O circuíto de pump track de Vilagarcía será unha realidade esta primavera
Por Redacción
O pump track, unha disciplina de skate ou BMX orixinario de Australia e Estados Unidos e que consiste en dar voltas a un circuíto de pequenas dimensións impulsándose unicamente aproveitando a inercia ou os desniveis dos peraltes e os saltos da pista, contará cunha instalación específica no barrio vilagarcián da Florida. A previsión é que poida inaugurarse en abril.
Así o comunicou este xoves o Concello de Vilagarcía a través das súas redes sociais. "O circuíto de pump track da Florida será unha realidade na vindeira primavera", compartiron no seu muro de Facebook unha información que xerou gran expectación entre os afeccionados a esta modalidade deportiva.
A pista situarase na actual parcela que ocupa o vello circuíto de BMX, que será reformado seguindo os consellos e directrices dos propios usuarios e do estudo Move, especialista neste tipo de proxectos.
A obra, encargada á empresa Serviplus Total, supoñerá un investimento de 48.200 euros e deberá estar rematada no prazo de mes e medio.
O da Florida, segundo destaca o goberno municipal, será o primeiro de Galicia coa característica de ser polivalente, con dous recorridos diferenciados para adultos e rapaces ou ben máis ou menos destros.
O circuíto terá un ancho de rodaxe de 1,5 metros e unha lonxitude aproximada de 116 metros (circuito total), de sentido único, o que minimiza o risco de accidentes en pista. A dirección de circulación sinalizarase mediante simboloxía, así como a marcaxe de carrís.
Ademais de satisfacer unha demanda de deportistas locais, o goberno local confía en que este circuíto se converta tamén nun novo atractivo da cidade.
Relacionadas:
-
Meaño impulsa a construción dun circuíto pump track en Dena
Por Redacción |
-
Avariadas dez bicicletas do Vaibike! por facer chimpos con elas ou subir unha segunda persoa ao cesto
Por Redacción |
-
Ribadumia instalará un pump track no parque da Carballeira de Barrantes
Por Redacción |
-
Estudan converter o antigo circuíto BTT de Monte Porreiro nunha área pump-track
Por Alejandro Espiño |
-
Así gastará Vilagarcía os 2,2 millóns de euros do remanente do ano pasado
Por Oskar Viéitez |
-
O vello circuíto BMX de Vilagarcía converterase nunha área pump track
Por Redacción |