Retallos de mundo: Berlín, a longa cicatriz do muro

Poio
09 de junio 2024

En 1949, catro anos despois do remate da Segunda Guerra Mundial, as tres zonas occidentais de ocupación do que fora a Alemaña nazi (americana, francesa e británica) disolvéronse nun estado que se coñecería como República Federal de Alemaña, RFA, con capital en Bonn, mentres que a parte ocupada polos soviéticos se convertería na República Democrática de Alemaña, RDA, con capital en Berlín, cidade que á súa vez quedaría tamén dividida en dous sectores, Occidental e Oriental

Restos do muro en Bernauer Strasse
Restos do muro en Bernauer Strasse /

En 1949, catro anos despois do remate da Segunda Guerra Mundial, as tres zonas occidentais de ocupación do que fora a Alemaña nazi (americana, francesa e británica) disolvéronse nun estado que se coñecería como República Federal de Alemaña, RFA, con capital en Bonn, mentres que a parte ocupada polos soviéticos se convertería na República Democrática de Alemaña, RDA, con capital en Berlín, cidade que á súa vez quedaría tamén dividida en dous sectores, Occidental e Oriental, cada un baixo dominio dun dos países acabados de fundar, e se convertería nun símbolo do que se coñeceu como Guerra Fría, froito das hostilidades entre os bloques capitalista e comunista que se manifestaron até comezos dos anos noventa do século XX.

En 1961 as autoridades da RDA, ao borde do colapso económico pola súa incapacidade para poñer fin á fuxida de cidadáns que sufría o país dende o ano 1949, cando se constituíran as dúas repúblicas, calcúlase que foron arredor de catro millóns as persoas que xa escaparan á RFA, tomou a desesperada decisión de levantar un muro entre os dous sectores da cidade de Berlín que bautizarían co eufemismo de "Barreira de protección antifascista", e por ese motivo o día trece de agosto, perante a indignada sorpresa dos berlineses, un nutrido grupo de soldados e policías da RDA dedicáronse a despregar unha barreira de aramado de espiños que apenas uns meses despois comezarían a substituír por bloques de formigón prefabricados ao longo duns interminábeis cento cincuenta e cinco quilómetros que rodeaban a parte occidental da cidade até deixala completamente illada da oriental, sen que de nada servisen as presións internacionais nin as numerosas manifestacións de berlineses do oeste, que protestaban para intentar frear a construción do que acabaría coñecéndose como "muro da vergoña", que na súa parte oriental se vería reforzado nos anos posteriores até se converter nun inexpugnábel sistema fronteirizo conformado por dous valados de catro metros de altura separados por unha área coñecida como "franxa mortal", que era unha estrada repleta de barreiras electrificadas e torres de vixilancia dotadas de potentes focos levantadas cada douscentos cincuenta metros, pola que durante as vinte e catro horas do día circulaban patrullas de policías con cans de presa e vehículos militares con soldados que tiñan ordes de disparar a matar contra calquera persoa que considerasen que puidese ter intencións de arriscarse a cruzar á zona occidental da cidade, cuxos habitantes se entregaron dende os primeiros días a pintar o seu costado das placas de formigón con coloridos murais nun intento de mitigar o tremendo impacto visual da muralla que os separaba dos seus veciños e que estivo en pé ao longo de vinte e oito anos, até que o nove de novembro de 1989 un militar que exercía como voceiro do goberno da RDA anunciara nunha rolda de prensa o levantamento das restricións aos desprazamentos á parte occidental da cidade logo dunhas masivas manifestacións como a que cinco días antes congregara a centos de miles de berlineses en Alexanderplatz, a praza máis importante do Berlín oriental e a máis visitada da cidade na actualidade.

A nova correu como un regueiro por todas a rúas e por todos os barrios e fixo que arredor de setenta mil persoas da parte oriental empezasen a achegarse ao muro de xeito totalmente pacífico sen que os gardas fronteirizos, superados polo inesperado entusiasmo da multitude, se atrevesen a facer nada para impedir que o cruzasen. Esa noite a cidadanía de Berlín volvía estar por fin unida e a muralla que os mantivera separados ao longo de case trinta anos empezaría un proceso de destrución a mans dos propios berlineses que duraría apenas uns días.

Nunha visita a Berlín, flamante capital da actual Alemaña unificada, decidín percorrer as pegadas físicas, as sociolóxicas darían para un estudo de gran magnitude, que aínda perduran dese inmenso muro que a mantivo dividida durante tanto tempo para intentar facerme unha idea aproximada do que puido supor a súa existencia para os berlineses, con miles de familias e amizades separadas sen posibilidade de se comunicar. Contáronme que as autoridades da parte occidental chegaron a instalar miradoiros e escaleiras que permitían falar a berros por riba dos bloques de formigón perante a atenta ollada duns gardas fronteirizos orientais que se vían incapaces de poder evitalo.

