Algo cheira mal no emisario da EDAR de Os Praceres

08 de noviembre 2023

Transcorridos cinco anos desde a posta á información pública do proxecto do novo emisario para o vertido á Ría dos efluentes procedentes da EDAR de Os Praceres, e rematados os traballos de instalación hai máis dun ano (e cun ano de demora sobre a data esixida á empresa para tal fin), o certo é que seguen existindo moitas incógnitas arredor desta infraestrutura.

Resulta certamente sorprendente que, a pesar das innumerábeis ocasións nas que os medios de comunicación recollen declaracións da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e doutras responsábeis da Xunta de Galicia ao respecto desta infraestrutura e da súa importancia na calidade futura das augas da nosa Ría, sigamos descoñecendo cousas que -ao noso entender-deberan ser prioritarias cando dun emisario submarino se trata.

Na APDR, que fixemos no seu día alegacións ao proxecto, seguimos descoñecendo cal é o punto final de vertido. Lembraremos que na Memoria presentada no ano 2018 pola UTE EPTISA-IDOM sitúase na zona comprendida entre a Escola Naval e a praia de Portocelo (unha localización que temos denunciado nas amentadas alegacións por considerala inadecuada), porén -así o fixeron saber responsábeis da Xunta aos medios no seu día- sábese que ten sido mudado logo das conversas mantidas co Concello de Marín e coas mariscadoras da Ría, sen transcenderen que modificacións foron introducidas no trazado da parte final do emisario e, xa que logo, onde se sitúa definitivamente o novo punto de vertido, unha falta de transparencia que resulta inadmisíbel en calquera proxecto sometido a un procedemento de información pública.

De acordo co recollido nos medios de comunicación neste fin de semana, a nova infraestrutura (que debería ter sido inaugurada hai máis dun ano) entrou en funcionamento definitivo o pasado venres día 3, unha vez solventada unha avaría da que descoñecemos a gravidade e as posíbeis repercusións na propia infraestrutura ou -no seu caso- no medio mariño; nada se di tamén sobre a calidade das augas vertidas á Ría no proceso das probas realizadas, nada sobre o volume e a calidade da auga que chega ao emisario desde a EDAR, e nada sobre os parámetros de vertido existentes nas augas á saída do novo emisario.

Tamén non se debe esquecer que a EDAR de Os Praceres ten sido sometida a un proceso de reforma sen que se teñan feito públicos os datos sobre o volume de auga tratada ou os relativos á súa eficacia (reflectidos nos niveis de depuración acadados) e eficiencia enerxética. Con efecto, máis alá das “pomposas” declaracións da Conselleira Ethel Vázquez (“os valores están entre un 60 e un 80% por baixo dos fixados na lexislación”), nas que nin sequera menciona de que parámetros de vertido está a falar, nada se sabe.

E resulta fundamental ter resposta a todas estas preguntas, pois en función da situación real á que nos enfrontemos, deberíanse tomar decisións que poderían ser de moito calado e que afectarían ao futuro da Ría e ao da calidade das súas augas.

Débese permitir a ENCE o uso das augas que saen da EDAR? Nese caso, poderíase eliminar o vello emisario? Deberíase modificar a traxectoria do novo emisario para levalo a mar aberto? Poderíase deixar sen efecto, por innecesaria, a pretendida ampliación da EDAR?

Moito nos tememos que a Xunta de Galicia non teña ningún interese en propoñer estas e outras reflexións. Bastante ten con tratar de evitar a multa imposta pola Unión Europea polo incumprimento da Directiva comunitaria 91/271/CEE relativa ás augas residuais urbanas.

E debemos lembrar que esta sanción, consecuencia directa dunha denuncia presentada pola APDR, inclúe os vertidos procedentes de todas as aglomeracións urbanas, é dicir -como contempla a amentada directiva- tanto os procedentes dos distintos concellos da Ría, como os de orixe industrial, concretados no caso da nosa Ría nos realizados por ENCE nas inmediacións da illa de Tambo, dos que a Xunta, incumprindo a norma, evita falar en todo momento.

 

Pontevedra, 6 de novembro de 2023

Asdo.: Antón Masa, presidente da APDR.