Retallos de mundo: O National Mall de Washington

Poio
16 de abril 2023

Cando alá por 1791, quince anos despois da Declaración de Independencia, George Washington, o primeiro presidente dos Estados Unidos, encargou a Pierre Charles L’Enfant, afamado urbanista francés, o deseño dunha cidade inspirada nas grandes urbes europeas do momento para convertela en capital do país, é probábel que nin sequera intuíse que un dos seus grandes parques, o coñecido como National Mall, acabaría acadando unha fama internacional tan grande spantimes>

Memorial da Segunda Guerra Mundial Xesús Constela

Cando alá por 1791, quince anos despois da Declaración de Independencia, George Washington, o primeiro presidente dos Estados Unidos, encargou a Pierre Charles L’Enfant, afamado urbanista francés, o deseño dunha cidade inspirada nas grandes urbes europeas do momento para convertela en capital do país, é probábel que nin sequera intuíse que un dos seus grandes parques, o coñecido como National Mall, acabaría acadando unha fama internacional tan grande que penso que non hai ningunha persoa no planeta que non teña na súa cabeza algunha imaxe desa enorme explanada a forza de vela na televisión ou no cinema a través dos noticiarios ou da infinidade de películas que conteñen escenas que escolleron o lugar como escenario, e precisamente iso foi o que veu á miña mente cando por primeira vez puxen un pé nun espazo único onde a cidade de Washington realmente impresiona e mostra todo o seu poderío, porque o National Mall é, sen dúbida, un dos lugares máis famosos da capital dos Estados Unidos e, xa que logo, os seus gobernantes son plenamente conscientes da súa tremenda importancia como escaparate do país, e por iso se encargan de que non haxa nada que perturbe a idílica imaxe que queren vender. Todo parece estar no seu sitio. Non unha sebe mal cortada, nin unha árbore sen podar, nin unha herba máis alta que outra, por non dicir que se trata dunha das zonas máis vixiadas dos Estados Unidos, o que dá unha idea da acumulación de grandes institucións que se dá nas súas inmediacións, dende a Casa Branca até a Reserva Federal pasando polo Fondo Monetario Internacional ou os diferentes departamentos do Goberno.

Na xigantesca explanada do National Mall, que se estende entre o Capitolio e o Memorial de Abraham Lincoln sen perder de vista a ribeira do río Potomac, tiveron lugar moitos grandes acontecementos que atesouramos na memoria, como aquel famoso discurso do ano 1963 no que Martin Luther King, perante a enorme multitude de persoas que acudiran á Marcha sobre Washington polo traballo e a liberdade pronunciou as famosas palabras de I have a dream, Teño un soño, para reivindicar a igualdade entre negros e brancos, ou as diversas protestas contra a guerra de Vietnam na década de 1970 que acadaron o seu punto máis importante cando centos de veteranos ocuparon o National Mall nunha protesta que acabou co lanzamento das súas medallas contra as escaleiras do Capitolio, o mesmo lugar onde cada catro anos se desenvolven as cerimonias de toma de posesión dos presidentes dos Estados Unidos, retransmitidas por televisión ao mundo enteiro.

Do National Mall, onde todo parece estar moi preto cando en realidade está moi lonxe, o primeiro que me sorprendeu foron as súas incríbeis e inesperadas dimensións, porque se trata dun enorme rectángulo axardinado de tres quilómetros de longo por medio de ancho no que se atopan os principais centros de poder do país, diversos memoriais en honra dos caídos nas guerras nas que participou, xunto a varios monumentos de distintos personaxes históricos, e toda unha serie de museos que son depositarios dos documentos fundacionais da nación, do seu desenvolvemento histórico, dos seus grandes logros tecnolóxicos e dos momentos sobranceiros das expedicións espaciais.

Comecei a miña visita, non podía ser doutro xeito, polo edificio neoclásico do Capitolio, deseñado polo arquitecto William Thornton e corazón do Goberno dos Estados Unidos dende o ano 1800 ao acoller o Senado e a Cámara de Representantes. Ten unha impresionante cúpula dun branco inmaculado, que é visíbel dende calquera punto da cidade e está coroada por unha alegoría da Liberdade que, curiosamente, dá as costas á enorme escalinata da entrada principal. A gran rotonda central do edificio, situada debaixo da cúpula, decorada no seu interior cun fresco titulado Apoteose de Washingtone un friso de mármore con dezanove escenas da historia do país, exhibe estatuas de persoeiros eminentes e diferentes pinturas históricas, algunhas francamente curiosas, coma a que describe o bautizo de Pocahontas, a filla do xefe da tribo dos powhatan que casou cun home branco alá polo século XVII, en plena colonización.

