Retallos de mundo: O Gran Palacio de Bangkok

Poio
26 de junio 2022

O escritor Xesús Constela conta como foi o rei Rama I, fundador da dinastía Chakri, quen no ano 1792, tras decidir trasladar a Bangkok a capitalidade de Tailandia, daquela chamada Siam, ordenou a construción, entre dous grandes templos xa existentes, dun recinto que haberían de utilizar como residencia el e mais os seus sucesores

Xente de loito a facer cola para amosar o seu respecto a Rama IX

Foi o rei Rama I, fundador da dinastía Chakri, quen no ano 1792, tras decidir trasladar a Bangkok a capitalidade de Tailandia, daquela chamada Siam, ordenou a construción, entre dous grandes templos xa existentes, dun recinto que haberían de utilizar como residencia el e mais os seus sucesores.

Para acoutar ben o lugar onde se levarían a cabo as obras construíronse dúas canles que desviaron as augas do río Chao Phraya e deron orixe a unha enorme illa artificial que sería bautizada como Koh Rattanakosin e non só daría nome a un estilo arquitectónico e a toda unha era na historia do país, senón que ademais habería de ser o núcleo que impulsaría o crecemento dunha das urbes máis grandes do sueste asiático.

Se hai unha cousa que caracteriza a cidade de Bangkok, de máis de dez millóns de habitantes, é o caos ao que parece estar permanentemente sometida pola tremenda densidade dun tráfico endiañado e tamén pola gran cantidade de xente que ateiga as súas rúas, avenidas e canles a calquera hora do día e da noite.

Mais hai algúns lugares que por diferentes motivos, maioritariamente de carácter relixioso ou espiritual, parecen querer escapar desta descrición que veño de facer, e un deles é precisamente a illa de Rattanakosin, ocupada polo recinto do Gran Palacio e polos dous templos que parecen estar alí para lle dar protección. Ao norte o chamado Wat Mahathat e ao sur o Wat Phra Chetuphon, coñecido popularmente como Wat Pho. O primeiro, que ademais dunha residencia de monxes alberga un centro internacional de meditación, foi construído para acubillar varias reliquias de Siddhartha Gautama, máis coñecido como Buda, e está rodeado dun fermoso xardín que conta cun patio onde hai galerías repletas de imaxes súas sobre pedestais dourados. O segundo, que dispón tamén dunha residencia de monxes ademais dun centro para o ensino e a conservación da medicina tradicional tailandesa, acolle no seu interior a xigantesca estatua de quince metros de alto e corenta e cinco de longo dun Buda deitado, a maior do mundo, que representa o intre do seu pasamento, xusto cando vai entrar no Nirvana, e parece non coller entre as paredes e o teito nos que encaixa de xeito case milimétrico. Está feita de ladrillo recuberto de escaiola e pan de ouro e nos enormes pés ten incrustacións de madreperla que ilustran as características espirituais de Buda.

O Gran Palacio de Bangkok, de forma rectangular e con todas as súas estruturas orientadas cara ao norte, non é un único edificio, senón un conxunto de edificacións levantadas dentro dun longo muro que mide mil novecentos metros e non se utiliza como lugar de residencia real dende que a mediados do século XX o rei Rama IX decidiu trasladarse ao Palacio de Dusit, aínda que todas as cerimonias dos monarcas actuais, coroacións, funerais, casamentos e banquetes de estado, seguen a se desenvolver neste recinto.

O edificio máis importante do conxunto, de case noventa e cinco hectáreas, é o Wat Phra Kaew ou Templo do Buda Esmeralda, mandado levantar por Rama I como lugar persoal de oración. As súas paredes exteriores están decoradas con pan de ouro e mosaicos de cristais de cores e os pedestais da capela que acolle a pequena estatua de Buda, de sesenta e seis centímetros e tallada en xade, están custodiados por cento doce garudás, os paxaros míticos con torso e brazos humanos e patas e plumas de ave. As portas de acceso son de madeira con incrustacións de madreperla e as paredes interiores representan escenas da historia budista.

A imaxe do Buda esmeralda, escoltada no seu altar por dúas imaxes de Buda de pé en actitude de amainar os océanos, descubriuse no ano 1464 na provincia de Chiang Rai, ao norte do país, fronteiriza con Laos e Myanmar, e ten como característica principal o feito de estar aviada con vestimentas confeccionadas con ouro e xoias que o monarca reinante se encarga de mudar nunha cerimonia solemne cada vez que hai un cambio de estación. É tal a importancia deste pequena estatua para os tailandeses que dende que se instalou no lugar é destino de peregrinacións de devotos procedentes de todas as provincias do país, que aproveitan a ocasión para amosar os seus respectos a un rei que, segundo a crenza popular, representa unha sorte de deidade capaz de mediar entre as forzas divinas e os simples mortais en prol do benestar do pobo.

O templo do Buda Esmeralda é, sen dúbida, o lugar máis relevante do recinto do Gran Palacio, e por ese motivo ao seu redor se erguen seis parellas de enormes demos gardiáns que lle serven de protección contra espíritos malignos. Cada un deles é un personaxe do Rammakian, unha epopea que constitúe unha das pezas máis importantes da literatura tailandesa.

Outro importante edificio do conxunto do Gran Palacio é o chamado Chakri Mahaprasat, o salón principal e tamén a estrutura máis grande, deseñado no ano 1882 por arquitectos británicos nunha peculiar combinación de elementos renacentistas italianos e arquitectura tailandesa tradicional.

O Gran Palacio contén outras impoñentes dependencias entre as destacan o Phra Thinang Boromphiman, un salón do trono de inspiración francesa, o pavillón Amarindra, antigo palacio de xustiza, que leva o nome da raíña consorte do rei Rama I e é o lugar onde se celebran as cerimonias de coroación, ou o Salón Dusit, usado para grandes audiencias e funerais reais.

Resultaríame case imposíbel describir os milleiros de sensacións que produciu en min a visita ao Gran Palacio, que chegou a albergar milleiros de residentes que se rexían polas súas propias leis e se organizaban como unha pequena cidade. Non sabería se quedar co ulido das candeas e as varas de incenso a arder nos centos de altares dedicados a Buda que hai polo recinto adiante, en especial, como é lóxico, dentro dos templos que lle están dedicados, ou quizais quedaría coas numerosas ofrendas que facían aos monxes das residencias as persoas que acudían a rezar e a meditar na súa compaña, ou co son cantareiro das súas interminábeis oracións, ou coas longuísimas colas de xente completamente enloitada que agardaba pacientemente para ofrecer os seus respectos ao rei Rama IX, polo visto o monarca que máis tempo reinou en Tailandia e unha persoa bastante admirada dada a cantidade de altares que lle están dedicados polo país adiante.

Cando por fin cansei de camiñar entre tanto orde e tanta paz decidín abandonar a relaxada atmosfera do interior dos muros do Gran Palacio para me mergullar de volta no caos inconcibíbel dunha cidade tan fascinante e tan viva que de ningunha maneira pode deixar impertérrito a quen a visita.

© Xesús Constela, 2022