Durante o proceso de documentación dunha viaxe a Tailandia, un país tan variado e tan acolledor que nunca cansarei de recomendalo, descubrín a fermosísima historia dunha cidade que mesmo tiña un nome que xa de por si espertaba a miña curiosidade, Ayutthaya, nomeada así en honra da lendaria Ayodhya, que era o lugar de residencia do príncipe Rama, o protagonista do Ramayana, o gran poema épico da literatura sánscrita.
A cidade, que está a uns escasos oitenta quilómetros ao norte de Bangkok, e ten poboación que rolda as cincuenta mil persoas, agora pode resultar relativamente pequena, pero nos seus momentos de máximo esplendor chegou a ser unha das urbes máis poboadas do mundo, con arredor dun millón de habitantes, cando entre 1350 e 1767, nada menos que ao longo de catrocentos dezasete anos, era a poderosa capital imperial do antigo reino de Siam e controlaba un territorio máis grande cá Península Ibérica.
Fundada en 1350 polo rei Ramathibodi I, máis coñecido como U-Thong, estivo gobernada ao longo da súa historia por trinta e tres monarcas que disque exerceron un poder baseado na tolerancia e utilizaron tan boas prácticas no campo da diplomacia que foron quen de establecer estreitas relacións de amizade con diversas potencias coloniais que permitiron que ninguén conseguise dobregalos, até que os seus veciños birmanos, moi envexosos do seu poderío, decidiron saqueala e reducila a cinzas en 1767, despois de dous anos de guerra que provocaron que Ayutthaya ficase abandonada e nunca puidese recuperar o esplendor perdido.
Construída nunha illa no lugar en que o río Chao Phraya, que desemboca no Golfo de Tailandia despois de cruzar Bangkok, conflúe con outros dous, o Lopburi e o Pa Sak, seica a súa beleza era tal que moitos comerciantes se referían a ela como a cidade máis fermosa que nunca visitaran, chea de templos altísimos e pazos inzados de tesouros, e debía de ser certo porque no ano 1685 o escritor francés François Timoléon, Abade de Choisy, escribiu que Ayutthaya era "unha gran cidade asentada nunha illa arredor da cal pasaba un río tres veces máis grande có Sena, cheo de navíos franceses, ingleses, holandeses, chineses, xaponeses e siameses, e dunha infinidade de barcazas e dourados galeóns con sesenta remeiros" que comerciaban con madeiras de teca e de sándalo, e tamén con azucre, coiros, marfil, peles, sedas e artesanía, así como con artigos diversos traídos do Xapón e da China.
Esta fascinante historia da capital do antigo reino de Siam espertou en min un fondo interese por visitala que se sentiu sobradamente satisfeito dende o momento en que cheguei á súa estación de tren procedente de Bangkok e collín un tuk tuk que me levou ao peirao de Wat Khun Phrom, na beira do río Chao Phraya, para subir nunha lancha de madeira tripulada por dúas mulleres coas que non puiden intercambiar nin unha soa palabra por problemas de idioma pero me pareceron unha nai e unha filla que dende logo sabían o que tiñan que facer para resultar acolledoras a base de sinceros sorrisos, e ademais demostraron ser moi destras na condución dun bote que avanzaba paseniño grazas a un motor de motocicleta adaptado que facía un ruído bastante molesto pero non foi quen de impedir que a navegación me deixase abraiado dende o momento mesmo da partida do peirao.
Do esplendoroso pasado de Ayutthaya agora simplemente fican ruínas das que os seus habitantes, non podía ser doutro xeito, se senten realmente orgullosos. Dos catrocentos templos budistas que chegou a acoller a cidade agora apenas algúns seguen en pé pero aínda así debo recoñecer que o percorrido polo río foi unha experiencia fascinante porque a cada momento pasabamos por lugares que me resultaban do máis suxestivo, xa fose un exótico cemiterio a emerxer en medio dunha vexetación exuberante e vizosa, un peirao cheo de embarcacións de madeira de moitas idades e moitos tamaños, un barrio de casas construídas sobre piares de madeira que partían do fondo das augas ou, o máis impresionante, a silueta das ruínas de estupas, torres, estatuas e muros de varios templos que fomos atopando polo camiño. Se isto tan abraiante era a Ayutthaya de hoxe en día, comprendín perfectamente os motivos que levaron aos seus visitantes a ficar tan namorados do que vían nos momentos do seu máximo apoxeo.
Despedinme da nai e a filla que me levaran na lancha no mesmo peirao onde embarcara e dirixín os meus pasos a unha parada de tuk tukscon intención de arranxar un prezo por visitar as ruínas dalgúns dos templos máis importantes da cidade e unha vez máis, foi unha muller quen me acompañou no meu percorrido, unha condutora amabilísima que falaba o mínimo inglés necesario para poder improvisar algunha conversa.
