Retallos de mundo: O arquipélago de Malta, no corazón do Mediterráneo

Poio
25 de junio 2023

Pola súa situación altamente estratéxica, nun punto case equidistante entre Sicilia, Tunisia e Libia, o arquipélago formado polas illas de Malta, Gozo e Comino, habitado dende hai case seis mil anos, coma testemuñan os seus impresionantes sitios arqueolóxicos, foi un lugar cobizado por todos e cada un dos imperios que ao longo da historia quixeron dominar o Mediterráneospantimes>strongtimes>spantimes>

Praia de Ramla
Praia de Ramla / Xesús Constela

Pola súa situación altamente estratéxica, nun punto case equidistante entre Sicilia, Tunisia e Libia, o arquipélago formado polas illas de Malta, Gozo e Comino, habitado dende hai case seis mil anos, coma testemuñan os seus impresionantes sitios arqueolóxicos, foi un lugar cobizado por todos e cada un dos imperios que ao longo da historia quixeron dominar o Mediterráneo, e por iso foi colonizado por fenicios, cartaxineses, romanos, gregos, árabes, normandos, españois, franceses e por último británicos, dos que se independizou no ano 1964 para se converter nunha das repúblicas máis pequenas do mundo.

Antes de comezar a miña viaxe a este país, que ten unha poboación de menos de cincocentos mil habitantes, xa me sentira atraído por unha apaixonante parte da súa historia que se remonta á época das cruzadas, cando, en torno ao ano 1084, uns comerciantes italianos decidiron sufragar a construción dun hospital para peregrinos na cidade de Xerusalén, a carón da igrexa do Santo Sepulcro, que acabaría sendo o xermolo para a fundación dunha orde de cabalaría de carácter relixioso cuxos membros se coñecerían como Cabaleiros Hospitalarios de San Xoán, e co paso do tempo iría converténdose nun poderoso brazo armado dos exércitos que loitaban por impedir a conquista musulmá de Oriente Próximo, que culminaría en 1178 da man das tropas do sultán Saladino.

Os cabaleiros da orde foron expulsados e tiveron que instalarse en Chipre, onde fixarían a súa sede até o traslado varios séculos despois á illa grega de Rodas, de onde tamén tiveron que fuxir no ano 1522 tras ser sitiados polos exércitos otománs de Solimán o Magnífico.

O rei Carlos I de España decidiu entón cederlles as illas de Malta, Gozo e Comino para se instalaren nelas coa condición de que a que pasou a denominarse Orde de Malta defendese o Mediterráneo das ansias expansionistas dos otománs, e alí permaneceron até que no ano 1798 as tropas de Napoleón tomasen o territorio, que pasaría a formar parte do imperio Británico dende 1800 até a súa independencia.

Cando por fin decidín visitar Malta, estaba convencido de que ía atopar pegadas desta historia dos cabaleiros por todos os recantos das illas, e abofé que en ningún momento me sentín decepcionado.

Comecei a miña visita na Valeta, a capital do país, brillantemente definida polo escritor romántico Sir Walter Scott como “un lugar construído por cabaleiros para cabaleiros”, que foi levantada no outeiro que ocupa a península de Sciberras, na beira norte do Grand Harbour, un fascinante porto natural fortificado, e debe o seu nome a Jean Parisot de la Valette, o Gran Mestre da Orde de Malta que impulsou a súa fundación e está enterrado na cripta da concatedral de san Xoán, un edificio barroco de finais do século XVI cun sobrio exterior con aparencia de forte militar e un interior abraiante que atesoura grandes obras de arte realizadas por algúns dos mellores artistas do seicento italiano, e no que, curiosamente, as figuras pintadas no teito, á beira de cada columna, parecen estatuas en tres dimensións, cando en realidade son enganaollos arteiramente creados mediante un uso brillante das sombras. Impresionáronme especialmente neste templo as súas doce capelas laterais profusamente decoradas, que acollen maxestosos monumentos funerarios en honra de diferentes Grandes Mestres da Orde de Malta, e tamén o seu Oratorio, que no retablo ten dúas pinturas de Caravaggio que dan unha idea da inmensa riqueza que chegaron a posuír os cabaleiros.

