O río dos Gafos (Espazo Natural de Interese Local) discorre pola Boa Vila: unhas veces cheo, outras baleiro. Faltoso ou sobrado, incompleto no seu saneamento ou na súa polución, é quen, así e todo, de fornecer as arcas dun variado elenco de espécimes florísticos e faunísticos. Antano, mesmo se lle encomendaban a hixiene de corpos e indumentos, a tracción de rodicios e xa daquela a evacuación de refugos.
Hogano, o río Tomeza-Gafos, rico mostrario cultural, pródigo en enchentes e chamadeiros, avanza, silandeiro ou fungón, aconchegado aos nosos apresurados calcaños e, en atención á atención que se lle dispensa, este humilde etnógrafo, escrutando dende a outra beira, atreveuse a clasificar a humanidade que lle tocou acoutar e deslindar:
a) Hai persoas que lle viran as costas ao río. Ignórano, eliminárono da súa ecuación cotiá: uns, porque xa nada os conmove (agás o que lles dita o seu smartphone); outros, sumidos na desesperanza, non lle albiscan arranxo; outros, así tivesen máis alfombra baixo a que agochar o seu lixo; aínda outros, porque no arrebato "humanizador", a corrente fluvial é incompatíbel coa súa concepción do liberalismo.
b) Hai quen lle ofrece ao río "o seu mellor perfil": os capturadores de votos –moi activos en temporada–; as administracións dimanadas deses votos; os abonados ao colesterolódromo de ida e volta; os cultivadores do corpo –pedestres ou rodados– que oufanos sortean reconcas e chimpan raiceiros para maior goce do seu vicio solitario; sen esquecer, no proceso erosivo da ribeira, as hordas de exhibicionistas da fe que propalan o seu credo aos catro ventos, ao tempo que desdeñan a auga, verdadeiro elemento dador e conservador da vida.
c) Hainos, a inmensa minoría, que decidiron darlle a cara ao río, dar a cara; investir boa parte da vida en mirar para o río e polo río; "mollarse mollándose", devolvéndolle o presente e garantíndolle o futuro; asumindo a responsabilidade, contrarrestando o desleixo maioritario, propiciando que aqueles que o negan esperten do seu ensimesmamento, posibilitando que os "transeúntes" poidan seguir mantendo a liña. Beizóns @s compañeir@s de Vaipolorío por 23 anos de traballo.
Doada sinopse. O río, como a vida mesma –metáfora manriqueña–, pódese enfrontar dende dous posicionamentos basilares: privilexiando o EU ou abandeirando o NÓS.
E na miña modesta opinión, a preservación da natureza –a casa común– debera ser, urxente e prioritario, asunto de tod@s.