A cidade que camiña

11 de noviembre 2023
Actualizada: 18 de junio 2024

Non hai nada novo sen idear; outra cousa é que funcione sobre todo se tes tempo e espazo. Naquela xeración de posguerra, nós tivemos por sorte o refacho dunha cidade que gozou de espazo, liberdade e confianza

Non hai nada novo sen idear; outra cousa é que funcione sobre todo se tes tempo e espazo. Naquela xeración de posguerra, nós tivemos por sorte o refacho dunha cidade que gozou, dentro da dureza do tempo, de espazo, liberdade e confianza.

 

Esperaba polo meu amigo despois de darlle, coma sempre, un asubío no portal para que soubera que eu xa estaba esperando abaixo para ir ao instituto. Logo que baixara, a partir de aí, o rumbo a tomar era noso. Ben, de vez en cando, a pouco de saír, algún que outro deses días luminosos, debido á chamada da natureza, tomabamos rumbo cara ao río, como facían Tom e Huck..., segundo contaba un tal Mark Twain e, sobre as once, segundo estivese a marea xa tiñamos pescadas media ducia de robalizas.

 

Cando íamos dereitiños á clase, polo camiño ían aparecendo o resto de rapaces da tropa e todos xuntos camiñabamos a non pequena distancia ata o instituto en completa liberdade, cheos de vitalidade, discutindo das nosas trapalladas, tirando o trompo ou facendo un "güa" a fume de carozo, un "currillo" de bólas, trocando cromos de Bruguera ó tempo quedabamos uns pases en profundidade co balón que alguén levaba para xogar un partidillo na media hora do recreo.

 

Ricardo, o meu veciño de portal, máis eu, fixemos non hai moito, logo dunha porrada de anos sen saber o un do outro a causa desas cousas ás que che leva a vida, unha declaración de irmandade. Tras o reencontro díxomo:

 

- Daquela para min eras como un irmán maior.

 

Así se sentía el, pero o que descoñecía era a envexa que eu lle tiña por ter uns irmáns marabillosos cos que xogar os días de choiva.

 

Xa teño falado del. Meu irmán apelídase Araujo Rodríguez e o último que sei del é que canta nunha Coral unha bonita canción que fala da amizade. Falamos pouco pola miña culpa, pero eu sei que a amizade entre os dous é sólida.

 

A convicción vai vindo pouco a pouco sen que te decates. Deste xeito paseniño, un día calquera, coa maxia do cogomelo, xordes na amañecida consciente da túa pertenza á terra adoptiva, dono da rúa e do ar que respiras, collido da man lúdica dunha nenez que subxectivamente dura un tempo longo e íntimo, tan seu que basta con que te alonxes un pouco del para sentir nostalxia do namorado que morriñenta o regreso.

 

É que o vínculo que ata unha cidade a un neno é unha verdadeira historia de amor na que apareces de súpeto e vas decatándote só do teu asentamento e do teu lugar na triboo que che queda da nenez, o encontro coa adolescencia e parte da xuventude.

Así eramos os nenos de Pontevedra: Gafos, Verxel, Estadio da Xuventude, A Seca, Campolongo, Virxe do Camiño...; uns nenos autónomos, libres dos medos da superprotección dos maiores dos que tiñamos unha confianza plena. Medrabamos nun espazo ilimitado capaz de chegar á casa pasadas as once da noite logo de rematar os deberes nas pasantías privadas logo das clases oficiais nunha cidade que nada ten que ver coa de hoxe.

 

Pasados os anos, estas poboacións o desenrolo económico vaise apoderando dos espazos e dispárase entre outros o" electrodoméstico" máis distinguido e voluminoso que require a ocupación brutal das rúas o tempo que provoca ruídos, fumes e contaminacións diversas. Por entón (primeira metade dos cincuenta) recordo unha campaña de concienciación feita polo concello titulada "El Guardia Prudencio", encamiñada sobre todo ós accidentes, non á ocupación do espazo peonil da que ninguén parece decatarse; ata hoxe onde esperta a razón e unha serie de cidades, "Cidades que Camiñan", fan fronte común ó problema tratando de reverter o proceso. Entre esas cidades está Pontevedra.

 

Nun recordo de actividade profesional engadido aquí como testemuña do xa comentado, direi que hai uns quince anos no C.P.I. Vicente Otero Valcárcel de Carral levouse a cabo un proxecto, máis pequeno, pero semellante digamos de autoafirmación e desapego da tutela familiar que deu, ata onde eu recordo, moi bo resultado. Tratábase de lograr nos nenos que non utilizaban transporte escolar prescindiran do acompañamento e vixilancia familiar na ida e volta ó colexio procurando que así tivesen máis independencia e menos medo a camiñar sós, sen a innecesaria autoproteción dos pais.

 

Non recordo os pormenores posto que non fun profe involucrado, pero parecéme interesante citar a referencia, así como dicir que non hai moito unha das persoas clave naquel traballo pasou por PontevedraViva cunha colaboración ou entrevista... e podería ratificar a cita.

 

O xigantesco listado de puntos a tratar no xigantesco proxecto chamado "Cidades que Camiñan" (ver baixo este titular, Pontevedra Viva), ten unha visión en titulares na xuntanza celebrada en Valladolid 2023. A súa amplitude temática fala da necesidade de abrir espazos ós nenos, pero o seu ámbito e variado e interdisciplinar. Non se trata nin moito menos de facer unha cidade nova -que tamén- senón desencorsetar ós nenos, mostrarlles novos espazos, devolverlles ese sentimento de auto decisión persoal., El é o gran Hudini, preso con cen candados e pouco tempo para ceibarse.

 

Hai un xogo de todos coñecido no que sempre saes do "pozo" e mides unha cuarta antes de impulsar a bóla. É fácil de recoñecer. Podería ser este un cartel, cun título axeitado.