A 'APDR' mantén a súa posición contraria á construción da Autovía A-57

02 de diciembre 2023
Actualizada: 18 de junio 2024

Na Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR), vimos de recibir da Demarcación de Carreteras del Estado en Galicia (Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana), un Oficio polo que se nos fai saber a aprobación definitiva do documento técnico de Estudio de Impacto Ambiental relativo ao tramo A Ermida-Pilarteiros da chamada autovía A-57, aprobación que figura no BOE do 16 de novembro de 2023

Na Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR), vimos de recibir da Demarcación de Carreteras del Estado en Galicia (Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana), un Oficio polo que se nos fai saber a aprobación definitiva do documento técnico de Estudio de Impacto Ambiental relativo ao tramo A Ermida-Pilarteiros da chamada autovía A-57, aprobación que figura no BOE do 16 de novembro de 2023.

Desde o primeiro momento en que se propuxo a construción da A-57, na APDR mantivemos unha posición contraria ao proxecto e, como fixemos constar no prego de alegacións presentadas en xaneiro do ano 2019, optamos pola chamada 'Alternativa 0' para o tramo A Ermida-Pilarteiros que nos ocupa nesta nota pública. É dicir, propuñamos daquela "non desenvolver ningunha das actuacións propostas e empregar a rede viaria xa existente (AP-9, N-550, PO-223, PO 224, PO-532 e/ou PO-592) para evitar así o impacto sobre unha zona do río Lérez declarada coma LIC e coma Zona Especial de Conservación da Rede Natura 2000, sobre o río Almofrei, sobre bens de interese patrimonial, e sobre as propiedades e vivendas da veciñanza afectada pola súa construción”, unha opción que seguimos defendendo por máis que coa resolución agora adoptada polo Ministerio teña sido definitivamente rexeitada.

Tal como se sinala no oficio remitido á APDR, a Resolución adoptada polo Ministerio pon fin á vía administrativa, polo que non queda máis que a vía do recurso de reposición diante da propia titular do Ministerio ou a do contencioso-administrativo diante da Audiencia Nacional, opcións que en ambos os dous casos contan con escasas posibilidades de éxito e que teremos que valorar nos órganos de dirección da nosa Asociación.