A Valeta, que, malia ser a capital de Malta ten menos de dez mil habitantes, pareceume unha desas cidades fermosas que convidan ao paseo, e por iso pensei que o mellor xeito de gozar dela era facendo unha repousada camiñada pola perfecta cuadrícula das súas rúas estreitas e empinadas, algunhas das cales rematan en escalinatas que descenden até os peiraos e están cargadas de curiosas historias relacionadas cos cabaleiros, como o caso de Kingsway Street, o único lugar da illa onde lles estaba permitido baterse en duelo.

Ao longo do meu vagaroso paseo fun descubrindo tesouros como a Fonte do Tritón, diante da City Gate, a gran porta de acceso á cidade, os xardíns de Upper Barraca, con extraordinarias vistas do Gran Porto, o Palacio dos Grandes Mestres, que foi residencia dos maiores dignitarios da Orde de Malta e na actualidade acolle a Presidencia da República, os fortes de Saint Elmo e Saint Angelo, símbolos da resistencia, e posterior vitoria, maltesa durante o gran asedio otomán de 1565, o Hospital dos Cabaleiros e o Teatro Manoel, e incluso tiven tempo de sentar a tomar algo na terraza do Caffe Cordina, a confeitaría máis antiga de Malta, aberta dende 1837, para ver a xente pasar.

Cativado pola fermosura da Valeta, dediquei o día seguinte a visitar as fermosas cidades de L-Isla, Birgu e Bormla, rebautizadas polos cabaleiros como Senglea, Vittoriosa e Cospicua logo do gran asedio, que forman parte dunha zona que se estende ao sur do Gran Porto e recibe o nome de Cottonera en honra do Gran Mestre Nicolau Cotoner, que foi quen decretou fortificar o lugar para reforzar o sistema defensivo da illa.

Senglea agasalloume cunhas fabulosas vistas da Valeta dende un bastión que servía para protexer o Gran Porto e na parte superior das fiestras súa garita principal ten esculpidos un ollo e unha orella de grandes dimensións como símbolos da súa función de vixilancia, e Vittoriosa deixoume sorprendido pola beleza dos edificios levantados nas súas rúas empinadas, estreitas e labirínticas, ideais para perderse nelas e así gozar do escenario.

Deixei as tres cidades e collín unha estrada que transcorría entre viñas e oliveiras rumbo á cidade de Mdina, a antiga capital antes da fundación da Valeta, que foi construída sobre un antigo asentamento fenicio nunha meseta que se eleva sobre o resto da illa, e ten unha zona central amurallada rodeada por un foso e presidida pola catedral de Saint Paul que resultou ser o lugar ideal para dar outro tranquilo paseo a través dunhas rúas estreitas con altos muros de cor crema que me trasladaron ao medievo e me permitiron comprender por que esta cidade é coñecida como “a silenciosa.”

Dediquei despois varios días a percorrer o resto da illa, que ten unha paisaxe rochosa chea de campos de cultivo separados por muros de pedra seca, para me achegar a unha costa moi agreste con impresionantes cantís coma os de Dingli, os máis altos, que se alzan a douscentos cincuenta metros sobre o mar, encantadoras calas remotas e bastante solitarias que alternan con algunhas praias tan bonitas coma a de Ramla, un areal que se estende en medio dunha paisaxe verde, e numerosas covas mariñas entre as que destacan as que pertencen ao complexo de Blue Grotto, cuxo nome provén das augas do mar ao se reflectir nas paredes da cova, creando magníficos efectos de luz e unha variada paleta de tonalidades azuis.

