Grandes retos para a 'costa de xaneiro' dunha Gimnástica coa vista posta na Copa do Rei
Por Redacción
Comeza 2014 e co mes de xaneiro o atletismo en pista cuberta reclama o seu protagonismo. Os atletas da Sociedad Gimnástica prepáranse para un mes cheo de competicións deportivas. Xa se estrearon a pasada fin de semana en Lugo, Pereiro de Aguiar e Vigo, pero a primeira gran cita será o domingo 12 de xaneiro na Coruña, cidade que acolle a Copa de Galicia de Clubs, onde o equipo masculino intentará defender o título do ano pasado.
A seguinte semana, concretamente os días 18 e 19 de xaneiro, en Ourense e Lugo celebraranse senllos controis de marcas que utilizarán os atletas da Sociedad Gimnástica para conseguir as mínimas de cara ao Campionato de España de pista cuberta, que se celebrará o 22 e 23 de febreiro na localidade catalá de Sabadell.
Pero se hai unha cita que a Sociedad Gimnástica ten marcada en vermello no calendario, esa é, sen dúbida, a Copa de Rei de clubs. O equipo masculino acudirá a Valencia os días 25 e 26 de xaneiro para participar por terceiro ano consecutivo nesta proba, a primeira gran competición do ano para o conxunto pontevedrés.
Antes de que finalice xaneiro, os atletas da Gimnástica participarán tamén no Campionato galego de pista cuberta de combinadas, unha especialidade que deu moitas medallas ao equipo pontevedrés; mentres que na localidade luguesa de Friol terá lugar o Campionato galego de cross curto, onde o equipo masculino defenderá titulo e intentará conseguir o seu décimo título nas trece edicións disputadas.
Relacionadas:
-
A Gimnástica busca facer historia na súa terceira participación na Copa do Rei de atletismo
Por Redacción |
-
Apertado triunfo da Gimnástica na Copa Galicia de pista cuberta, reeditando o título do ano pasado
Por Redacción |
-
A Gimnástica clasifícase para a Copa do Rei de Atletismo por terceiro ano consecutivo
Por Redacción |