A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo pide protección para el Parque de Cotorredondo y Laguna de Castiñeiras

26 de octubre 2017
Actualizada: 18 de junio 2024

Hai uns días enterámonos a través dos medios da prensa escrita que a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz López, instaba os concellos de Marín e Vilaboa a solicitar a figura de interese local para o Parque de Cotorredondo e Lagoa de Castiñeiras para recuperar o lugar.

Neste sentido a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo quere amosar o seu apoio a calquera figura de protección e a calquera planificación que supoña recuperar e conservar a contorna do Parque de Natureza de Cotorredondo e a Lagoa de Castiñeiras. Un plan que permita revertir a situación de abandono e degradación que levamos denunciando esta plataforma e outros colectivos sociais nos últimos anos.

Mais, no entanto, a proposta de solicitude de Espazo Natural de Interese Local (ENIL) que lle aconsella a dita directora xeral a través da Consellaría de Medio Ambiente aos concellos de Marín e Vilaboa para este espazo, ao noso parecer, non semella a máis apropiada xa que este lugar non é un espazo natural propiamente dito, senón máis ben un parque forestal formado por especies de varios continentes e unha lagoa artificial creado pola man humana a partir de mediados do século pasado.

Esta proposta para cualificar como ENIL este espazo, para a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo na realidade só representa unha manobra por parte da Consellaría de Medio Ambiente e a Xunta de Galiza para nos distraer e evadirse unha vez máis das súas responsabilidades nos labores de mantemento e conservación, dentro do conveniado coa propiedade mancomunada e compartida do dito Parque.

Neste sentido, para a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo parécenos máis apropiado, coas nosas reservas, o proxecto de creación dun xardín botánico compartido que solicitaron no seu momento as comunidades de montes de San Martiño de Vilaboa, Santa Cristina de Cobres, San Xian e Santo Tomé de Piñeiro para un total de 74 Has. de superficie forestal a través da Fundación Lago Castiñeiras-Cotorredondo.

Cómpre tamén ter en conta á hora de revitalizar e recuperar este espazo a proposta de conectar por un lado o Parque e a Lagoa de Castiñeiras co Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños existente nos montes das parroquias de San Xian (Marín) e Lourizán e salcedo (Pontevedra), a través dun corredor até o Monte Pornedo que permitise poñer en valor a contorna natural e patrimonial dos conxuntos de gravados rupestres de Champás e A Carrasca, nos montes dentro da parroquia marinense de San Xian.

E por outra banda recuperar o proxecto inacabado e abandonado no ano 2008 da ruta das mámoas do Morrazo que, ao longo dos seus 7 kilómetros, conecte ambiental e culturalmente o conxunto das mámoas de Chan de Castiñeiras coas de Chan de Arquiña a través de Outeiro de Ombra, Chan da Armada, Fonteseca e Lagucheiros, polos montes das parroquias de San Xian, San Martiño de Vilaboa, Santa Cristina e San Adrián de Cobres, Santo Tomé de Piñeiro e Domaio, nos concellos de Marín, Vilaboa e Moaña.

Con todo, e xa que se pon enriba da mesa a figura dos ENIL, esta plataforma insta aos concellos de Vilaboa e de Marín a solicitar esta cualificación, de xeito máis apropiado, para a ribeira dos regos Trasmil-Portiño e Río Maior (no concello de Vilaboa), e para a ribeira dos regos Neibó-Loira e Gorgadas (no concello de Marín), con fauna e flora salvaxe e hábitats naturais de interese comunitario e prioritario a nivel europeo de bosques aluviais, breixedais húmidos atlánticos e carballeiras galaico portuguesas, ao que se lle podería engadir a recuperación e posta en valor dos valores culturais e etnográficos asociados, en especial nos das ribeiras marinenses citadas, cunha situación de abandono e degradación alarmantes. 

Outro dos espazos naturais que tamén podería entrar dentro desta catalogación, ou no seu defecto como Espazo Privado de Interese Natural (EPIN), no concello de Marín é o de Outeiro da Teixugueira, máis coñecido como Monte do Castelo, na parroquia de Ardán, cunha importante e incipiente carballeira entre a penedía, os vestixios do castro prerromano e medieval e a corredoira asociada, dentro dun espazo de grande valor paisaxístico, ambiental e cultural.