Retallos de mundo: O Bierzo dos mil regatos

Poio
09 de enero 2022

Foi o padre Enrique Flórez, o gran xeógrafo, bibliógrafo e arqueólogo da Ilustración, historiador oficial do rei Fernando VI, quen escribiu que "No Bierzo ninguén pode entrar se non é baixando," e abofé que tiña razón, xa que a comarca está asentada nunha foxa tectónica perfectamente delimitada, co Courel e Os Ancares polo norte, os Montes Aquilanos polo sur e a Serra de Fistedo polo leste

Peñalba de Santiago

Foi o padre Enrique Flórez, o gran xeógrafo, bibliógrafo e arqueólogo da Ilustración, historiador oficial do rei Fernando VI, quen escribiu que "No Bierzo ninguén pode entrar se non é baixando," e abofé que tiña razón, xa que a comarca está asentada nunha foxa tectónica perfectamente delimitada, co Courel e Os Ancares polo norte, os Montes Aquilanos polo sur e a Serra de Fistedo polo leste. Estas montañas, todas xuntas, acubillan e agariman unha paisaxe altamente suxestiva, que para min é o reino indiscutíbel da castiñeira e a nogueira, da figueira e a viña.

O Bierzo antóllaseme un ser vivo, a circulación do seu sangue impulsada por unha arañeira de regatos de fermosos nomes, Boeza, Cúa, Valdueza, Valcarce, Burbia, un continuo caudal de augas cantareiras que obedientes, mais non submisas, procuran a mestura co río Sil, verdadeiro amo e señor destas terras.

Foi a vila de Ponferrada, nacida arredor dunha pons ferrata construída polo auxe que estaba a tomar o Camiño de Santiago, o lugar escollido polos cabaleiros templarios para erguer os rexos muros dun castelo que ao longo da historia non deixou de pasar de man en man: de Pedro Fernández de Castro ao Duque de Arxona, logo a Beatriz de Castro e despois a Pedro Álvarez Osorio, Conde de Lemos, afanados todos eles en ampliar e embelecer a súa arquitectura.

Na medieval Vilafranca, orgullosa das casas brasonadas e os esplendorosos palacios erguidos no val en que se asenta, prodúcese a meirande concentración artística da comarca, encargados os peregrinos de convertela en importante centro artístico e cultural. A igrexa de Santiago, coa súa fermosa porta do Perdón, onde os romeiros que non eran quen de proseguir a ruta cara a Compostela podían gañar o xubileo coma se chegasen á catedral do apóstolo, parece querer rivalizar en fermosura coa colexiata de Santa María, co pazo de Torquemada, e cos conventos de San Francisco, de San Xosé e da Anunciada.

En Carracedo atópanse as ruínas do mosteiro de Santa María, que conxuga as dependencias puramente monásticas coas dun palacio real entre as que sobresae o coñecido como Miradoiro da Raíña, cunhas vistas que se perden nos confíns dun val que semella non ter remate.

As vilas de Cacabelos, Bembibre e Corullón, ateigadas de monumentos, terras farturentas de botelo, de cecina, de pementos asados, de viños e de castañas, non deixan de me sorprender a medida que avanzo camiño de Veiga de Espiñaredo, a porta de entrada berciana á Serra dos Ancares.

A paisaxe do Bierzo sempre me fixo pensar nun lenzo de tonalidades moi variadas. As lousas que recobren os tellados das casas de aldeas que gabean polas abas dos montes encárganse de dar pinceladas negras entre unhas árbores que van cambiando de verde a castaño ao longo do ano ao compás que marca o paso das estacións. Mais o colorido vólvese sorprendente e caprichoso cando o viaxeiro se achega até As Médulas, sorprendentes restos dunha explotación aurífera de dimensións inimaxinábeis que os romanos levaron a termo entre os séculos I e II d. C., cando a comarca formaba parte da provincia da Hispania Citerior e o emperador Augusto instaurou un sistema monetario baseado no aureus, unha moeda de ouro para facer pagamentos á administración e utilizada para controlar o comercio. A paisaxe había de ficar para sempre alterada por mor da técnica utilizada para a extracción do metal, coñecida co nome de ruina montium, consistente en aproveitar a forza erosiva da auga botada en inxentes cantidades dende depósitos, piscinae, construídos no alto das montañas para remover as meirandes cantidades de terra posíbeis. As Médulas, declaradas Patrimonio da Humanidade pola Unesco no ano mil novecentos noventa e sete, son un lugar de obrigada visita que resulta absolutamente abraiante tanto pola súa singular cor alaranxada como polas formas caprichosas esculpidas pola forza da erosión ao longo de tanto tempo. No interior das covas da Cuevona e A Encantada e na galería de Orellán aínda pode verse restos do sistema mineiro utilizado polos romanos que, se ben se pensa, non deixou de ser un atentado ecolóxico de dimensións titánicas.

Non menos sorprendentes resultan as paisaxes que se poden contemplar no Val do Silencio, lugar no que destaca pola súa fermosura a igrexa de Santiago de Peñalba, na aldea que curiosamente leva o seu nome pero ao revés, Peñalba de Santiago. Trátase dunha alfaia da arte mozárabe mandada construír polo abade Salomón no corazón do val na primeira metade do século X, durante o reinado de Ramiro II.

Goza dunha localización que nos séculos IX e X facilitaba o illamento que buscaban santos ascéticos como San Frutuoso ou San Xenadio, a quen segundo conta a lenda debe o seu nome o Val do Silencio.

San Xenadio era un eremita que se acubillara no interior dunha cova para poder rezar e era tal a súa entrega ás oracións que mesmo chegou a pedirlle a Deus que ocultase o río Oza a través dun túnel porque non lle permitía a absoluta concentración que procuraba. Agora as augas dese regato transcorren agachadas ao longo de varios metros para logo volveren aparecer entre os castiñeiros.

Fosen santos, fosen cabaleiros templarios, fosen romanos ou fosen os seus escravos, todos os habitantes que foron poboando estas terras encargáronse de ir trenzando un fermoso raizame de lendas que son quen de agasallar ao viaxeiro cunha maxia que parece regresar coma un eco da historia dende o máis remoto dos tempos.

 

© Xesús Constela Doce, 2022