Álex Meira, o xogador cadete do Salgueiriños, pasará polo quirófano
Por Ramiro Espiño
Pese a que segue ingresado no Hospital Juan Canalejo de A Coruña, as noticias que chegan sobre o estado de saúde do xogador cadete do Salgueiriños, Álex Meira, continúan sendo positivas. O mozo de Poio que deu un tremendo susto cando sufriu unha parada cardio-respiratoria o pasado 10 de setembro, está sendo sometido a diversas probas para pescudar o motivo da dolencia cardíaca que lle provocou esa parada.
Segundo informa Faro de Vigo, Álex Meira foi trasladado desde o Hospital Xeral de Vigo ata o Juan Canalejo, co fin de ser atendido polo equipo médico do centro coruñés, especialista neste tipo de doenzas.
En declaracións aos compañeiros da edición de Pontevedra do rotativo vigués, Pablo Pérez, portavoz da familia e adestrador de Álex Meira, comentaba que "fixeronlle varias probas e está a espera de ser intervido do corazón, nunha operación que nun principio non entraña ningún risco para o rapaz".