2-O

01 de octubre 2017
Actualizada: 18 de junio 2024

Non. Non é un erro, estimado lector. Refírome ao 2 de outubro, festividade dos Anxos Custodios, en que se celebra o Día da Policía española e non ao 1-O, tan machaconamente repetido ao longo dos últimos meses.

Non. Non é un erro, estimado lector. Refírome ao 2 de outubro, festividade dos Anxos Custodios, en que se celebra o Día da Policía española e non ao 1-O, tan machaconamente repetido ao longo dos últimos meses.

Evidentemente que aos policías españois vailles afectar o 1-O, e moito me temo, aínda que espero trabucarme, que a súa intervención vai ser importante e decisiva no desenvolvemento dos acontecementos desa data. Pero tempo haberá para analizar o sucedido en Cataluña o domingo 1 de outubro.

O Día da Policía debe ser, non un simple acto institucional, senón unha xuntanza agarimosa, de lembranza dos compañeiros que xa non están connosco, pola idade ou porque caeron en acto de servizo, nunha mostra enorme de solidariedade, en defensa dos dereitos e liberdades dos cidadáns. E como non, tamén na reivindicación dunha policía máis eficiente e eficaz, que teña como meta satisfacer as necesidades dos cidadáns e ao menor custo posible, con transparencia na súa xestión e implicando á cidadanía nas políticas e estratexias de seguridade. Asemade de definir os obxectivos a conseguir e a estrutura corporativa. Neste senso, resulta imprescindible elixir as persoas que van a desenrolar o proxecto, afastados de calquera connotación política partidista ou do eido de poder económico ou social, para evitar situacións como as vividas nos derradeiros anos na Policía española e que tanto descrédito lle produciu.

Neste País, en Galicia, e na nosa Pontevedra, pasaron máis cousas relacionadas coa seguridade e a liberdade dos cidadáns que o 1-O. E, en moitas delas, xogaron un papel importante os homes e mulleres da Comisaría pontevedresa. Velaí está, malia os escasos recursos que a iso se dedican, a loita constante contra a violencia de xénero; contra o tráfico de drogas, cunha gran intervención ao incautar una das maiores cantidades de heroína da historia, non só en España senón en Europa; o servizo humanitario, salvando a vida das persoas, algunha de morrer afogada no río Lérez; as investigacións contra os delitos telemáticos, as persoas ou a propiedade; ou o labor calado, penoso, continuo dos funcionarios e funcionarias que, día a día, patrullan as rúas da nosa Cidade.

A todos eles e a todas elas, o meu recoñecemento polo seu traballo, por outra banda, tan pouco valorado polos distintos gobernos.

Pero o 1-O a Policía española en particular, e os Corpos e Forzas de Seguridade do estado en xeral, temos un serio reto. Atrévome a dicir que un reto nunca abordado.

E ante ese reto, os policías somos conscientes que debemos ser profesionais emocionalmente equilibrados, que temos en gran estima a todo o que supoña a defensa e dignidade dá persoa humana, pero que estamos sometidos, nas nosas actuacións, ao marco legal, adecuando os fins a conseguir e os medios a empregar.
Aínda que a Lei supoña unha servidume, é o medio que reúne as garantías de ser o produto dunha técnica xurídica posta ao servizo do ben común.

Non lle caiba a menor dúbida, estimado lector, que a Policía española cumprirá co mandato constitucional, tal como xurou ou prometeu.

Nun Estado de dereito non pode ser doutro xeito.