Apuntando ando

07 de marzo 2025

É crucial que os cidadáns reflexivos e moderados non caian na apatía. Non podemos permitir que o terror ou a desilusión nos silencien

Normalmente, subliño pasaxes de libros que me parecen especialmente reveladoras. Moitas veces, eses fragmentos axúdanme a mirar con detemento o noso presente e o futuro que estamos a construír. Pensei que podería ser interesante compartir varias desas referencias cos lectores e xuntos explorar as súas implicacións.

A primeira anotación é unha cita que sempre me impactou, do poeta irlandés W. B Yeats, extraída do seu poema "a segunda vinda", di:

"Os mellores carecen de toda convicción, mentres que os peores están cheos de apaixonada intensidade".

Parécenme tan "acorde" co devir da historia e coa situación actual que producen moito desasosego. Pero, lamentablemente, os peores triunfaron en moitas ocasións pola súa vehemencia e apaixonado entusiasmo. Traxicamente, os movementos más radicais, con discursos simplistas e incendiarios, tiveron en moitas ocasións unha capacidade sorprendente para impoñerse.

Por unha banda, "os mellores carecen de toda convicción", aínda que lles asista a razón. Observamos como aqueles que buscan o diálogo e a moderación, a miúdo cargados de dúbidas e dispostos a escoitar as argumentacións dos contrarios, buscando a xustiza e a colaboración, parecen paralizados ante a vehemencia dos que armados de certezas absolutas, impoñen as súas ideas sen contemplacións. A historia demostrounos que esta "apaixonada intensidade" foi o motor dos peores horrores, desde o nazismo, o estalinismo ou os que deron o golpe do 36.

Doutra banda, "os peores están cheos de apaixonada intensidade", os seus discursos radicais e extremistas teñen unha forza emocional que os fai perigosamente eficaces. O seu ardor e as súas certezas impóñense sobre a moderación. Os líderes populistas, a miúdo ofrecen solucións simples a problemas complexos, ignorando os matices e as consecuencias a longo prazo. Estamos a falar, de movementos con retóricas incendiarias e de simplicidade excesiva que para mobilizar aos seus seguidores defenden obsesivamente a identidade nacional, o medo e a exclusión dos "outros", e que utilizan as redes sociais para difundir noticias falsas e socavar a confianza nas institucións.

É crucial que os cidadáns reflexivos e moderados non caian na apatía. Non podemos permitir que o terror ou a desilusión nos silencien. Debemos alzar a voz, defender os nosos valores e participar activamente na construción dun futuro onde a razón e o respecto prevalezan sobre a intolerancia e o extremismo.

A segunda anotación é un aforismo do educador e escritor brasileño Rubem Alves e di :

"Algunhas escolas son como gaiolas, outras como ás".

Esta metáfora convídanos a reflexionar sobre o papel da educación na nosa sociedade. Estamos a formar cidadáns libres e críticos, capaces de voar alto e transformar o mundo, ou estamos a criar aves engaioladas, obedientes e conformistas?

Lamentablemente, moitas das nosas escolas aseméllanse máis a gaiolas que a ás. O exceso de normativas, a rixidez dos currículos e a obsesión polo control limitan a creatividade e o pensamento crítico do alumnado e manteñen paralizado ao profesorado. Pero aínda hai esperanza, existen escolas que, como ás, impulsan aos seus alumnos a explorar, a cuestionar e a crear. Escolas que comprenden que a aprendizaxe non é unha mera transmisión de información, senón un proceso de descubrimento e crecemento persoal.

Na era dixital, onde o coñecemento está ao alcance dun clic, o papel do docente debe cambiar. Xa non abonda con ser un mero transmisor de información; é necesario que se converta nun guía, nun mentor, nun facilitador da aprendizaxe. Deben fomentar no alumnado a capacidade de colaborar, de comunicarse eficazmente e de pensar de maneira crítica e creativa. En definitiva, preparalos para un futuro incerto, onde a adaptabilidade e a resiliencia serán claves para o éxito.

O futuro que construiremos dependerá das decisións que tomemos hoxe. Non permitamos que a apatía e o medo nos paralicen. Alcemos a voz, defendamos os nosos valores e esixamos unha educación que forme cidadáns libres e críticos, capaces de transformar o mundo. Recordemos as palabras de Yeats e Alves, e traballemos xuntos para construír unha sociedade onde a razón e a liberdade sexan as ás que nos impulsen cara a un futuro mellor.