?

 

En definitiva, hai moitos xeitos de fomentar a desigualdade, e non todos son exercidos polos homes.

Tomar ou non conciencia da realidade... esa é outra cuestión.

 

Asociación Si, hai saída