Retallos de mundo: Os cantís de Moher e O Burren

Poio
28 de noviembre 2021

Adoro Irlanda. Debo recoñecelo. Son un namorado da illa esmeralda, á que levo anos a viaxar con certa frecuencia para visitar os grandes amigos que teño nesas terras húmidas pero tan verdes e tan acolledoras que decontado foron quen de atrapar para sempre o meu corazón

The Burren
The Burren / Xesús Constela

Adoro Irlanda. Debo recoñecelo. Son un namorado da illa esmeralda, á que levo anos a viaxar con certa frecuencia para visitar os grandes amigos que teño nesas terras húmidas pero tan verdes e tan acolledoras que decontado foron quen de atrapar para sempre o meu corazón.

Falar de Irlanda é falar dun país inzado de lendas e historias protagonizadas por personaxes mitolóxicos que disque habitan por todos os seus recunchos, e abofé non hai nada máis divertido que deixarse levar pola súa maxia simplemente por xogar coa tradición.

O guerreiro mitolóxico Cú Chulainn é o personaxe máis famoso da extensa colección de escritos medievais en lingua gaélica contidos no chamado Ciclo do Úlster, e segundo conta unha lenda do condado de Clare, no suroeste, unha vella meiga mariña quedou namorada del con tal intensidade que comezou a perseguilo por toda a illa adiante. Cú Chulainn puido escapar polo mar, saltando de rocha en rocha, mentres que a bruxa, ao non ser tan áxil, esvarou e levou un golpe que lle produciu a morte instantánea.

A historia remata dicindo que dende ese momento a súa cabeza, convertida en pedra, coroa o lugar coñecido como Hag’s Head, "Cabeza da meiga”, un dous puntos máis altos dos cantís de Moher, que desafían a forte intensidade do vento e a dureza das ondas do océano Atlántico ao longo de oito quilómetros de costa e constitúen un lugar tan abraiante que é fonte das lendas máis variadas, como as que falan dunha serea que nada desesperada polo mar á procura dunha túnica máxica perdida, ou dunha anguía xigante que cada certo tempo sube até as ruínas do cemiterio de Kilmacrehy para se alimentar de cadáveres, ou a que nos conduce á cidade lendaria de Kilstiffen, que unha noite desapareceu asolagada polas augas do océano porque o seu chieftain, o xefe, perdeu a chave do castelo que se erguía no centro.

Os cantís de Moher, que en gaélico se chaman Aillte an Mhothair, "cantís da ruína”, polos restos dunha antiga fortaleza do século I a.C. que había na contorna, elévanse cento vinte metros sobre o océano en Hag’s Head pero acadan o seu punto máis alto, nada máis e nada menos que douscentos catorce metros sobre o nivel do mar, no lugar onde se ergue unha torre mandada construír no ano 1855 polo parlamentario do condado de Clare Sir Cornellius O’Brien, dende a que nun día sen néboa poderemos albiscar sen problema non só as fermosas illas Aran e a baía de Galway en toda a súa extensión, senón tamén o faro de Loop Head, na desembocadura do río Shannon, e as montañas de Twelve Bens en Connemara. Un espectáculo do que estiven a gozar ao longo de moitísimo tempo, xa non pola paisaxe, que tivo realmente a capacidade de engaiolarme, senón tamén polos chíos incesantes dos milleiros de aves que teñen os seus niños nas paredes inmensas dos cantís e voan sen cesar desafiando as fortes brisas mariñas, e moitas veces os máis recios temporais, sen a máis mínima mostra de medo nin de vertixe.

As vistas son insuperábeis, e por iso no decurso das guerras napoleónicas, alá polos comezos do século XIX, se construíron varias torres de vixilancia (non só aquí senón ao longo de case toda a costa occidental irlandesa) das que na actualidade só fica a coñecida como Torre de Moher, que se levanta a unha certa distancia de Hag’s Head.

