A vila de Marín tivo a sorte no ano de acoller a Escola Naval de Marín (E.N.M.) que tanto prestixio e fama aportou ao noso pobo. Ademais temos a inmensa tradición de ser bendicidos coa visita anual de membros da Familia Real e podemos presumir de que tanto o Rei coma o príncipe se graduasen na nosa E.N.M. Canta honra?, mágoa que en tantas visitas nunca se tomasen un momento para coñecer Marín e promocionar o turismo en vez de fuxir e se como moito fan parada, acostuma a ser en Sanjenjo para desfrutar dunha mariscada (con todo o meu respecto a Sanxenxo).
Pois ben, pese a esa idea burguesa que algún teñen por semellante privilexio, o certo é que por sorte, aínda somos moitos/as que pensamos que non nos aportou nada en absoluto, máis ben ao contrario, deixou a Marín pechado ao mar, os terreos foron roubados aos seus donos pese ás protestas cidadás deixando á poboación sen identidade de vila mariñeira.
Xa é vella a reivindicación do B.N.G. en Marín onde se pide que tanto as instalacións deportivas como o Hospital estean a disposición do pobo. Temos unha Escola Militar onde a meirande parte está inutilizábel, onde só os familiares, amigos e privilexiados poden usar as súas instalacións.
Mais cómpre que o que pagamos entre todos podamos usalo tamén todos. O porto deportivo débese instalar onde está o Club Naval de Regatas da Escola Naval. Abonda xa de destruír a nosa paisaxe cando temos outros recursos mellores o noso dispor.
Levamos anos esperando que se cumpra a promesa da construción dun centro de saúde en condicións que non da chegado.e namentres, temos un hospital no centro da vila pero só para uso militar porque a poboación civil non se merece semellante privilexio! Non vaiamos pensar que todos somos iguais!