A Historia recorda e recordará ós homes que fixeron política non polo seu nome, senón polas súas boas accións.
Claro está, que poucos políticos conseguen deixar pegada e facer historia, a maioría transitan por ela, deíxanse levar polos acontecementos e confórmanse con facer pequenas aportacións que o tempo irá disipando.
Non foi o caso do histórico José Ramón Abal Varela, Moncho, como todos se dirixían a el, para min unha figura política e humana irrepetible.
Un home sinxelo, xeneroso e moi próximo a todos. Que non necesitou coñecer cal era a diferencia entre unha Lei Orgánica e unha Lei Ordinaria para ser considerado un dos alcaldes referentes na Provincia e en Galicia, sendo Deputado Provincial durante máis de 6 anos.
Persoalmente, o primeiro mitin do que teño memoria foi nas eleccións municipais do 95, as primeiras nas que o meu pai non formou parte da súa candidatura despois de 16 anos, cheo ata a bandeira, ilusionándonos a todos coas súas palabras.
Tamén me lembro da súa presencia en todos os festivais do Colexio de Tenorio, saudándonos con especial cariño ós nenos máis pequenos e que todos coñecíamos quén era e o que representaba, e quén me diría naqueles momentos en que eivas acabaría eu tamén anos máis tarde
Dou por feito que todo o que puido facer o fixo, sempre, contando con equipos de concelleiros representantes das distintas parroquias que lle axudaban a facer máis doada a tarefa de Goberno.
Seguramente, puido ter algún erro, pero calquera, cando toma decisións, ten a posibilidade de cometelos, mais o que sempre lle moveu foi o amor por conquerir proxectos que nos colocasen no mapa, o amor por Cotobade.
Con el morre o político clave da nosa transición, ademais dun dos homes que máis e mellor o fixeron polo progreso da nosa terra.
Sinto unha fonda tristura pola grandeza que representou, da súa bonhomía, e a gran empresa que levou adiante como embaixador de Cotobade, pois ante as Institucións falar de Cotobade era falar de Moncho.
Eu como Alcalde, que son consciente da dificultade que conleva estar ben situado para catapultar ao teu concello a conseguir aquelas cousas que un Alcalde entende como prioritarias, sinalo a inmensa laboura de Moncho perante a Deputación, a Xunta e o Estado, conseguindo incluso no seu último mandato a consecución dun Centro Médico en Tenorio, a Ponte de S.Xurxo a Fentáns ou un Convenio Millonario do Ministerio de Obras Públicas para a mellora de accesos na N-541.
A impronta que deixa en Cotobade despois de 30 anos como Alcalde é moi grande, pero máis fonda, máis importante, é a pegada que deixa na memoria de todos, que sempre o lembraremos como o que foi, o Alcalde Moncho.