A bordo dun tuk tuk que coñecera tempos mellores visitei o templo de Wat Chai Wattanaram, cuxo nome significa literalmente "templo do longo e glorioso reinado" e foi construído en torno ao ano 1630 polo rei Phrasat Tong en homenaxe á súa nai, residente na zona, e tamén para conmemorar a súa propia coroación. Trátase dunha serie de construcións de estilo khmer, orixinario da veciña Camboxa, que se caracteriza pola utilización de ladrillos con decoracións talladas en estuco. O Prang, a torre principal, que me deixou impresionado polo seu bo estado de conservación, polo visto representa o monte Meru, un dos lugares sagrados do budismo, e as catro torres máis pequenas que o rodean simbolizan os catro continentes nos que vivimos os humanos de acordo coa mesma relixión. Como curiosidade, hei mencionar que me chamou moito a atención que todo o recinto do templo, que é un dos máis fermosos de Tailandia, estaba decorado con numerosas esculturas de Buda que non tiñan cabeza porque polo visto foran decapitadas con saña polos birmanos durante o saqueo da cidade no século XVIII.
O segundo templo que visitei foi o de Wat Phra Mahatat ou "mosteiro da gran reliquia", que foi construído a finais do século XIV polo rei Borommaracha I como lugar para a celebración das cerimonias máis importantes do seu reinado, e como meirande curiosidade amosa unha enigmática cabeza de Buda de fermoso e amábel sorriso atrapada polas enormes raíces dunha árbore que medran ao seu redor. Quixen saber por que estaba nese lugar e para a miña sorpresa encontrei dúas explicacións, unha histórica, relacionada coas decapitacións de estatuas cando a invasión birmana, polo visto alguén a agachara alí para protexela e esquecera volver buscala, e outra de inspiración budista, que di que as raíces que a sosteñen son as da árbore sagrada de bodhi, a mesma baixo a cal Buda sentou durante semanas para meditar até alcanzar a iluminación espiritual. As dúas parecéronme fascinantes, e sexa cal sexa a verdadeira, se é que algunha o é, o lugar é un punto de peregrinación de fieis que acoden dende todo o país.
O templo Wat Phra Si Sanphet é outro dos que máis me gustou de Ayuthaya. Levantado a finais do século XV no mesmo lugar onde xa houbera tres santuarios de madeira construídos no momento da fundación da cidade, acolle unhas maxestosas estupas, dúas delas construídas por iniciativa de rei Ramathibodi II para acoller as cinzas de seu pai e de seu irmán e unha terceira de construción posterior á súa morte para custodiar as súas propias cinzas.
O Templo de Wat Lokaya Sutharam, do que apenas fica nada por mor da destrución dos birmanos, alberga unha enorme figura de Buda deitado que ten trinta e sete metros de lonxitude e é un lugar de culto común onde os tailandeses van deixar as súas flores e ofrendas, polo que está vestido cunha enorme túnica alaranxada tal e como mandan os preceptos do budismo, que conceden a esa cor os máis altos graos de iluminación.
Pasear con calma por todas estas ruínas, símbolos da relixión máis estendida en Tailandia, e sentar de vez en cando entre as súas pedras para intentar evocar os mellores momentos da cidade de Ayutthaya foi unha experiencia realmente gratificante, como tamén o foi a visita que fixen ao templo de Wat Phanan Choeng, un santuario de inspiración chinesa moderno e moi concorrido, ao que van a diario moitas persoas para que lles lean a boaventura. Cun exterior decorado con dragóns e outras figuras na máis pura estética do budismo, no seu interior acolle nada menos que oitenta e catro mil imaxes de Buda aliñadas polas paredes en torno a unha impresionante estatua do mesmo deus que ten dezanove metros de altura e está completamente recuberto de pan de ouro, aínda que o que máis me impresionou foi o feito de que moitas persoas acudían ao lugar para mercar bolsas con peixes de cores para despois ceibalos no río de xeito ritual.
Aínda botei un bo anaco de tempo a observar as diferentes ofrendas que facían todos cantos estaban tanto no interior como no exterior do templo e cando por fin cando chegou a hora do solpor e abandonei Ayutthaya levaba a cabeza chea de imaxes fascinantes que me deron moi boas oportunidades para comprender o orgullo que parecen sentir os seus habitantes. A cidade nunca recuperou o seu antigo esplendor perdido, pero cada pedra da ruínas dos seus grandiosos templos, cada ladrillo e cada Buda decapitado aínda teñen moitas historias que contar.