O Teucro aguanta ata o final pero remata cedendo (30-28) ante o líder Barcelona B
Por Redacción
Non puido ser. O Teucro pechaba a primeira volta visitando a cancha do líder, a Barcelona B, e facíao coa sensible baixa na portaría do seu gardameta titular Juan Bar. De novo Dani Cadilla demostrou que hai relevo de garantías, pero non foi suficiente para impedir que os puntos quedasen en terras catalás.
Os azuis loitaron ata o final, e só cederon nos últimos compases, despois dun parcial propiciado por unhas discutibles decisións arbitrais que se inclinaron do lado local, especialmente a exclusión de Tomás Moreira, con amoestación a Javier Barrios, a falta de oito minutos, que os azulgranas non perdoarían, aproveitando a superioridade numérica en pista para abrir unha brecha de catro goles, a falta de pouco máis de cinco minutos, que xa sería definitiva, a pesar de que os pontevedreses seguiron loitando ata o asubío final para deixar o marcador nunha derrota moi curta.
A iniciativa no marcador foi case sempre do equipo local. Non obstante o Teucro non perdería nunca o ronsel do seu rival, que unicamente mediado o primeiro tempo conseguiu unha máxima diferenza de cinco goles, pero sen descompoñer os pontevedreses.
Se a primeira parte foi nivelada, a segunda aínda o foi máis. As diferenzas, sempre moi curtas, oscilaban entre os dous e tres goles a favor do equipo de casa, pero a falta de dez minutos o Teucro levou a inquietude a unha bancada que vía como o equipo de Javier Barrios non se rendía. O mínimo 22-21 que reflectía o marcador deu paso a esas protestadas decisións arbitrais que foron decisivas para o desenlace do partido.
FC BARCELONA B (30): Ignacio Biosca; Medina, Joao Pedro (1), Pol Vilaplana (2), Adrián Figueras (4), Víctor Montoya (4), Oriol Rey (1), David Balaguer (8), Lozano, Joan Amigo (1), Víctor Sáez (6), Miralles (3), Rubén Cabello e Ignasi Admella (p.s.).
SD TEUCRO (28): Dani Cadilla; Carlos Pombo, David García Pichel (4), Alejandro Pombo, David Chapela (2), Miguel Porto (2), Tomás Moreira (6), Víctor Rodríguez (5), César Armán, Carlos García (4), Borja Pedreira (4) e Miguel Sío (1).
Árbitros: Sebastián Fernández Molina e Alberto Murillo Castro (Andalucía). Excluíron dous minutos a Oriol Rey (2), David Balaguer e Joan Amigo, pola Barcelona, e a David García Pichel, David Chapela e Tomás Moreira, polo Teucro.
Marcador (cada cinco minutos): 3-1, 4-1, 6-3, 11-6, 12-9, 14-11 (descanso), 16-14, 19-16, 21-19, 23-21, 27-23 e 30-28 (final).
Incidencias: Ciutat esportiva Joan Gamper (Sant Joan Despí-Barcelona).