Nada máis ter unha primeira ollada do impoñente castelo de Heidelberg dende a Hauptstrasse, que cruza a cidade vella de punta a punta e se preza, moi orgullosa, de ser a rúa peonil máis longa de Alemaña, comprendín por que esas ruínas foron capaces de espertar tanta admiración en Friedrich Hölderlin, un dos principais poetas do romanticismo alemán, que nunha oda que leva como título o nome da cidade escribiu estes versos: "Pero grave pendía no val o xigantesco / castelo, sabedor de destino, polos ventos / até os alicerces en ruínas; / vertía non obstante o sol eterno / nova luz na imaxe inmensa, avellentada, / toda arredor enverdecida, abrazada en hedra viva."
Rodeado de frondosos bosques e mandado construír no século XV na aba norte do monte Königstuhl con arenitos vermellos do val do río Neckar, onde se asenta a cidade, polos condes palatinos renanos, que escolleran Heidelberg como lugar de residencia, acolle arredor do seu patio interior edificacións de arquitecturas diversas, entre as que destacan o edificio barroco do Friedrichsbau e a xoia renacentista que é o Ottheinrichsbau, que na actualidade acolle o fascinante Museo Alemán de Farmacia, unha magnífica colección de mobiliario, instrumentos de laboratorio, fármacos, frascos e libros de medicina dende a Idade Media até o século XIX.
O enorme palacio ficou destruído no século XVII logo da Guerra dos Trinta Anos, e dende ese momento se converteu en lugar de atracción de creadores románticos de todas as artes, escritores, pintores, músicos, que, froito da súa paixón polas ruínas, que exercían sobre eles unha fascinación nostálxica e lles proporcionaban esa imaxe de desolación e melancolía que tanto lles gustaba, acudían ao lugar para pasear polos seus impresionantes xardíns na procura de inspiración, até o punto de transformalo en mito.
Foi tal a cantidade de persoeiros que ao longo do Romanticismo viaxaron a esta cidade do estado de Baden-Württemberg para visitar as ruínas do seu castelo, que no monte Heiligenberg, que se ergue na beira oposta do río Neckar, foron trazando unha magnífica senda coñecida a día de hoxe comoPhilosophenweg, que ofrece unhas asombrosas vistas da cidade e o seu castelo e daquela non era nada máis que un camiño entre viñedos no que procuraban soidade para poder gozar dunha natureza abraiante na que conseguir inspiración. Quen sabe se nalgúns deses paseos os románticos Friedrich Hölderlin, un dos máis grandes poetas líricos da literatura alemá, e Joseph von Eichendorff, o chamado cantor dos bosques, inspirador de obras de compositores como Brahms, Mendelssohn ou Schumann, non colleitarían ideas que haberían de lles servir para construír os seus poemas.
Visitei o castelo de Heidelberg nunha mañá moi fría de finais dun mes de novembro no que se atopaba envolto nunha mesta capa de neboeira que parecía querer resaltar eses melancólicos atractivos que convocaran aos románticos ao seu redor, polo que debo recoñecer que non só comprendín os motivos que os levaran a visitalo, senón que en parte tamén eu mesmo sentín que sucumbía a eles. Nunca esquecerei o silencio que asolagaba os enormes xardíns coas árbores completamente espidas de follas, nin a indescritíbel beleza do que queda da Dicker Turm ou "torre grosa" a alzarse fachendosa por riba da néboa.
Despois dun longo paseo e de me facer unha obrigada fotografía a carón do busto de Goethe, o gran xenio do romanticismo alemán, que conmemora a súa visita ao castelo, non me quedou dúbida ningunha de que os condes palatinos de Renania levaron unha vida realmente boa, como ben se pode comprobar polo xigantesco bocoi de viño que se conserva nas adegas, construído con nada menos que cento trinta troncos de carballo e cunha capacidade de arredor de douscentos vinte mil litros, o maior do mundo, disque, tan grande que chegou a ter o seu propio gardián, un anano de nome Perkeo, que era o bufón da corte nos tempos do príncipe elector Karl III Philipp.
Heidelberg foi unha das poucas cidades alemás que non ficou destruída durante a Segunda Guerra Mundial, debido a que, dada a súa importancia histórica e a súa enorme beleza, os aliados decidiron que debía de ser salvada dos bombardeos, e grazas a iso hoxe en día podemos percorrer as rúas do seu casco antigo para gozarmos de lugares como a Praza do Mercado, situada entre a Casa do Concello e a Igrexa do Espírito Santo, lugar de enterramento dos príncipes do Palatinado do Rin, que foi sinistro lugar de execución de bruxas e herexes ao longo de moitos anos.
Pero se xa eran poucos os encantos que a cidade de Heidelberg fora despregando perante min, aínda reservaba un lugar único que me deixou completamente sorprendido, a Studentenkarzer, unha antiga prisión para estudantes situada detrás da vella universidade, a máis antiga de Alemaña, por certo, fundada no ano 1386, que polo visto tiña a súa propia xurisdición e podía castigar delitos do seu alumnado como borracheiras, desordes públicas, algareos nocturnos ou a combinación de todos eles.
Os estudantes castigados eran encerrados no cárcere durante dúas semanas que, en caso de resistencia á autoridade, podían estenderse a catro. As dúas primeiras xornadas pasábanas a pan e auga e logo podían recibir visitas dos seus compañeiros, e nalgunhas ocasións tamén se lles permitía a asistencia ás aulas a través dunha porta que comunicaba directamente co edificio da universidade.
O máis impresionante desta Studentenkarzer é o feito de que as moitas xeracións de estudantes que pasaron por ela foron encargándose de deixar a súa pegada para a posteridade en forma de escritos ou debuxos feitos con acuarelas ou mesmo co tisne das candeas coas que se alumeaban, de xeito que todas as paredes e todos os teitos están completamente cubertos de debuxos, de poemas que reflectían as súas experiencias e de retratos do máis variado que converten a visita ao lugar nunha experiencia altamente sorprendente.
Podería seguir enumerando os inmensos atractivos que descubrín en Heidelberg, como a fermosa ponte de Carl-Theodor sobre o río Neckar, que na columna do primeiro arco ten gravadas as datas e as alturas dos distintos asolagamentos que padeceu a cidade dende o ano 1783, en que foi construída, até os nosos días, ou a Haus zum Ritter, ou casa do cabaleiro, do ano 1592, que puido sobrevivir ás devastadoras invasións e incendios que tiveron lugar a finais do século XVII porque era a única construída totalmente en pedra, ou o Palacio Morass, un edificio barroco que acolle o Museo do Palatinado, un máis que interesante percorrido pola historia desta rexión alemá que vai dende o descubrimento da mandíbula inferior do homo erectus heidelbergensis, con máis de seiscentos mil anos de antigüidade, até os nosos días, pero prefiro despedir este percorrido por Heidelberg regresando ao punto no que comecei, que non era outro que o poema de Hölderlin que fala da cidade e se refire a ela nos seguintes termos: "Xa hai moito que te amo, e pracer me daría / poder chamarte nai, e doarche un canto sinxelo, / das cidades patrias, / polo que teño visto, ti es a máis fermosa."
© Xesús Constela, 2022