Retallos de mundo: 'Viaxar', de Xesús Constela

Poio
03 de octubre 2021

Dende que era ben pequeno e estaba a gozar das miñas primeiras lecturas sempre me sentín fondamente atraído por todas aquelas persoas que decidían percorrer o mundo á procura das máis diversas experiencias, e grazas a elas todas sentín como agromaba en min un crecente desexo de imitar as súas andanzas

Panorama do Volcán Teide, Tenerife, España Xesús Constela

Dende que era ben pequeno e estaba a gozar das miñas primeiras lecturas sempre me sentín fondamente atraído por todas aquelas persoas que decidían percorrer o mundo á procura das máis diversas experiencias, e grazas a elas todas sentín como agromaba en min un crecente desexo de imitar as súas andanzas. Camiñei pola illa do tesouro da man de Robert Louis Stevenson, e tamén estiven na vila de Lilliput xunto do Gulliver de Jonathan Swift, e logo percorrín a Alhambra de Granada grazas aos fantásticos contos de Washington Irving, e visitei a África e a India que tan ben describiron Joseph Conrad e Rudyard Kipling. Podería continuar enumerando unha boa morea de autores que con verdadeira mestría foron quen de sementar en min unhas ansias de me mover polo mundo que espero que nunca me abandonen porque en parte grazas a elas acabei sendo a persoa que son.

De procurarmos a palabra viaxe nun dicionario, o da Real Academia Galega poñamos por caso, atoparemos algo así como "Desprazamento nun medio de transporte dende un lugar a outro situado a unha distancia considerable" ou "Desprazamento a un lugar ou país para visitalo". Nada din estas definicións de moitas reflexións que teño feito cada vez que percorrín lugares máis ou menos afastados que foron de gran utilidade, sen ningún xénero de dúbida, para ampliar a miña visión do mundo e das súas diferentes e cambiantes paisaxes, que non son outra cousa que os escenarios onde se desenvolve a vida cotiá dos seres todos que o habitamos.

Porque dende o meu punto de vista viaxar consiste en deixarse enchoupar de experiencias que non coñeciamos antes de vivilas, en permitir que os nosos ouvidos gocen coa sonoridade de linguas que nunca antes escoitáramos e que serven para describir realidades que nos eran completamente alleas. Cando nos movemos polo mundo nunca debemos quedar na superficie do que descubrimos. Cómpre que intentemos chegar ao miolo da paisaxe que nos rodea e as características dos seres todos que habitan nela. Sempre temos que ir máis aló, afondar niso que os nosos sentidos perciben con ánimo de descifrar aspectos que enriquezan os nosos coñecementos e, xa que logo, nos fagan medrar como persoas. De non actuarmos así non teremos máis valor que as equipaxes que nos acompañan.

Para o crítico de arte e sociólogo inglés do século XIX John Ruskin viaxar de xeito apresurado era incompatible con rexistrar correctamente na memoria un lugar determinado, polo que cando descubría unha paisaxe que chamaba a súa atención, non se limitaba a contemplala durante cinco ou dez minutos para, deseguido, marchar á seguinte etapa da súa ruta, senón que sentaba nun lugar que lle permitise observala con atención para poder devorala coa ollada durante un bo anaco de tempo, e para conseguir que a paisaxe se convertese nunha pegada indelébel no seu cerebro. Para exercitar a súa capacidade de saber mirar, adoitaba debuxar o que tiña diante. Non importaba que o debuxo fose bo ou non. O decisivo era examinar cada detalle para plasmalo nunha folla en branco.

Eu carezo desa habilidade de Ruskin para debuxar, polo que utilizo unha cámara de fotos ou mesmo un móbil para plasmar aquilo que chama a miña atención despois de observar o lugar que visito ao longo de todo o tempo que me resulte necesario, consciente de que cando viaxo non fago outra cousa que sementar a mente de lembranzas que me van ser de moita utilidade no momento de intentar descifrar as claves dos milleiros de diferentes realidades que me tocou vivir. E cando estou de volta na miña cotiandade son plenamente consciente da cantidade de cousas que trouxen no cerebro, contrabandista de memorias que en realidade son retallos de mundo que fun recollendo polos variados recunchos que visitei.

Cando o narrador da miña novela Shakespeare destilado describe o momento en que Willy, o protagonista, recolle os recordos das súas viaxes porque quere despexar o cuarto onde vai construír a maqueta na que vai desenvolverse a historia, utiliza estas palabras: "Coma se estivese a iniciar un ritual contoume como foi dobrando a Gran Canle de Venecia, (…), igual que apenas uns segundos antes fixera coa Quinta Avenida de Nova York, coa Praza de Trafalgar de Londres, e con varias rúas de Bombay. (…) E despois contoume que con todo o agarimo que puido meteu tamén nunha das caixas os metros de París, de Moscova e de Budapest convenientemente enrolados para non derramalos. Deseguido, sen poder evitar un salouco de tristura, coas follas dun xornal atrasado, foi envolvendo un estanque da Alhambra de Granada, e tamén unha pequena cabana nas chairas de Kenya, e logo un anaquiño da tundra siberiana. (…) Foi cara un cuarto que tiña ao fondo do corredor e pechou todo na escuridade dun armario. Logo baixou á rúa para botar no colector do lixo a súa vella maleta das viaxes xa baleira pero aínda impregnada con todo un extenso código de cores, olores, sabores, fríos e calores que só el sería quen de descifrar."

Detrás destas palabras que puxen en boca do narrador da novela están agachadas as sensacións coas que regreso de cada viaxe e que agora estou pronto a compartir con quen lea esta sección, Retallos de mundo, que hoxe inauguro nas páxinas virtuais de Pontevedra Viva.

Que ninguén espere que os meus escritos sexan unha sorte de guía, nin sequera un catálogo de instrucións para se mover polos espazos que quero describir. Nada máis lonxe das miñas intencións. A miña única pretensión é falar acerca de diferentes lugares e experiencias que polos máis diversos motivos chamaron a miña atención e ficaron gravados para sempre no lugar onde atesouro as memorias máis gratas para intentar describilos con palabras do mesmo xeito que Ruskin procedía a plasmalos nos seus debuxos.

Levo unha boa morea de viaxes ás miñas costas, aínda que non tantos como quixera, porque coller calquera medio de transporte acompañado da miña equipaxe é algo que se converteu nunha necesidade para vivir feliz, polo que desexo convidar a quen esta sección lea a deixarse levar a todas aquelas experiencias e a todos aqueles lugares que me fixeron botar a voar a imaxinación, que me convidaron a pensar, que me abraiaron por sorprendentes, que me forzaron a sentir diferentes xeitos de empatía, que me obrigaron a descifrar claves que antes me eran descoñecidas ou que me mergullaron en episodios históricos nos que, polos motivos que fose, nunca tivera ocasión de afondar, e acompañarei todo canto vaia escribindo de fotografías feitas por min ou polos meus acompañantes que, sen ánimo ningún de que poidan considerarse boas, contribúan a axudar a comprender mellor o que queira contar.

Quixera, a xeito de remate, compartir as palabras da escritora americana Susan Sontag, que dicía que non estivera en todos os sitios, pero todos os sitios estaban na súa lista, porque non podo sentirme máis identificado con ela.

Convido, entón, a todo o mundo a deixarse levar pola miña paixón viaxeira e a compartir estes retallos de mundo que vou ir describindo ao longo de moitos domingos nas páxinas deste xornal.

Que teñan unha boa viaxe!