Cando lin isto estaba na casa e os meus ofrecéronme un vaso de auga porque pensaron que ía afogar das gargalladas.
Fan falta chistes de maior envergadura para que eu me afogue. Nin sequera chegaría cun chiste sobre o apelido de don Valentín, por exemplo. Pero igual vostedes pensan que debería tomarme en serio algo que di un persoeiro tan importante coma o señor Pich. Pois non.
Se cadra, se o señor Pich recoñecese que contribuíu máis á demonización do sector bancario a estafa das preferentes... e, para os agnósticos das miñas denominacións: "estafa" é como lle chama a iso a mesma Wikipedia, e se non, busquen "fraude das preferentes" e póñanse ler. Ou o asunto das cláusulas abusivas das hipotecas. Iso si que fai que os cidadáns teñan en moi baixa consideración ás empresas bancarias, e que pensen que só lles preocupa espoliarnos canto máis mellor, medrar canto máis mellor a costa do que faga falta (e nós facémoslle moita falta), etc. Onde etc é algo que remata cun cabreo de moito nabo pola nosa parte.
En canto ás compañías enerxéticas, imos dar uns datos que poden explicar un pouco que do tema da demonización non lle fai falla ao goberno ocuparse demasiado, xa elas se valen soíñas.
De acordo cunha análise de Enerxía Estratéxica España, empregando datos da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) durante os primeiros sete meses do ano 2023, foron publicadas 27 resolucións sancionando a compañías vencelladas co sector enerxético.
No 2024, a mesma CNMC impuxo sendas multas a dúas empresas por manipular o mercado enerxético. Falamos de multas que pasan dos seis millóns de euros, que non falamos de perra chica. Os marxes de beneficios das compañías eléctricas, por exemplo, non son do agrado dos contribuíntes, aos que lle mola máis, caprichosos eles, que lles baixen o prezo que pagan polos recibos da luz. Neste sentido, os gobernos amósanse pouco eficaces para frear a voracidade desas compañías, e disto si que non se queixa o señor Pich. Máis datos: mentres os beneficios por facturación no sector eléctrico español alcanzan o 18%, en outros países como Alemaña a porcentaxe é do 11% e no Reino Unido ronda o 7 %.
A banca en España tivo no pasado ano máis de 23.000 millóns de beneficios, entrando en cifras de récord. En fin, que tanto bancos como compañías enerxéticas están en posición de pagar tributos e o medo que ten o señor Pich pola posible demonización é unha ilusión, escusa ou parvada, pois xa eles se encargaron de seren demonizados coas súas prácticas ditadas pola cobiza.
Non se pode demonizar a quen xa o está, merecidamente.