Retallos de mundo: Mainz (Maguncia), a cidade onde naceu a imprenta

Poio
31 de marzo 2024
Actualizada: 30 de septiembre

De pequeno ensináranme no colexio que a imprenta fora inventada en Maguncia por un home que se chamaba Gutenberg, e que o primeiro libro que se imprimira fora unha Biblia, e aínda tardei unha boa chea de anos en saber que ese lugar do que me falaran era a fermosa cidade alemá de Mainz, que está no suroeste do país, na beira occidental do río Rin, xusto no punto en que conflúe co Meno, o seu principal afluente, e é a capital do estado de Renania-Palatinadospantimes>

Claustro da Catedral Xesús Constela

De pequeno ensináranme no colexio que a imprenta fora inventada en Maguncia por un home que se chamaba Gutenberg, e que o primeiro libro que se imprimira fora unha Biblia, e aínda tardei unha boa chea de anos en saber que ese lugar do que me falaran era a fermosa cidade alemá de Mainz, que está no suroeste do país, na beira occidental do río Rin, xusto no punto en que conflúe co Meno, o seu principal afluente, e é a capital do estado de Renania-Palatinado.

Amante como son dos libros, a invención da imprenta, á que non só lle debemos todas as lecturas que fixemos na vida senón tamén a posibilidade de podermos editar e, xa que logo, divulgar as cousas que escribimos, sempre me pareceu unha efeméride dunha importancia tal que quixen que quedase plasmada na miña primeira novela, Libro das alquimias, nesa escena na que o vello bibliotecario xordo lle explica ao neno protagonista algo así como que a imprenta "representou unha verdadeira revolución porque grazas a ela os libros comezaron a se espallar polo mundo enteiro e puideron atopar acubillos até entón insospeitados."

Cando estaba a preparar esa novela, que xira arredor do mundo das bibliotecas e a palabra escrita, investiguei a vida do inventor da imprenta, unha máquina que supuxo unha innovación de tal magnitude que está considerada coma un dos principais motores do que coñecemos como modernidade.

O nome completo dese inventor era Johannes Gensfleisch zur Laden zum Gutenberg, e apenas se sabe nada acerca da súa vida, nin sequera a data exacta do seu nacemento, aínda que se pensa que puido ter lugar nalgún día de san Xoán, a súa onomástica, entre os anos 1393 e 1406 na vila de Mainz, Maguncia, que daquela formaba parte do Sacro Imperio Romano Xermánico.

Traballou como ferreiro para o bispo da cidade e logo como prateiro na cidade de Estrasburgo, onde comezou a artellar o que sería o seu gran invento, a imprenta de tipos móbiles, que chegado o ano 1450 lle permitiría imprimir nada menos que corenta e oito copias dunha mesma Biblia en moito menos da metade do tempo que tardaba en copiar unha soa calquera dos monxes copistas que traballaban arreo nos obradoiros e as bibliotecas dos mosteiros da época.

Sentinme moi satisfeito cando tiven diante de min un exemplar orixinal desas primeiras Biblias impresas exposto no flamante Museo Gutenberg da cidade de Mainz, cuxa sede principal ocupa un fermoso edificio renacentista coñecido como Haus Zum Römischen Kaiser, ou Casa do Emperador Romano, e foi inaugurado no ano 1900 con motivo do quinto centenario do nacemento do inventor da imprenta, aínda que dende entón pasou por varias remodelacións e ampliacións para poder dar acollida a unha enorme colección de varios centos de miles de artigos relacionados coa vida, a obra e os inventos de Gutenberg, ademais de interesantes manuscritos, e tamén ferramentas, e técnicas de impresión, e máquinas tipográficas e de encadernación, e tamén imprentas de todas as procedencias imaxinábeis, e moitos outros obxectos relacionados coa cultura da palabra escrita dende os manuscritos medievais até os nosos días, un deses lugares que me fixo gozar de verdade e me absorbeu de tal xeito que non deixou que me decatase do paso do tempo.

