O subdelegado do Goberno, Abel Losada, presidiu este xoves unha xornada para presentar a medio centenar de axentes dos equipos de violencia de xénero da Policía Nacional, a Garda Civil e as policías locais da provincia o novo modelo de resposta policial á violencia de xénero.
Este modelo apóiase en dous instrumentos centrais: o Sistema VioGén 2, plataforma dixital de novo deseño que incorpora a tecnoloxía máis avanzada na materia; e o Protocolo 2025, que aglutina e actualiza todas as novidades introducidas polas sucesivas instrucións ditadas pola Secretaría de Estado de Seguridade desde 2018.
A xornada estivo coordinada pola xefa da Unidade de Prevención de Violencia de Xénero da Subdelegación, María José Rodríguez.
Contou coa participación dos equipos das Unidades de Atención á Familia e á Muller (UFAM) das comisarías de Pontevedra, Vigo-Redondela, Vilagarcía e Marín; os Equipos da Muller-Menor (EMUME) das cinco compañías da Garda Civil na provincia; persoal de Pontevedra e Vigo da Unidade Adscrita da Policía Nacional; e os equipos VioGén das policías locais de Vigo, Pontevedra, Vilagarcía, Redondela, Moaña, Tui, Poio, Sanxenxo, Lalín, A Guarda, Mos, Ponteareas e O Porriño.
Losada destacou que, coa entrada en funcionamento de VioGén2, o sistema "está a dar un novo paso ante esta carreira continua por adaptarnos aos tempos e cubrir as necesidades que o tempo vai poñendo de manifesto".
Apuntou á seguridade como un reto global da sociedade actual e recalcou que a protección das mulleres é un aspecto fundamental. "Hai máis de 1.800 mulleres protexidas por VioGén nesta provincia e estanvos agradecidas polo traballo que facedes", engadiu.
O novo Sistema VioGén 2 introduce importantes novidades para mellorar o algoritmo de valoración de riscos, mellora a interoperabilidade das bases de datos, mellora a capacidade de resposta e a seguridade do sistema e, finalmente, proporciona unha xestión avanzada das notificacións automatizadas, permitindo información inmediata das novidades en cada caso.
O Protocolo 2025 o máis significativo é a desaparición do nivel de risco 'Non Apreciado', polo que os casos distribúense agora en catro niveles de risco: 'Baixo', 'Medio', 'Alto' e 'Extremo'.