Javier Márquez despídese do Cisne: "Desgraciadamente non puido ser o que todos queriamos"
Por Diego Espiño & Mónica Patxot
A etapa de Javier Márquez á fronte do Club Cisne Balonmán chega ao seu fin, aínda que queda afrontar un último partido de liga na máxima categoría antes de dar concluída definitivamente a tempada.
"Desgraciadamente non puido ser o que todos queriamos", explicou o técnico nunha rolda de prensa de despedida do club celebrada este martes no Hotel Galicia Palace coa presenza de directivos da entidade e unha nutrida representación de xogadores do primeiro plantel.
Tras o descenso Márquez e o Cisne separan os seus camiños, pero fano mostrándose agradecemento e agarimo mutuo.
"Levo moitas cousas de Pontevedra e este ano para min foi moi bo no persoal, no que puiden gozar do meu maior hobby que é o balonmán. Quero agradecer ao club o poder gozar este ano da Liga Asobal", sinalou o preparador manchego.
Márquez en todo caso mostrouse esixente co traballo realizado, afirmando que "non vou buscar escusas, houbo lesións, houbo acertos, erros, pero eu creo que tiñamos na nosa man facer algo máis", aínda que polo menos "fomos un equipo capaz de facer un moi bo balonmán este ano. Fixemos bos partidos e quizais o debe que tivemos é que non fomos todo o regulares que deberiamos ter sido", analizou.
Pola súa banda o presidente do Cisne, Santiago Picallo, quixo destacar o paso do adestrador defendendo que "se notou e vaise a notar no futuro, é un excelente profesional", aínda que a situación económica pola perda de categoría fose decisiva na decisión de non poder prolongar finalmente a súa estancia en Pontevedra.