Nunca na vida me sentira incapaz de imaxinar as dimensións reais dun lugar até que tiven a oportunidade de viaxar aos grandes parques nacionais do noroeste de Tanzania, porque nunca estivera tampouco en ningún sitio onde as paisaxes non parecen ter remate e a liña do horizonte está sempre tan lonxe como imaxino que pode estar para os mariñeiros que a albiscan dende os seus navíos cando cruzan un océano. Así de grandes, como enormes mares que substitúen a auga por vexetacións variadas, son eses parques que se estenden ao longo de quilómetros e máis quilómetros e non entenden de fronteiras, como é o caso do Serengueti que, por mor da descolonización, quedou a cabalo de dous países e continúa en Kenya, aínda que alí cambie de nome e pase a chamarse Masai Mara.
Esta zona de Tanzania é unha das máis ricas en vida salvaxe de África e ao mesmo tempo unha das máis protexidas e, xa que logo, mellor conservadas, polo que se converte no lugar perfecto para ver animais que viven en estado salvaxe nunha das paisaxes naturais máis abraiantes que se poidan concibir.
Comecei o meu safari, palabra que en suahili significa viaxe, polo Parque Nacional de Tarangire, que recibe o seu nome do río que o cruza, e está a uns cento vinte quilómetros do lago Manyara, descrito polo gran Ernest Hemingway como o máis fermoso de África.
Moi preto da fronteira con Kenya, ten no sur unha zona de paisaxes pantanosas e ao norte outra de suaves outeiros e grandes chairas repletas de vexetación incluso na tempada seca, e para me poder facer unha idea aproximada das súas dimensións non me quedou máis remedio que recorrer á comparación con outros lugares coñecidos.
Para a miña sorpresa puiden comprobar que Tarangire, que se estende ao longo de dous mil seiscentos quilómetros cadrados, ocuparía algo máis da metade da provincia de Pontevedra, que non chega aos catro mil quiñentos.
Terra de grandes mandas de impalas, ñus e búfalos, ademais dunha multitude de aves de todos os tamaños, son tres as características principais que caracterizan este ecosistema tan inmenso. A primeira é que se trata do fogar permanente de centos de familias de xirafas e dunha das meirandes poboacións de elefantes de África. A segunda é que na tempada seca, igual que acontece no veciño Serengueti, se converte en escenario de xigantescos movementos migratorios de herbívoros que para saciar a sede procuran as augas do río Tarangire, que nunca chega a secar por completo, e a terceira, que a min persoalmente me deixou abraiado, é que alá por onde pases está inzado de poderosos baobabs, esas árbores tan arraigadas nas distintas culturas africanas que deron orixe a unha infinidade de fascinante historias.
Poden acadar unha idade de máis de seiscentos anos e no interior dos seus robustos troncos almacenan inxentes cantidades de auga, algo que as converte nun tesouro nos meses de seca. Conta a lenda que eran plantas tan vizosas que os deuses lles deron o don da vida eterna até que elas, fachendosas, comezaron a medrar de xeito desmesurado, cousa que foi percibida coma un desafío ás autoridades divinas, que para lles dar unha lección de humildade decidiron arrincalas da terra para plantalas ao revés a modo de castigo. E abofé que parecen xigantescas árbores dadas a volta que amosan unhas raíces núas de follas no lugar onde en realidade tiñan que ter as pólas. Deume un inmenso pracer contemplar as súas enormes dimensións, así como observar que animais de todo tipo, sós ou en grupo, se achegaban a elas na procura de alimento ou, no caso dos elefantes, para rabuñar as rugosidades dos seus vigorosos troncos a fin de afiar os cabeiros.
Nas xornadas seguintes despraceime ás terras do Parque Nacional de Serengueti, e desta volta fíxeno consciente das dimensións do lugar que ía visitar, nada máis e nada menos que unha superficie similar á que ocupan as provincias de Ourense e Pontevedra xuntas, case nada.
O Serengueti, que ten a meirande poboación de leóns de África e unha engaiolante paisaxe de infindas sabanas famosas polas grandes migracións de herbívoros, máis dun millón de ñus e milleiros de cebras e gacelas, que as percorren na estación seca na procura de pastos que comer, é o parque máis antigo de Tanzania e foi a patria de centos de tribos da nación masai, que habitaban a zona dende había máis de douscentos anos cando alá polo 1921 foron expulsados e obrigados a desprazarse ás terras altas de Ngorongoro polos colonizadores británicos, que utilizaban o lugar para as súas grandes cacerías.
