ÿ difícil atopar a alguén que non queira comer un melocotón por se de repente se atopa co óso. Isto é máis ou menos o que ocorre se reducimos a utilidade da Ponte da Barca a un problema de coches sen máis. Por centrarnos no refugallo, perdemos a vitamina.
A ubicación da cidade nun extremo do termo municipal fai que entre Pontevedra e Poio medie unha simple rúa, desde a construción da ponte alta, nos primeiros anos do século XX. Hoxe, Alfonso XIII, Echegarai e Colón, a ponte e as rúas da Barca e Andurique, no concello veciño, conforman un eixo darredor do que viven varios miles de persoas que forman parte da mesma comunidade, pese a figurar administrativamente en concellos distintos.
Pontevedra non remata na Barca máis que para o censo. A cidade debe ser un perfume que expanda o seu amable engado cara a concellos veciños, empezando por suposto pola Barca, A Caeira, O Vao, Ferreirós, etc.
Debemos ubicarnos nestas coordenadas xeográficas de longo alcance, e non limitarnos a contar os minutos que empregamos en percorrer o quilómetro e medio que separa a glorieta de San Roque da caótica aglomeración automobilística do outro lado da ponte, coma se iso fose o noso único afán.
Quizaves á Xunta non se lle poida pedir demasiada intelixencia nestes asuntos, porque non teñen moita experiencia en mobilidade urbana, e ademáis son conservadores sempre optan pola inercia antes que pola innovación e a experimentación... e así nos vai.
Pero a opinión pública da capital debe prantexarse preguntas importantes e ambiciosas:
Queremos que Pontevedra continúe pechada ao suroeste por unha rúa suburbial de incómodo tránsito, ou optamos por facilitarlle a vida aos centos de veciños que viven entre o Pazo Besada e a ponte?
Queremos que os veciños da Avenida da Barca, unha rúa urbana con tendas, hoteis, padarías, restaurantes, supermercados e oficinas bancarias continúe sendo o inmundo túnel urbano, ateigado de motores, ruídos e fumes que é hoxe?
Queremos que a rotonda da Barca continúe a ser esa confusa confluencia viaria chea de incidencias e incapaz de distribuir tanto coche como ten case a todas horas?
Queremos persuadir ás persoas que viven a escasos metros de Echegarai e Colón que se incorporen a Pontevedra para desenvolver a súa vida e axudar a mover a súa economía como o fan as da Avenida de Lugo, a zona do Sexto instituto ou as de Médico Ballina, ou seguimos facendo coma se non existisen?
Queremos condenalos de por vida a transitar unha ponte alta e desprotexida dos ventos e a choiva, esquivándose uns a outros, sen condicións de accesibilidade e co tráfico a motor salvaxe e embrutecido?
Queremos, en definitiva, recoñecer que os cidadáns do concello veciño forman parte de Pontevedra como de feito son xa, por pura proximidade xeográfica, ou continuamos pasando deles?
Queremos seguir padecendo os insufribles engarrafamentos para sair da cidade, queremos que os residentes de Echegarai continúen alterados pola doble fila, os ruídos e as incomodidades derivadas dos automóbiles, queremos que as rúas que conducen á ponte estean ateigadas de motores mentres os 4 carrís de Uruguai-Corbaceiras son un plácido edén?
Seica a Xunta ten que construir un vial no Bao para favorecer os movemementos de coches, pero supoño que tamén terá que promover dalgún xeito o uso da espléndida vía rápida que vai desde o Convento a Campañó, que tamén é da súa propiedade e está claramente infrautilizada.
Pero sobre todo debería prantexarse convertir a Ponte da Barca no gran bulevar que nos axude a facer cidade, a ser un punto de encontro e non un árido muro de separación, como agora.
O centro de Pontevedra está unido ás zonas máis alonxadas por vías coidadas, guapas e útiles como a avenida de Vigo, Benito Corbal, Xaquín Costa, Eduardo Pondal, Cobián Roffignac, Rosalía Castro, a Avenida da Coruña (agardemos que O Burgo non tarde en convertirse no gran monumento urbano que merece ser). O eixo Echegarai - A Barca - Andurique está chamado a ser a nova dimensión urbana da Pontevedra de hoxe, integradora e dinámica, e a todos nos interesa que esa parte do municipio de Poio vaia integrándose na conurbación capitalina con normalidade e harmonía.
Non sei que pasará realmente tras as obras da auga que manteñen hoxe a ponte cun único carril de circulación, pero estreitar o debate e reducilo ao que costa circular quilómetro e medio en coche, parece un mal favor que nos facemos.
Unha Ponte da Barca restaurada, con dignas beirarrúas, ben alumeada e amoblada, protexida dos ventos, fermosa e pola que dea gusto achegarse ao centro da cidade, sería moito máis útil para Pontevedra que o triste vial que hoxe desemboca nunha agobiada rotonda e un gris rueiro suburbial.
Hai moita vitamina aí ao lado para atraer a onda nós. Aproveitémola.