A asociación Amizade, que representa a persoas con discapacidade da comarca de Pontevedra, quere mostrar o seu agradecemento á Policía Local de Pontevedra polo traballo de control de uso correcto dos estacionamentos reservados para persoas con mobilidade reducida.
Á entidade pontevedresa non lle sorprende o resultado da campaña realizada, na que se demostrou un uso incorrecto nun 13,6% dos vehículos inspeccionados, xa que as súas persoas socias se atopan cada día con este tipo de situacións.
AMIZADE considera interesante a realización de campañas específicas deste tipo pero á vista dos resultados da mesma e á súa propia experiencia, instan á policía local de todos os concellos a que realicen este tipo de campañas cada poucos meses.
Lamentablemente, moitas veces as persoas non practican a empatía e só aprenden a base de sancións, polo que parece necesaria unha maior frecuencia e intensidade no control de uso correcto das prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida.
Quere aproveitar a asociación para instar ao Concello de Pontevedra, e aos demais da comarca, a que realicen unha revisión completa de todas as prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida para adecualas ás características contempladas na reforma normativa do ano 2021.
É importante que exista un número suficiente de prazas reservadas pero tamén o é que estas conten coas medidas regulamentarias, imprescindibles en moitos casos para que realmente poidan ser usadas por calquera persoa con mobilidade reducida.
As dimensións da Praza, as dimensións das zonas de transferencia necesarias, a correcta sinalización ou a ausencia de elementos na beirarrúa en todo o largo da praza son cuestións necesarias para garantir que calquera persoa con mobilidade reducida poida facer uso dunha praza reservada.