A APDR entrevistouse co xefe do Servizo de Costas en Pontevedra

24 de febrero 2020
Actualizada: 18 de junio 2024

O pasado venres 21 de febreiro, unha representación da Asociación Pola Defensa da Ría (APDR), mantivo unha reunión co Xefe do Servizo de Costas en Pontevedra, Enrique Fernández, para recabar información sobre o procedemento de reversión ao dominio público dos terreos que ocupou ELNOSA unha vez decretada a caducidade da súa concesión en Lourizán, e sobre a situación actual da concesión de ENCE.

O pasado venres 21 de febreiro, unha representación da Asociación Pola Defensa da Ría (APDR), mantivo unha reunión co Xefe do Servizo de Costas en Pontevedra, Enrique Fernández, para recabar información sobre o procedemento de reversión ao dominio público dos terreos que ocupou ELNOSA unha vez decretada a caducidade da súa concesión en Lourizán, e sobre a situación actual da concesión de ENCE.

Neste sentido, confirmounos que ELNOSA está obrigada a desmantelar as instalacións fabrís e á recuperación e descontaminación dos terreos ás súas expensas, para o que debe presentar un proxecto e unha garantía económica; que ata o momento, BONDALTI (actual propietaria de ELNOSA) presentou un documento previo, de "Análise de risco", que ten recibido un informe desfavorábel por parte do Ministerio para la Transición Ecológica por entender que é obrigatorio eliminar "todas as instalacións", o que inclúe aquelas soterradas, e non só as existentes por riba da cota cero como pretendía a empresa.

Polo que fai á recuperación dos terreos, afirmou que as competencias correspóndenlle á Xunta de Galicia, no marco da Autorización Ambiental Integrada (AAI), vixente mentres non se revertan os terreos ao dominio público. E aínda que no Servizo provincial de Costas non se ten recibido o Proxecto, cónstalle que conta coa aprobación inicial da Xunta de Galicia e que foi enviado ao Ministerio para solicitar o seu visto bo. 

De acordo coas declaracións do Sr. Fernández, a lexislación non establece prazos concretos para a execución das obras de desmantelamento das instalacións e recuperación dos terreos, pero entende que non se dilatarán moito no tempo porque tanto a empresa como as administracións autonómica e central, teñen manifestado a súa intención de reverter estes terreos ao dominio público no prazo máis curto posíbel.

A pregunta da APDR, asegurou que en ningún caso estes terreos poderían ser ocupados por ENCE.

No tocante á situación actual de ENCE, expresamos a nosa preocupación pola queima de aceites usados na planta de biomasa, unha práctica ilegal que a APDR denunciou en xullo de 2019 e que entendemos entra en contradición non só coa AAI senón tamén co título da concesión inicial de 1958. Neste sentido, preguntámonos se desde o Servizo de Costas poderíase iniciar un novo expediente de caducidade da concesión, posibilidade que o Sr. Fernández non contempla por considerar que se trataría dun incumprimento da AAI e, xa que logo, competencia da Xunta de Galicia.

Finalmente, abordouse a polémica aberta sobre a suposta "modificación da Lei de Costas", unha modificación que o Sr. Fernández nega de forma tallante, confirmando a nosa posición de que o Ministerio de Transición Ecolóxica pretende tan só adecuar o Regulamento Xeral de Costas á Lei. 

Segundo afirma, o texto regulamentario -que xa foi sometido a exposición pública e que está a espera de seren aprobado- contempla, de forma explícita, a limitación a 75 anos do tempo máximo de permanencia en dominio público para calquera instalación, ampliando ademais o número de supostos para as concesións iniciais (actualmente só de 60, 50 e 40 anos) que, en todos os casos, serán máis curtas para facilitar a revisión frecuente das concesións e evitar situacións de permanencias prolongadas que poidan dificultar a reversión futura dos terreos. En calquera caso, nada vai mudar no que fai á solicitude de prórrogas para aquelas instalacións que, pola súa natureza, teñan que estar en dominio público.

E deixou ben claro que, tal como vimos dicindo desde a APDR, as bateas e demais instalacións de acuicultura (e a pesar de seren concesións en dominio público marítimo-terrestre) réxense pola Lei de Pesca de Galicia e non pola Lei de Costas, polo que moitas das afirmacións realizadas polos representantes do chamado "complexo mar-industria" e mesmo desde a propia Xunta de Galicia, carecen de fundamento e semellan claramente interesadas.

Antón Masa, presidente da APDR