Unha sensacional Minata Keita, clave na vitoria do Arxil (69-50) ante o Universidad de Valladolid
Por Redacción
29 puntos e 15 rebotes en 34 minutos sobre a pista. Son os espectaculares números que asinou Minata Keita no seu primeiro partido co Arxil. A malí foi unha peza clave na vitoria das pontevedresas ante o Universidad de Valladolid. As xogadoras dirixidas por Mayte Méndez derrotaron ás vallisoletanas, colistas da categoría, por 69-50. Pero malia a diferenza final, non foi un partido cómodo para as locais.
Non foi ata o último cuarto cando o Arxil respirou tranquilo. As pontevedresas, que se mostraron tremendamente incómodas na cancha durante a primeira metade do encontro, atopáronse cun Universidad de Valladolid moi agresivo en defensa, controlando ben todos os ataques locais, que sufrían para achegarse á canastra. Durante os primeiros 20 minutos, o Arxil foi a remolque e ao descanso a vantaxe era para as visitantes, por 33-34.
Pero a partir de aí, todo cambiou. As arxilistas afianzaron a súa defensa -o Universidad de Valladolid marcou apenas sete puntos no terceiro cuarto- e aínda que lles seguía custando atopar o aro chegaron aos últimos dez minutos con catro puntos de vantaxe (45-41).
Nada máis comezar ese último cuarto, un triplo de María González elevaba a sete a diferenza a favor das pontevedresas. Foi aí cando o Universidad de Valladolid baixou os brazos e o Arxil atopou un maior acerto sobre o aro rival. Desatadas, as mozas de Mayte Méndez lograron un parcial de 24-9 no último periodo, que situou o electrónico nun 69-50 que non reflexa fielmente o visto sobre a pista.
Con esta importante vitoria, o Arxil suma o seu quinto triunfo en dez partidos e alcanza a quinta praza na táboa. Está empatado co cuarto clasificado, o Celta Selmark, que ocupa o último posto que dá acceso ao playoff de ascenso a Liga Feminina.
CB ARXIL (69): Ana Martín (2), Carla Fernández (8), María Lago (6), Fany López (2), Minata Keita (29) -cinco inicial- María González (7), Jara Tuda (1), Cristina Díaz (10), Natalia Soage (2), Sandra Entenza (2).
UNIVERSIDAD DE VALLADOLID (50): Cristina Salinas (5), Sandra Castilla, Paula Vicente (15), Pilar Río (17), Miriam Rodriguez (2) -cinco inicial- Laura Izquierdo, Laura Correa, Lucía Rubinos (6), María González (4), María Toral (1).
Árbitros: González Escobar e Iglesias Ambrosio. Sen eliminadas.
Parciais: 14-15, 19-19, 12-7, 24-9.
Incidencias: Partido da Liga Feminina 2 disputado no Pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (Pontevedra).