Din os xeólogos que estes cantís, formados hai arredor de trescentos millóns de anos, no período carbonífero superior, son as estruturas rochosas máis antigas de Irlanda, e as feroces arremetidas do mar e a forza dun vento case constante foron os encargados de modelar ao longo de todo ese tempo a paisaxe que a día de hoxe podemos admirar.

Achegarse á beira do precipicio, tapizada de herba e chea de floriñas silvestres na primavera é unha experiencia bastante difícil de esquecer, tal é o poder de atracción que ten unha paisaxe aberta a un horizonte que se fai inabarcábel, e aínda que hai lugares onde o mar se escoita pero non se chega a ver pola propia forma do cantil, que obviamente non é recto coma unha parede construída pola man humana, constitúen un lugar no que resulta imposíbel subtraerse á inconmensurábel forza dun océano escultor que é capaz de modelar estas marabillas da natureza.

No norte do condado de Clare, a non moita distancia de Moher, esténdese unha das zonas máis singulares de Irlanda, o parque nacional d’O Burren, unha área de arredor de 300 quilómetros cadrados case carente de vexetación (nunha illa cuberta de verde por todas partes), unha peculiar paisaxe que acolle diversos asentamentos arqueolóxicos, coma o dolmen de Poulnabrone.

Para nos facer unha idea do que quero describir coma entorno singular, vaian unhas palabras escritas a mediados do século XVII por Edmund Ludlow, o comandante do exército de Cromwell que organizou o sitio da cidade de Limerick, temido cazador de guerrilleiros, destrutor de colleitas e verdadeiro artífice do sometemento total da illa ao poder británico, que dixo que "O Burren é un país onde non hai auga abondo para afogar un home. Nin tampouco madeira para aforcalo, nin sequera terra para enterralo.”

O nome do lugar en gaélico é An Bhoireann, que significa "grande rocha” e non pode ser máis descritivo da paisaxe á que se refire, pois O Burren, que efectivamente parece un mastodóntico penedo deitado a carón do mar, é un dos mellores exemplos que hai no mundo de paisaxe cársica, orixinada pola disoluciónquímica das rochas, basicamente calcarias, compostas por minerais solúbeis en auga.

Ao camiñarmos pola zona, chea, na linguaxe local, de grikes, fendas, clints, rochas, e turloughs, covas, non poderemos evitar, dada a cor da paisaxe e a súa absoluta nudez, evocar eses outeiros de tonalidades grisallas que tantas veces temos visto nas filmacións das aterraxes na Lúa.

Do que este lugar, historicamente dominado polos chieftains do clan Ó Lochlainn, quen se coñecían como "Reis d’O Burren" até o século XVII, cando a conquista en mans de Ludlow, puido representar para as diferentes poboacións que habitaron na súa contorna dende o neolítico, dá idea o feito de que contén máis de noventa tumbas megalíticas, entre as que destaca o domen de Pulnabrone, unha construción de máis de cinco mil oitocentos anos que parece desafiar a lei da gravidade.

O seu nome procede do gaélico Poll Na mBrón, que significa "furado de mágoas” e consta dunha pedra lisa de tres metros de longo a descansar deitada encol doutras dúas sobre outra lousa que lles dá estabilidade.

Ao longo do ano 1985 leváronse a cabo uns traballos de escavación no que se atoparon trinta e tres restos de persoas e unha boa cantidade de obxectos de carácter cerimonial que nos dan unha certa orientación acerca do carácter sagrado que se lle atribuíu a esta zona dende a máis remota antigüidade.

Para nos mergullar aínda máis na tradición irlandesa, unha vez visitados os cantís de Moher e O Burren, non deberiamos abandonar o condado de Clare sen visitar algún pub tradicional da vila de Doolin que nos permita gozar do chamadoWest Clare Style, un estilo musical propio caracterizado por un maior uso da concertina que no resto da illa.

A experiencia será, sen dúbida, inesquecíbel.

 

© Xesús Constela, 2021