O Ciudad de Pontevedra organiza un partido solidario a beneficio de Redeaxuda
Por Redacción
O Pavillón Municipal dos Deportes acollerá este próximo sábado, 28 de decembro, o primeiro Partido Benéfico de Nadal organizado polo Ciudad de Pontevedra Club de Fútbol en beneficio de RedeAxuda.
O encontro, que inicialmente se ía desenvolver na Xunqueira pero que cambiou de situación polas previsións meteorolóxicas, enfrontará dous conxuntos compostos por unha mestura dos equipos masculino e feminino do club e unha serie de personaxes públicos da cidade.
Entre eles estará o humorista David Amor ou a campioa olímpica Támara Echegoyen, ademais de representantes da política como o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, os concelleiros de Benestar Social e Deportes, Carmen Fouces e Agustín Fernández respectivamente, ou os tamén edís Pablo Fernández e Eloísa Nogueira.
A entrada para o partido, que empezará ás 12:00 horas, é gratuíta, pero os asistentes poderán colaborar obtendo rifas, por valor dun euro, para participar nun sorteo con diversos premios, entre os que destacan camisetas asinadas polo campión do Mundo de triatlón Javier Gómez Noya ou o porteiro do Real Madrid Diego López.