Por moitas veces que o intentei, considérome completamente incapaz de descifrar os motivos polos que, igual que lle acontece a moitas outras persoas, coido que a unha inmensa maioría, sempre me sentín atraído polos saltos de auga que se producen cando aparece algo que altera o tranquilo transcorrer do leito dun río para dar pé ao nacemento dunha corrente que fai que a auga se precipite de súpeto dende a altura a unha velocidade que abraia para conformar o que considero un dos maiores espectáculos da natureza, simplemente comparábel co bater das ondas do mar contra as rochas que se erguen na costa.
Tanto ten o tamaño que poidan ter, dende pequenos cadoiros a xigantescas cataratas, pasando por fervenzas, abanqueiros, ruxidoiras, freixas ou cachoeiras, hai algo que convida aos seres humanos a ir a onde haxa un salto de auga para botar un anaco de tempo a observalo e a se deixar engaiolar polo ruído que produce, que pode ir dende un máis que agradábel e relaxante murmurio até un ruxido atronador capaz de ocultar calquera outro son que se poida producir na contorna, e isto último foi precisamente o que encontrei cando por fin visitei as cataratas do río Niágara porque, dende que era bastante pequeno, non sabería dicir canto, supoño que por mor de algo que vin na televisión ou no cinema, sempre tivera fondos desexos de visitalas.
Foi precisamente ese ruxido case enxordecedor que fan as cataratas quen me permitiu comprender o nome de "Niagagarega" ou "trebón de auga" que lles puxeran os onxiara, a tribo de etnia iroquesa que habitaba no lugar antes da chegada dos franceses aló polo século XVI, que é máis ou menos o momento en que se considera que foron vistas polo primeiro europeo, que quizais puido ser o explorador Samuel de Champlain, aínda que é algo que non se sabe con seguridade porque non fixo ningunha descrición do lugar que fose máis aló de citalo nun dos moitos mapas que fixo da rexión, e por iso tamén se pensa que, de acordo co que conta nos seus diarios, o primeiro europeo que realmente as viu foi o misioneiro belga Louis Hennepin, que explorou a zona no século XVII.
Quen si describiu o lugar con todo luxo de detalles foi o naturalista sueco Pehr Kalm, quen no seu libro Travels in North America (Viaxes por América do Norte), fixo un dos relatos máis fiables da historia natural norteamericana do século XVIII, ao incluír magníficos retratos tanto das tribos que foi atopando durante as súas expedicións por Nova York, Montreal e Quebec como dos lugares nos que as súas vidas se desenvolvían.
Pero o que eu atopei no momento en que visitei as cataratas xa non tiña nada que ver con ese lugar que puideron ver calquera destes exploradores, porque na actualidade o río Niágara, que percorre uns escasos cincuenta e seis quilómetros de norte a sur entre os lagos Ontario e Erie, delimitando a fronteira entre Canadá, pola beira este, e os Estados Unidos, pola oeste, nesta zona onde estás as cataratas transcorre entre dúas áreas totalmente urbanizadas que curiosamente, forman dúas cidades que, quizais nun caso único no mundo, se chaman igual, Niagara Falls, e están unidas pola ponte internacional de Rainbow Bridge ou Ponte do Arco da Vella.
A paisaxe circundante supuxo para min unha verdadeira desilusión, pois calquera desas dúas cidades, que non son precisamente pequenas e están pensadas para sacar cartos aos visitantes, non é nada máis que un conglomerado de hoteis de luxo, casinos de todos os tamaños, tendas de souvenirs, miradoiros de alturas desmesuradas, como a torre Skylon, de douscentos trinta e tres metros de altura coroados por un restaurante xiratorio, e moitas outras trampas para turistas dispostos a pagar o que se lles pida.
Intentei illarme mentalmente desa paisaxe tan urbanizada que rodea as cataratas, e para ver de conseguilo deixei traballar a miña imaxinación até que fun quen de ver simplemente a auga a descender a toda velocidade, formando un dos espectáculos naturais máis formidábeis que vin na miña vida, porque aquí a natureza pareceu empeñarse en facer as cousas en grande.
O que coñecemos como cataratas do Niágara, que teñen unha caída media de cincuenta e dous metros de altura, equivalentes a un edificio de máis ou menos dezaoito pisos, están formadas por tres grandes saltos de auga que tiveron a súa orixe na coñecida como glaciación de Wisconsin, producida hai arredor de doce mil anos, nas etapas finais da Idade de Xeo. Os máis pequenos destes saltos, AmericanFalls e Bridal Veil ou Velo de Noiva, están separados pola diminuta Luna Island, e pertencen aos Estados Unidos, e o outro, que se chama Horseshoe Fall ou Catarata da Ferradura, o máis espectacular, está na beira canadiana, separado dos outros pola Goat Island ou Illa da Cabra.
Non sei se o que me deixou cativado foi o ruxido intenso que producía a auga ao caer, calcúlase que case cento setenta mil metros cúbicos por segundo, ou se foi a intensa néboa que se producía coa caída e acababa envolvendo todo de tal xeito que cando pasei a través dela tiven a sensación de estar a cruzar polo interior dunha nube moi mesta que enchoupaba todo ao seu paso e facía desaparecer a luz do sol, pero me sentín completamente hipnotizado por unha beleza difícil de describir.
Decidín entón pagar polo acceso a un dos túneles que se construíron polo interior das rochas que están agachadas detrás da catarata só por ver o que se podía sentir e vinme realmente diminuto perante a indescritíbel forza da auga a caer, e algo semellante sentín tamén cando me aproximei ao lugar onde se inicia esa caída, só comparábel a un xigantesco remuíño cunha forza capaz de arrasar todo canto se poña no seu paso. As cataratas do Niágara son un deses lugares onde a natureza se amosa con toda a forza da que é capaz e simplemente por iso conseguiron que me sentise tan pequeno como había moito tempo que non me sentía.
Con esa sensación tan grata na cabeza, logo de varias horas de observación, abandonei o lugar en dirección a unha fermosa vila canadiana que está na beira do lago Ontario, xusto no punto en que o río Niágara comeza a súa andadura, e se chama Niagara-on-the-Lake para poder dar un paseo polas súa rúas simétricas de casas coloniais, moitas delas construídas no século XVIII, cando a cidade se chamaba Newark e era a capital da colonia inglesa de Upper Canada, o Alto Canadá, e levei a grata sorpresa de saber que cada verán se celebra alí o que se coñece como Shaw Festival, fundado no ano 1962 para homenaxear a obra de George Bernard Shaw, o gran dramaturgo irlandés gañador do Nobel de Literatura en 1925 e autor de pezas tan interesantes Pigmalión, Santa Xoana ou O home e as armas.
É máis que probábel que George Bernard Shaw, que ten unha fermosa estatua na vila, nin sequera oíra nunca falar deNiagara-on-the-Lake, unha mágoa, porque estou convencido de que habería de lle gustar tanto coma a min, e quizais tamén descubriría que era o lugar ideal para descansar logo de visitar as cataratas sen ter que estar a aturar verdadeiras hordas de turistas.
© Xesús Constela, 2024