Cando abandonei o Capitolio dirixín os meus pasos, amante como son da literatura e os libros, ao edificio Thomas Jefferson, un dos tres que conforman a Library of Congress, para admirar as fascinantes dimensións da sala principal de lectura dunha biblioteca que se xacta de ser a máis grande do mundo porque contén nada máis e nada menos que trinta e sete millóns de volumes impresos e máis de sesenta millóns de manuscritos, ademais de películas de cine, fotografías, gravacións sonoras, programas de televisión e microfilmes en cantidades nada desprezábeis. Un total de cento setenta e un millóns de obxectos que significan un paraíso para os grandes lectores e, como non, un verdadeiro motivo de orgullo para o país.

Dende a biblioteca fun camiñando devagar polas beiras da Capitol Reflecting Pool, unha lagoa aos pés do memorial dedicado ao presidente Grant, heroe da guerra de secesión, cara ao monumento a George Washington, situado no centro xeográfico do National Mall, xusto no lugar onde o parque conflúe con The Ellipse, a enorme zona de céspede que se estende diante da Casa Branca.

Nesta zona, nun edificio coñecido como The Castle porque foi construído en imitación dos castelos medievais europeos, está a sede principal da Smithsonian Institution, a gran organización fundada en 1846 para o fomento da educación e a investigación, e para min resultou ser o lugar ideal para coñecer o que se pode ver nos dez grandes museos nacionais que xestiona ao longo do National Mall, que van dende o de Historia Americana, até o de Historia Natural, pasando polo do Aire e o Espazo, o do Indio Americano, o de Arte Asiática, a National Gallery of Art ou o Museo da Historia e a Cultura Afroamericanas, o máis recente de todos, inaugurado polo presidente Obama no ano 2016.

E por fin, logo dunha longa camiñada, cheguei aos pés do monumento levantado en memoria de George Washington, o primeiro presidente do país. Trátase dun xigantesco obelisco de mármore de case cento sesenta metros de altura que está rodeado por bandeiras que representan os diferentes estados da unión e foi construído ao longo de case corenta anos, entre 1848 e 1884 a un ritmo moito máis lento do esperado por mor de diferentes problemas co financiamento das obras, debidos na súa meirande parte á Guerra de Secesión entre os estados aristocráticos e escravistas do sur, os autoproclamados confederados, e os do industrializado norte, coñecidos como yankees.

Seguín avanzando cara ao estremo do National Mall e fiquei completamente pasmado perante as singulares dimensións do Lincoln Memorial Reflecting Pool, o estanque que tantas veces vira nas películas de Hollywood, pois ten a incríbel lonxitude de seiscentos vinte metros, equivalentes a seis campos de fútbol, e foi deseñado no ano 1922 por Henry Bacon, encargado tamén da construción do famosísimo monumento con forma de templo dórico levantado en honra do presidente que proclamou a abolición da escravitude e foi asasinado en 1865, Abraham Lincoln, que dende a súa cadeira de mármore, situada no interior da columnata, parece admirar as impresionantes vistas de Washington e os diversos monumentos que conmemoran os caídos en diferentes guerras nas que o país participou, como as de Vietnam e Corea, entre os que chamou máis a miña atención o Memorial da Segunda Guerra Mundial, o máis moderno de todos, construído no ano 2004 e formado por columnas dispostas en semicírculo arredor dunha fonte central.

Como remate do meu paseo polo National Mall decidín encamiñar os meus pasos cara ao lugar que máis gana tiña de visitar, o Memorial de Martin Luther King, unha persoa que sempre espertou a miña admiración, e abofé que o monumento, case en fronte do dedicado a Thomas Jefferson, ambos os dous ao pé dunha fermosa lagoa natural conectada co río Potomac e coñecida como Tidal Basin, non me decepcionou nin o máis mínimo, como tampouco deixou de sorprenderme a cantidade de afroamericanos, grupos de escolares, parellas de moitas idades e familias completas, que a modo de peregrinos acoden a diario ao lugar para render os seus respectos ao eminente activista a prol dos seus dereitos que morreu asasinado en 1968, apenas cinco anos despois daquel mítico discurso deI have a dream.

Neste punto decidín dar por finalizado o meu percorrido polo National Mall, así que sentei na herba para me deixar levar pola imaxinación mentres contemplaba a impoñente estatua do señor King a emerxer dunha enorme pedra sen esculpir que simboliza unhas palabras que utilizou no seu discurso de 1963 para transmitir forza á comunidade afroamericana, Da montaña da desesperación, xurde unha pedra da esperanza.

Con esta frase na cabeza, un tanto abraiado polas tremendas dimensións de todo canto vira, agardei pola hora do solpor sentado na beira do río Potomac para me deixar hipnotizar polas súas augas, que baixaban bastante furiosas, e despois comecei a desandar o National Mall coa ollada posta no Capitolio, alá ao lonxe, a tres quilómetros de distancia.

© Xesús Constela, 2023