Bastante preto dos cantís de Dingli visitei o recinto arqueolóxico de Hagar Qim, que data do ano 3.600 de antes da nosa era e consta dun templo con tres cámaras anexas que acollen o maior megálito maltés, con cinco metros e medio de altura e un peso de 57 toneladas, que está decorado con flores e espirais e representa un dos máis importantes exemplos da arte neolítica no Mediterráneo. Outro templo mesma época e con características semellantes é o de Tarxien, na cidade de Paola, que contén restos de enormes esculturas de deusas da fertilidade.

Para rematar esta viaxe pola illa de Malta, antes de coller o barco que me levaría a Gozo, pasei un último día nun lugar fascinante coñecido comoPeter’s Pool, unha espectacular enseada na que o mar foi gañando terreo á rocha calcaria e acabou formando unha poza de extraordinaria beleza que resultou ser o sitio ideal para gozar dun baño que nunca esquecerei, e logo fun até a vila mariñeira de Marsaxlokk, onde puiden degustar deliciosos pratos elaborados con peixe capturado por pescadores locais a bordo dos seus luzzu, uns coloridos barcos de pesca tradicionais coa proa curva e a popa elevada.

Cando desembarquei en Gozo fun directamente a Rabat, a única cidade da illa, rebautizada polos británicos como Vitoria en honra da súa raíña, e alí visitei a cidadela fortificada onde vivían as familias ricas na Idade Media, e a catedral, que me deixou abraiado porque ten no teito un dos mellores enganaollos que teño visto, unha pintura plana realizada en 1739 cunha perspectiva que dá a impresión de que se trata dunha cúpula, e despois din un paseo polas súas rúas, nas que gocei dun mercado de artesanía no que puiden admirar prendas tecidas con la de ovella e fermosas pezas de encaixe de palillos que me fixeron comprender que o ritmo da vida nesta illa afortunadamente transcorre coa lentitude propia deses lugares que aínda non están deteriorados polo peso do turismo de masas.

A costa de Gozo tamén me agasallou con lugares tan fermosos como a tristemente desaparecida Xanela Azul, un arco natural de pedra de vinte e oito metros de altura creado pola erosión mariña dos cantís, que se erguía na lagoa costeira de Dwejra e se convertera nunha icona da illa até que se derrubou por mor da forza das ondadas dun temporal, e tamén as salinas de Qbajjar, construídas polos romanos hai máis de dous mil anos e aínda en uso en medio dunha fermosísima paisaxe costeira.

Quedábame por visitar a illa máis pequena do arquipélago, a deshabitada Comino, á que se chega logo dunha curta travesía nunhas lanchas que atracan nun peirao da Blue Lagoon, unha lagoa protexida polo illote de Cominotto, con augas de cor turquesa sobre un fondo mariño areoso que alberga numerosas especies de peixes e plantas autóctonas.

Malia que me pareceu realmente fermosa, escapei de alí nada máis chegar porque estaba tan incribelmente chea de xente que coido que é un dos mellores exemplos de como un turismo desmedido pode chegar a convidar a non visitar un lugar, e agardo que nalgún momento se prohiba o acceso de semellante cantidade de persoas porque, de non ser así, máis tarde ou máis cedo acabará por perder os seus encantos.

Decidín, entón, percorrer a pé o interior da illa, que ten unha paisaxe case desértica, para chegar á costa oposta, onde gocei dun fermoso día de lecer nunha praia de baía de Saint Mary na que apenas había xente e ademais tiña unhas cantas árbores que coa súa sombra serviron para me protexer da calor abafante.

Asomado na xanela do avión que me traía de regreso a casa, estiven a contemplar a fermosura das tres illas do arquipélago, orgullosas de si mesmas en pleno corazón do Mediterráneo, até que fun perdéndoas de vista mentres pensaba que me pareceran realmente fascinantes.

©Xesús Constela, 2023.

©Xesús Constela, 2023