Acción típica, antixurídica, culpable e punible

22 de octubre 2019
Actualizada: 18 de junio 2024

Nun proceso penal, os Tribunais poñen todos os seus sentidos a disposición da proba que se practica na Sala e "absorben" todos os elementos de xuízo para valorala

Nun proceso penal,  os Tribunais poñen todos os seus sentidos a disposición da proba que se practica na Sala e "absorben" todos os elementos de xuízo para valorala. Porque só importa aquilo que suceda alí dentro e que resulte probado, é o que se debe valorar, e porque teñen a obriga de pescudar se o comportamento que tiveron as persoas acusadas (a chamada acción) constitúe delito ou non. Nesa acción deberán concorrer os adxectivos de típica, antixurídica, culpable e punible; só así poderá haber unha condena.

Típica cando o Código Penal a describa como tal: se non está tipificada, non se castiga.

Antixurídica en tanto non concorra ningunha causa de xustificación.

Culpable cando o acto delictivo sexa imputable obxectivamente ao comportamento dos acusados, que ademais tiveron que gozar do pleno dominio dos feitos.

E punible cando exista un castigo, unha pena.

 

Segundo as 493 páxinas da sentenza do procés, concorreron estes catro adxectivos, o que levou ao Tribunal Supremo (TS) a condenar, entre outros delitos, por sedición: Os acusados, que "impulsaran unha declaración unilateral de independencia para Cataluña, fixérono creando unha lexislación paralela, pola vía de feito e recurrindo á mobilización tumultuaria, encamiñada á inobservancia dos mandatos xudiciais".

 

Na sentenza afírmase (porque así se demostrou no plenario) que sabían que o "dereito a decidir" que ofreceran á cidadanía catalana a través da convocatoria do referéndum do 1 de outubro non existe en ningunha Constitución, non está recoñecido por ningún Tribunal Constitucional e non hai ningún Tratado Internacional que o teña no seu articulado. Segundo os feitos probados da sentenza, o seu obxectivo real fora presionar para chegar a unha negociación directa co Estado, obxectivo que se evidenciou cando as autoridades catalanas suspenderon o nacemento do Estado independente en forma de República de Cataluña xusto despois do referéndum (que só sería vinculante en caso de gañar o "si", como un dos acusados explicou no xuízo), esixindo a partires de entón un diálogo político sobre como se independizar (mesmo así o dicía esta fin de semana o presidente catalán). O certo é que existe un mantra, que se ten estendido como balsa de aceite, que afirma a existencia do prometido "dereito a decidir" mais, como di o TS, nin existe nin se pode asemellar ao dereito de autodeterminación dos pobos colonizados (suxiro un breve repaso por todos os textos internacionais).

 

As penas ás que os acusados foron condenados son, por tanto, consecuencia da comisión dunha acción típica, antixurídica, culpable e punible, é dicir, dun delito, e non da defensa política da independencia de Cataluña.

 

A sentenza do TS -e o xuízo de meses e en directo que a precedeu- marcarán un antes e un despois na historia do proceso penal en España e provocarán ríos de tinta durante moitos anos. Está sendo criticada por "inxusta" (como se o Dereito -a Lei, en definitiva- e a Xustiza tivesen que coincidir) e por dura ou, paradoxalmente, por blanda. Sexa como sexa, a única obriga é que convenza, o que lexitimaría o labor do Tribunal. Rematado o proceso penal, agora queda a Política. Confiemos en que, desta volta, faga ben o seu traballo.