Dona Pepa Pardo, secretaria xeral do PP de Pontevedra reivindica a teocracia. Como persoa ten liberdade de reivindicar mesmo a levitación e a visión beatífica. Como representante política, non. Ten limitacións xurídicas.
Os políticos profesionais só teñen una función política, e, como políticos, só poden estar nas institucións do Estado. Como persoas privadas, fóra da súa función profesional, teñen liberdade para distribuír o seu tempo nos lugares e ambientes que eles decidan, dentro do legalmente permitido.
Un alcalde, en canto político, non ten que estar coa xente, como afirma dona Pepa Pardo. Ten que estar a onde a profesión llo esixe e llo permite. Sería populismo de mal gusto e dubidosa legalidade que o alcalde fose, como alcalde, a onde acudise unha multitude (unha verbena popular, un concerto de rock, un partido de fútbol, unha procesión de santa Comba, unha toureada, unha praia ...)
Alcalde e o seu goberno non representan a todos, como afirma dona Pepa Pardo, gobernan para todos. Iso ben o sabe dona Pepa Pardo. Representar e gobernar son funcións ben diferentes! Ou que? Cada concelleiro e cada partido representan aos seus votantes. Se non fose así a oposición podía coller a fardela e marcharse para a súa casa. Porque, que fai un electo na institución na que non representa a ninguén? Se o alcalde representa a todos, vostede a quen representa?
Dona Pepa Pardo sabe perfectamente que o Estado e as súas institucións, como os Concellos, e que a Corporación Igrexa Católica Apostólica e Romana (CICAAR,SA) e as súas franquías, como as Parroquias, son ordenamentos xurídicos autónomos e independentes. Anque moitas persoas pertenzan as dúas institucións: a una como cidadáns e a outra como socios.
Non é de dereito e encima é repugnante que un gobernante político figure, como tal, nunha solemnidade na que a CICAAR celebra o seu tótem protector, significando, coa súa presencia, a dependencia política e implorando a mediación totémica para sacar adiante o seu programa electoral. Carnavalesco, non si?
Só falta que o PP tente recuperar a tradición de que o alcalde tome posesión do cargo nun oficio relixioso. E pida que se anuncie con repique de campás. E se celebre con misa solemne de Te Deum e invocando ao Espírito Consolador como guía. E que o alcalde prometa gobernar o municipio para a maior gloria de Deus e da súa santa CICAAR, e remate coa cerimonia da bendición do bastón de mando por xestor-xerente da CICAAR,SA no municipio.
Parabéns para o alcalde Lores e para Carme da Silva por ter as ideas claras e as decisións firmes.