A ponte do Couto, ousadía imperturbábel

04 de abril 2024
Actualizada: 18 de junio

A ponte do Couto, medieval de prosapia romana, é unha ousadía. Os artífices ponteiros que a construíron en itinerario ancestral e meridiano –a antiga vía xix ás portas de Pontevedra– tiveron o atrevemento de empecer o avance do río Tomeza-Gafos –ora calmo, ora impetuoso– interpóndolle unha estrutura de pedra, soerguida sobre dúas bóvedas lixeiramene apuntadas.

Con moito tino, os canteiros enfrontaron a corrente cun agudo tallamar para domear o empuxe das augas –divide e vencerás–. E o prodixio arquitectónico deu mostra da súa valía e sabio concerto aturando impertérrito durante centurias as enchentes invernais e as inopinadas, deixándose rebordar e somerxer –carecente de peitorís– cando conviña, ao tempo que gardaba a seco transeúntes e carruaxes –fondas rodeiras do lousado.

A ponte do Couto é unha ousadía, pois de intrépidos é obrar contra natura e camiñar sobre as augas –véxase Baltimore–. Por tal, xa os canteiros de fábrica, xa o cicel popular, labraron na clave dunha das bóvedas unha cruz-calvario para encomendar a travesía e a perdurabilidade do edificio ao deus do novo credo, que xa antes foran outros os deuses propiciados.

Ninguén pode cruzar dúas veces o mesmo río (Heráclito dixit). Nós e os ríos somos mudanza; só as pontes de boa feitura permanecen imperturbábeis. Anque o animal humano sexa o único que tropeza dúas veces na mesma pedra, rexeitamos acabar entoando aquilo de "a burro morto, cebada ao rabo".

A ponte do Couto é ponte vella e canda a do Burgo –sobre o Lérez– simbolizan imperecedoiras a Boa Vila, fundada "de aqueste río (cal deles?) en la orilla".