O tramo máis longo do V Rallie de Pontevedra disputarase o 3 de xuño no Cádabo, en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
O tenente de alcalde de Cerdedo-Cotobade, Fernando Vázquez, o concelleiro Javier Lois, o secretario da Escudería Congostra Team Sanxenxo, Diego Besada, e o piloto local Manuel Magdaleno analizaron os últimos detalles organizativos do V Rallie de Pontevedra que discurrirá por terras de Cerdedo-Cotobade o sábado 3 de xuño, cun tramo cronometrado de grande interese para os pilotos e os amantes do mundo do motor que terá na baixada do Cádabo o seu principal aliciente.
O convenio asinado entre o Concello e a Escudería Congostra Team Sanxenxo permitirá que un dos tramos máis decisivos da carreira discorra polo termo municipal de Cerdedo-Cotobade ao longo de 15,260 quilómetros (o tramo máis longo do campionato galego) e que terá na baixada cara ao Cádabo un dos espazos máis interesantes desde o punto de vista da competición e da beleza paisaxística.
A colaboración entre o goberno local e a escudería organizadora da proba mantense a través da sinatura dun convenio mediante o cal aúnase o máximo esforzo entre ambas as dúas entidades na promoción do deporte do motor como dinamizador económico e turístico do concello durante a celebración desta proba.
O tenente de alcalde, Fernando Vázquez agradeu á Escudería Congostra Team Sanxenxo que volveran pensar no concello de Cerdedo-Cotobade para incluílo no V Rallie de Pontevedra e tamén animou aos pilotos da comarca a participar e facer un bo papel nesta proba automobilística que se desenvolverá en varios escenarios da provincia os días 2, 3 e 4 de xuño.
Vázquez salientou tamén a importancia que este tipo de eventos deportivos teñen para dinamizar a actividade económica do municipio “xa que mobilizan a moita xente que se achega ata aquí e que consumen nos distintos establecementos comerciais e hostaleiros da nosa zona. Créase unha afluencia moi importante de persoas entre público, pilotos, mecánicos, familiares ou afeccionados que fan que esta proba se convirta tamén nunha ocasión única para favorecer a promoción turística das paraxes por onde discurre a proba, a gastronomía e os atractivos turísticos de Cerdedo-Cotobade”, indicou o tenente de alcalde.
Relacionadas:
-
Sen sorpresas no Rally de Pontevedra: Víctor Senra, campión da quinta edición
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Ponte Caldelas repite como escenario dun dos tramos cronometrados do Rallye Rías Baixas
Por Redacción |
-
Luz verde da Federación a un calendario que inclúe sete rallys en chan pontevedrés
Por Redacción |