O primeiro que chamou a miña atención dentro desa procura dos restos do muro foi a existencia dunha exposición fotográfica na estación de metro deNordbahnhof, na antiga zona oriental da cidade, que me serviu para comprender o funcionamento de varias liñas do ferrocarril subterráneo na época en que existían os dous Berlíns, cando, como moitas outras das coñecidas como "estacións pantasma", tivo as súas plataformas repletas de barreiras de arame de espiños, os seus corredores e portas tapiados para impedir o acceso dende o exterior, e ademais estaba baixo a constante vixilancia de membros da policía de fronteiras que se encargaban de velar polo cumprimento da prohibición que impedía que os trens que circulaban puidesen deterse porque tiñan o seu inicio e o seu destino en Berlín occidental e os túneles se converteran en pasadizos polos que se podería escapar.

Despois de visitar esta estación, que afortunadamente a día de hoxe funciona coma calquera outra do metro da cidade, fun visitar a única parte da extensa muralla que se conserva en pé tal como era antes do ano 1989 porque as autoridades decidiron preservala para convertela noGedenkstäte Berliner Mauer, ou Memorial do Muro de Berlín.

Trátase dun quilómetro da antiga liña fronteiriza, declarado monumento nacional, que transcorre paralela ás casas da rúa de Bernauer Strasse e, ademais de conservar unha torre de vixilancia cos seus focos orixinais, unha sección de setenta metros dos dous muros de formigón armado e a "franxa da morte" que transcorría entre eles con sendeiros para as patrullas da policía, acolle un centro de documentación con fotografías que ilustran a construción do muro, unha "capela da reconciliación" levantada no lugar onde estivo unha igrexa de ladrillo que foi demolida en 1985 para ampliar a liña fronteiriza, e un monumento chamado Fenster des Gedenkens, ou Fiestra da Memoria, un muro de ferro oxidado cheo de retratos que serven para poñermos cara ás cento corenta persoas que perderon a vida intentando cruzar o muro para chegar ao Berlín occidental, incluído un meniño de seis anos, ben polos tiros das patrullas de vixilancia, ben por outros tráxicos motivos relacionados coa fuxida.

Abandonei o memorial cun estraño sabor de boca procedente dunha mestura de sentimentos encontrados , por unha banda polo desagrado que me producira o que acababa de ver e por outra polo alivio de saber que por fin era cousa do pasado, e fun cara á reconstrución do coñecido comoCheckpoint Charlie, a principal punto de cruce de estranxeiros e diplomáticos entre os dous Berlíns, que tiña ese curioso nome porque era o terceiro control aberto polos aliados logo da Segunda Guerra Mundial e polo visto "Charlie" refírese á terceira letra do alfabeto fonético militar (alfa, bravo, charlie…) e na actualidade non é nada máis que unha trampa turística chea de tendas que venden anacos falsos do muro e miniaturas de coches Trabant de plástico entre locais de comida rápida e fotografías que ilustran a época da Guerra Fría, e por iso escapei de alí decontado para poder visitar o que se coñece como East Side Gallery, unha colección de murais pintados sobre un tramo de muro orixinal de un quilómetro e medio que constitúe o museo de pintura ao aire libre máis grande do mundo, con obras de artistas de vinte países que plasmaron a euforia e o optimismo do momento vivido cando por fin caeu o muro que dividía Berlín en dúas metades.

Resultoume moi grato pasear por polaEast Side Gallery, na rúa de Mühlenstrasse, que transcorre paralela ao río Spree, que tamén foi testemuña de diversos intentos de fuxida cara á zona occidental, porque moitos dos murais que contén xa se converteron en iconas do que representaron para o mundo tanto o muro como a Guerra Fría, Sirva a modo de exemplo o titulado "Meu Deus, axúdame a sobrevivir a este amor mortal," obra do artista ruso Dmitri Vrúbel, que amosa ao antigo presidente da Unión Soviética Leonid Brezhnev e ao derradeiro líder da RDA antes da caída do muro, Erich Honecker, ambos os dous cos ollos pechados a se bicar de xeito apaixonado e está baseado na fotografía tomada polo fotógrafo francés Régis Bossu durante a visita de Brezhnev a Berlín no ano 1979 para asistir aos actos de conmemoración do trixésimo aniversario da fundación da República Democrática de Alemaña.

Acabei o meu paseo pola longa cicatriz que o muro deixou en Berlín, representada ao longo de toda a cidade por medio dunha dobre ringleira de lastras que se encargan de lembrar os lugares polos que transcorría, na maxestosa Porta de Brandeburgo, que durante os anos da división quedara en terra de ninguén, sen posibilidade de acceso nin dende a zona oriental nin dende a occidental para ningunha persoa que non fose un garda fronteirizo, e agora constitúe a máis importante icona dunha máis que suxestiva cidade que por fin permanece unida.

© Xesús Constela, 2024