E cando por fin saín do museo, que visitei o primeiro día da miña estancia na cidade, dediquei varias xornadas a visitar Mainz, a Maguncia da que me falaran no colexio, con toda a calma do mundo, e por iso souben que o seu nome procede dunha cidadela romana que se chamabaMoguntiacume fora fundada alá polo ano 38 de antes da nosa era, e que na Idade Media se convertera no centro da cristianización dos pobos xermanos ao tempo que empezaba a dar acollida a un enorme núcleo de poboación xudía que o pasou realmente mal durante a Segunda Guerra Mundial, un tempo en que a cidade quedou practicamente reducida a cacallos.

Un exemplo do que puido representar esa destrución puiden observalo nas vidreiras da igrexa gótica de Stephanskirche, ou de Santo Estebo, situada nun outeiro no centro da cidade, que acabaron totalmente esnaquizadas polos bombardeos e foron substituídas entre os anos 1978 e 1981 por outras realmente fascinantes deseñadas polo gran Marc Chagall, que, aínda que accedeu a facelas, dixo que como era xudeu non estaba de ningunha maneira disposto a viaxar a Alemaña polo mal que o pasara ao longo da guerra, cando tivera que fuxir a Nova York tras da ocupación de Francia polas tropas de Hitler, así que nunca chegou a velas instaladas.

Outro dos lugares que me deixou francamente impresionado foi a que se coñece como Marktplatz ou praza do Mercado, a máis popular da cidade, que se converteu en lugar de compra e venda de mercadorías diversas cando se construíu a catedral no ano 975.

Non me resultou nada difícil imaxinar os comerciantes medievais a vender ou intercambiar os seus produtos porque, como visitei a cidade a finais dun mes de novembro, na praza xa estaba en marcha un deses grandes mercados de nadal que se instalan en Alemaña e que sempre me resultaron moi atractivos porque, ademais de estar moi animados, me parecen os lugares ideais para degustar a gastronomía tradicional que se cociña nos moitos postos de comida e tamén, como non, para botar uns bos grolos de glühwein, o delicioso viño quente que tan ben senta para combater o frío.

A catedral románica de Mainz, un enorme edificio de arenito vermello que foi escenario de varias coroacións de monarcas alemáns e, malia ser comezada no ano 975, non se inaugurou até o 1239, ten unha fermosa galería de columnas que bordea todo o seu perímetro por baixo da liña do tellado e varios elementos de diferentes estilos que se foron engadindo co paso do tempo, como uns campanarios góticos e un impoñente teito barroco que coroa a súa inmensa gran nave central cunha altura de tres andares, pero é simplemente un dos moitos atractivos que a cidade me ofreceu, porque a min, persoalmente, resultoume máis que agradábel o paseo pola praza e as rúas da zona coñecida como Kisrchgarten, que está rodeada por abraiantes casas construídas entre os séculos XV e XVIII con fachadas de entramados de madeira entre as que destaca unha que no seu baixo acolle un local que se chama Weinhaus zum Spiegel, onde tiven oportunidade de degustar especialidades típicas dunha rexión rica en variedades de queixos e embutidos antes de ir camiñando até a Nagelsäule, unha columna erixida durante a Primeira Guerra Mundial, a Eisenturm, que é unha das tres torres da antiga muralla que sobreviven na actualidade, ou o gran Staatstheater, ou Teatro do Estado, o meirande centro cultural da cidade, e, como non, o fastoso Palacio Electoral, do século XVII e na beira mesma do río Rin, que foi residencia do arcebispo e, logo ser reconstruído tras dos terríbeis bombardeos do ano 1945 que provocaron un incendio que durou dous días, na actualidade acolle o Museo Central Romano-Xermánico, do que é importante salientar que na súa colección permanente, entre outros obxectos, expón máis dun cento de pezas celtibéricas espoliadas en diferentes xacementos da serra aragonesa de Moncayo.

Pero, a dicir verdade, e sen lugar a dúbidas, a fonda pegada que deixou en min a cidade de Mainz, a Maguncia que aprendera no colexio da miña nenez e nunca soubera onde estaba, foi, verdadeiro amante como son dos libros antigos, poder ter diante de min unha das grandes Biblias impresas por Gutenberg no ano 1450 e poder percorrer as rúas da cidade onde o xenio inventou a imprenta. Simplemente por iso xa puiden regresar a casa satisfeito.

©Xesús Constela, 2024.