O Arxil decide esperar pola pivot senegalesa Maimouna Diarra a pesar dos seus problemas de visado
Por Diego Espiño
Problemas de visado atrasaron a incorporación da nova fichaxe do Club Baloncesto Arxil, a pivot senegalesa Maimouna Diarra, que tiña previsto chegar a Pontevedra o día 2 de xaneiro.
Diarra, con quen se chegou a un acordo tras confirmarse a baixa da xamaicana Tajay Ashmeade, "estaba a punto de subir al avión" segundo relata o coordinador do club verde Lino Vázquez, pero as autoridades de Senegal impediron a súa saída do país cun visado de turista.
Agora dende o Arxil trabállase para axilizar os trámites de solicitude do permiso de traballo para que a xogadora poida "llegar en una o dos semanas", unha demora que a pesar das dúbidas iniciais non impedirá a súa contratación.
A situación do equipo na clasificación, con catro triunfos de vantaxe coa praza de descenso, facilitou a decisión de esperar pola súa chegada e descartar calquera outra opción polo momento, pois Diarra chegaría a Pontevedra como unha aposta a medio prazo do club, que pretende contratala ata final de tempada "coa intención de que siga connosco a próxima", explica Lino Vázquez.
De cumprirse as previsións Maimouna Diarra perderíase polo menos o primeiro partido oficial do ano o próximo 11 de xaneiro en Vilagarcía ante o Cortegada.
Sen embargo as dúbidas non se despexaron completamente no seo da entidade arxilista, tal e como expresou a adestradora do primeiro equipo, Mayte Méndez, na presentación do Torneo Cidade de Pontevedra, "os trámites poden demorarse entre un e catro meses e nós non podemos esperar tanto tempo". De aí que solicitasen, entre outros, o apoio da Federación Española de Baloncesto para axilizar a chegada da xogadora.
Mentres tanto "pedimos axuda a antigas xogadoras para que nos boten unha man ata entón", pero segundo Mayte Méndez o problema é que "non hai moitas pivot no paro" e no segundo equipo ningunha xogadora reúne as condicións suficientes para dar o salto aínda. A curto prazo o Arxil terá que tirar de Fany, a súa única pivot, e de María Lago e Centeno "que botan unha man por dentro".
A adestradora do equipo pontevedrés espera solucionar este asunto canto antes "porque sería unha pena deixar ir ao equipo" cando logrou un nivel de xogo "co que estamos moi contentos". Neste sentido, afirmou que os dous partidos que disputarán no Torneo Cidade de Pontevedra servirán "para recuperar o nivel físico e defensivo que tiñamos antes das vacacións", dous aspectos básicos no potencial despregado polo Arxil nas últimas semanas antes do parón do Nadal.
Relacionadas:
-
Minata Keita, procedente do Al-Qázeres, incorpórase á disciplina do Arxil ata final de temporada
Por Alejandro Espiño |
-
Fontecarmoa espera un Arxil lastrado polas baixas
Por Redacción |
-
Dobre derrota para o Arxil ante o Olivais portugués no Trofeo Cidade de Pontevedra
Por Redacción |
-
O Arxil recibe aos portugueses do Olivais de Coimbra no XX Torneo Cidade de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
A xogadora senegalesa Maimouna Diarra reforza ao Arxil ata final de tempada
Por Redacción |
-
A pivot xamaicana, Tajay Ashmeade, abandona o Arxil
Por Redacción |