O Xuven volve de baleiro de Mallorca tras caer (75-63) ante o Palma Air Europa
Por Redacción
Nin sequera a gran actuación de Alberto Rodríguez logrou que o Conservas de Cambados trouxera un resultado positivo da súa viaxe a Palma de Mallorca. Un Palma Air Europa en xeira positiva, desde que cambiaron de adestrador hai dúas semanas, foi demasiado rival para os galegos, que perderon por 75-63. Un resultado moi engañoso porque non foi ata o último cuarto cando os insulares certificaron a súa vitoria.
O veterano Alberto Rodríguez e José Luís Merino, con 38 puntos entre os dous, foron os encargados de manter as opcións do Conservas de Cambados durante a primeira metade. A pesar do poderío ofensivo do Palma, que chegou a situarse nove puntos arriba no marcador (29-20), os cambadeses agarráronse ao partido e lograron marchar ao descanso cun 35-29 que aínda se apertou máis trala reanudación.
Foi precisamente no terceiro cuarto cando os galegos mostraron a súa mellor versión. A pesar do gran acerto de Matemalas, o Palma Air Europa non lograba desbarata a defensa visitante e o Conservas de Cambados reducía a distancia ata o 52-48 a falta dos dez últimos minutos. Pouco despois Rodríguez situaba aos seus a tan só un punto, 56-55, levando a inquedanza ao banquiño mallorquín. Pero esta xeira dos galegos durou pouco.
Pantín baixo os aros e Matemalas con dúas bombas desde 6,75 daban aire ao Palma, que a falta de tres minutos e medio para o final gañaba 65-60. Un parcial de 6-0 con Vicens como protagonista deu ás ao conxunto local, que con oficio se plantaron a un minuto e medio do final cunha renda, 71-60, que xa foi definitiva nun partido marcado polas 21 perdas de balón do Cambados e as magníficas porcentaxes de anotación dos locais.
Con este resultado, o Conservas de Cambados mantense undécimo na clasificación. Suma cinco vitorias e oito derrotas.
PALMA AIR EUROPA (75): Antonio Pantín (9), Di Bartolomeo (18), Cañellas, Blair (2), Matemalas (16) -cinco inicial- Gayá, Gabriel Torres (8), Alberto García (2), Vicens (18), Israel Pampín (2).
CONSERVAS DE CAMBADOS (63): Juanchi Orellano (2), Alberto Rodríguez (18), Juan Mato, Taylor García (4), José Luis Merino (20) -cinco inicial- Wildner, Mamadou Diop (5), Ander García (7), Lucas Vaquero, Norman Rey (7).
Árbitros: Rupérez Vielba e Lanza Tortosa. Eliminaron por faltas personais a Alberto Rodríguez polos visitantes.
Parciais: 14-13, 21-16, 17-19, 23-15.
Incidencias: Partido disputado no pavillón Toni Servera de El Arenal (Mallorca).