Angrois e os fabricantes de trens

30 de julio 2013
Actualizada: 18 de junio 2024

Agora que xa pasou o momento máis duro do pranto colectivo, que xa pasaron os funerais que os dirixentes católicos do país dedicaron aos mortos, sen ter a sensibilidade de preguntarse se todos eles comulgaban con ese credo;

Agora que o chauvinismo rampante exhibiu o seu orgullo de pandereta, como se calquera home ou muller deste mundo reaccionase doutro xeito ante semellante traxedia;

Agora que limparon a curva de Angrois dos restos da rápida máquina tan maltratada pola causalidade técnica;

Agora que os xuices imporán ao home Garzón unha pena estúpida, tan inferior e banal ante o tormento que a vida lle impuxo como conductor do tren desbocado...

Agora que imos recuperando o sentidiño despois do atroz episodio do 24X, é tempo de buscar porqués.

Cando enxeñeiros e gobernantes falan de prevención da seguridade no transporte, están falando de minimizar os efectos da acción humana, tan sutil nos seus actos como fráxil no seu exercizo da responsabilidade.

Así, como podemos comprobar especialmente nesta cidade, instalan lombos nas rúas para minimizar os riscos derivados do comportamento dos automobilistas, que ás veces ven os semáforos coma parte da paisaxe, van pensando máis nos seus amores que no volante, despístanse ante calquera estímulo banal ou atormentan o seu cerebro con algunha desaconsellable substancia. O caso é que a máis lombos, menos mortos, menos feridos, menos accidentes.

Do mesmo xeito e a outro nivel, os espléndidos ferrocarrís do noso tempo, marabillas tecnolóxicas que adoramos, precisan sistemas de seguridade tecnolóxicamente activos que reaccionen ante as eivas humanas, hoxe personalizadas na imprudencia dos 190 por hora que o maquinista do Alvia confesou, nobre e sen dobleces.

Sen dúbida, este señor destrozado pola amargura máis dolorosa que calquera accidente laboral poida supoñer, debería estar mellor auxiliado pola propia máquina, na que él de seguro confiaba.

Se todo funcionase á perfección ⿿supoño que tanto os ASFA como os ERTMS, de existir, estarían en boas condicións e funcionando, o que de seguro é moito supor⿿, hai que preguntarse quén foi e por qué o fixo, o lúcido enxeñeiro que dixo que este tren veloz non precisaba un sistema que non o deixase ao arbitrio e circunstancias dunha soa persoa, por moito que confiemos na infinda bondade e na infalibilidade do ser humano.

Falarán os enxeñeiros? exhibirán os informes técnicos que elaboraron para os políticos? Fixeron os políticos caso deses informes? Serán chamados a declarar os que tomaron as decisións de que a seguridade dunha máquina tan veloz e capaz dependa exclusivamente dun home? Supoño que non. Pero os case 80 mortos pesarán tamén sobre as súas conciencias técnicas e decisorias, aínda que eles non se dean por aludidos.

Os novos trens son magníficas infraestruturas coas que imos superando o martírio do ferrocarril decimonónico. A Alta Velocidade radial do Estado e o Eixo Atlántico galego de máis velocidade son elementos de vertebración dun país que axiña botará de menos a modernización das vías paralelas ao Mar Cantábrico para conectar con Franza, e sobre todo que o Eixo se prolongue ata Porto... pero iso, de momento, queda no capítulo dos soños.

Condear a o pobre maquinista dun comboio supersónico e esquecerse dos técnicos e os políticos que deseñaron un sistema de seguridade activa que se demostrou feble e-ou insuficiente, sería como recoñecernos como os novos ricos que somos: mercamos un ferrari, pero poñémoslle os frenos dunha vespa, que son máis baratos.

30.07.2013