Amancio Castro González, In Memoriam

17 de noviembre 2023
Actualizada: 18 de junio 2024

Polos vieiros do Gafos cheos de follas noutrora amarelas e verdes agora da cor do chocolate baixa un rumor de tristura polo pasamento dun dos seus valedores mais queridos, Amancio Castro. Na ponla dun Estripeiro pousa un Pardal, fica en silencio no árbore que el catalogou como o mais vello do río. Un pouco máis aló, as Brañas ás que todos os anos no día dos Humedais nos levaba como un regueiro de formigas a explicarnos a súa importancia.

Polos vieiros do Gafos cheos de follas noutrora amarelas e verdes agora da cor do chocolate baixa un rumor de tristura polo pasamento dun dos seus valedores máis queridos, Amancio Castro. Na ponla dun Estripeiro pousa un Pardal, fica en silencio no árbore que el catalogou como o máis vello do río. Un pouco máis aló, as Brañas ás que todos os anos no día dos Humedais nos levaba como un regueiro de formigas a explicarnos a súa importancia.

Grazas aos seus libros, soubemos da Flora e Fauna do Gafos, coñecemos as árbores da cidade e atopamos despois de moitas camiñatas a planta Orella de Rato que dicía Sarmiento, dos cogomelos a carón do río, todos os anos polo San Xoán apañaba con agarimo as herbas para nos purificar.

Membro de Vaipolorío, de Brincabois, de Ollo de Sapo, mestre xubilado, fotógrafo da natureza, foise neste outono de melancolías cando tronzou o Fento de Ponteboleira que el catalogou. No seu lugar prantaremos unha árbore para cando o tempo nos deixe sen memoria e non esquezernos dun home bo e xeneroso, dos Imprescindibles de Bertolt Brecht.

Ata sempre, compañeiro do alma, compañeiro, que a terra che sexa leve. Baixa o río cheo polas choivas e polas vágoas, envolto nunha néboa mesta en silencio polo pasamento dun dos seus valedores máis queridos, murcharon os lirios e narcisos e calaron os paxariños, as bolboretas e as avelaíñas na súa memoria.