Este parque, cuxo nome en lingua masai se refire ás inmensas chairas que parecen prolongarse eternamente, resulta ser o lugar ideal para observar os chamados cinco grandes da fauna africana porque é o fogar permanente de numerosas colonias de leóns, elefantes, búfalos e leopardos ademais dunha tristemente escasa poboación de rinocerontes negros que se ve cada vez máis minguada por mor da lacra da caza furtiva.
Dos días que pasei no Serengueti nunca poderei esquecer a gratificante experiencia dos amenceres, con aqueles ceos inmensos tinguidos de potentes tonalidades vermellas entre as que pouquiño a pouco ía emerxendo a impoñente esfera amarela dun sol que en cuestión de escasos minutos non se podía contemplar porque cegaba. É a hora en que os animais teñen que estar alerta porque hai moitos que aproveitan o momento para procurar comida. Tal é o caso dos grandes felinos, que se alimentan de gacelas, ñus e antílopes diversos e para intentar cazalos desenvolven unhas refinadas estratexias que de ningunha maneira poden deixar impávido a quen as presenza.
Camiño da Zona de Conservación de Ngorongoro, fixen unha parada en medio dunha planicie desértica e poeirenta para ver o monumento que conmemora o importante descubrimento da antropóloga británica Mary Leakey, que no ano 1959 encontrou fósiles de homo habilis e de paranthropus boisei, un tipo de australopiteco de case dous millóns de anos de antigüidade, nos xacementos arqueolóxicos da Garganta de Olduvai, que se atopa na zona máis oriental do Serengueti e segue a ser un dos lugares máis importantes do mundo para a investigación da evolución da especie humana.
A historia do cráter de Ngorongoro, cercado por cristas de case seiscentos metros de altura e cun diámetro semellante á distancia entre as cidades de Pontevedra e Vigo, deixoume fascinado porque me permitiu remitirme a hai máis de tres millóns de anos, cando o lugar estaba ocupado por un inmenso volcán que tiña o tamaño do Monte Kilimanjaro, que entrou en erupción, estoupou e acabou colapsando nun deses fenómenos catastróficos de grandes dimensións que marcaron un antes e un despois na historia do noso planeta.
O sitio recibe o nome dunha frase masai que significa "gran cunca", porque iso é o que parece visto dende o alto das montañas que circundan este cráter, que é unha especie de burbulla medioambiental que alberga o que poderíamos chamar a esencia de África ao acoller hábitats tan variados coma prados, pantanos, bosques e ríos, ademais de dous lagos de exuberante vexetación entre os que destaca o Magadi, a súa principal fonte de auga, e iso fixo que dende o primeiro momento en que empecei a percorrelo, apenas uns minutos despois do amencer, mentres as néboas da noite ían deixando paso ás calores que o día traía consigo, tiven a sensación de que os animais que fun encontrando ao meu paso vivían felices nun equilibrio difícil de atopar noutros lugares. As mandas de ñus eran tan enormes que o seu rastro se perdía na distancia e pacían coa tranquilidade de saber que nunca terían que migrar porque no cráter a comida estaba asegurada, os hipopótamos non tiñan que competir polo territorio, como vin no Serengueti, onde estaban enleados nunha constante liorta polo seu sitio nunha lameira case reseca, porque aquí hai auga en abundancia para todos, ás leoas non lles custaba traballo atopar comida porque sempre tiñan gacelas, cebras e ñus ao seu alcance e podían dedicar a maior parte do día á súa actividade favorita, que non é outra que descansar.
Debo recoñecer que a miña visita a estes grandes parques do noroeste de Tanzania, que me agasallaron coas experiencias máis gratas que nunca puidera imaxinar, darían para escribir páxinas e máis páxinas, tal coma fixen no diario de viaxe que sempre vou redactando e no que anoto todo canto me parece interesante. Desta vez quedou repleto de momentos tan fermosos que para describilos non daba encontrado as palabras necesarias.