Dez anos en Primeira e o Poio Pescamar xa senta na mesa dos grandes
Por Manu Otero
Un golpe enriba da mesa. Iso supuxo a vitoria da pasada fin de semana do Poio Pescamar sobre o Futsi Atlético Navalcarnero. Non só por acabar coa imbatibilidade do líder da liga, senón porque o triunfo serve para confirmar a maioría de idade dun club que levaba varias tempadas aspirando, sen éxito, a acabar coa hexemonía das madrileñas e do Burela.
Este ano, que a entidade da Seca celebra o seu cuarto de século de vida e cumpre a súa décima tempada consecutiva na elite do fútbol sala español, o Poio Pescamar está a demostrar que por fin é capaz de competir de ti a ti cos grandes dominadores históricos deste deporte a nivel nacional.
"É o plantel máis compensado do últimos dez anos e co corpo técnico acertamos moitísimo", defende orgulloso Juanjo García, presidente do club. Non pode ocultar a súa alegría pola boa marcha do equipo, pero sabe que a tempada é longa e non quere lanzar as campás ao voo. "Estamos a gozar o momento, pero gozamos o xusto", asume o dirixente, que afronta tamén o seu particular desafío de cadrar os números e xestionar toda a loxística dun club de elite.
"É o plantel máis compensado do últimos dez anos e co corpo técnico acertamos moitísimo"
A única pena que ten a familia vermella é a mala sorte no sorteo da Copa da Raíña, que quedaron emparelladas co Atlético Navalcarnero e daquela non foron capaces de derrotar. "Foi unha mágoa porque xunto co Melilla, seriamos o único equipo que poderiamos plantarlles cara ao Futsi e ao Burela na fase final", confesa o mandatario.
A chegada de Luís López Tulla e o seu corpo técnico marcou un antes e un despois no desempeño do primeiro equipo. O Poio Pescamar destaca pola súa solidez defensiva, pero para Juanjo a clave ten máis que ver co factor humano. "Ten a todas as xogadoras enchufadas", destaca, ao mesmo tempo que pon en valor a mellora do equipo en aspectos tácticos, técnicos e relacionados coa preparación física.
Non é a primeira vez que as conserveiras derrotan ao xigante madrileño. Co brasileiro Marcio Santos no banco xa o conseguían ata en dúas ocasións consecutivas e a domicilio. Con todo, esta vez é diferente. Porque as de López Tulla tamén conseguiron arrincar un empate na súa visita ao Burela e, ao contrario doutras tempadas, están a mostrar unha enorme solvencia á hora de enfrontarse aos equipos da zona media baixa da táboa.
"O ano pasado quedamos quintos non porque o Melilla gañase, senón porque perdemos puntos con equipos que estaban en zona de descenso", lembra García.
"Queremos enganchar á afección e volver xogar na Seca canto antes". Gañar a liga? "A ver que pasa"
O certo é que a boa marcha do equipo disparou o optimismo en Poio e desde a directiva non queren deixar pasar a onda. "Queremos enganchar á afección e volver xogar na Seca canto antes", proponse o presidente. Gañar a liga? "A ver que pasa", solta sen descartar ningunha opción. Aínda que pronto se arrepinte e matiza que "o obxectivo é o playoff". A meta está máis que encarrilada, o quinto clasificado está a 15 puntos e no vestiario xa soñan cun playoff como locais que pode ser histórico.
Pero para cumprir ese soño deben acabar, como mínimo, en segunda posición. Atlético e Burela non llo poñerán fácil, pero de momento xa tiveron que servir un cuberto máis na mesa de aspirantes ao título.
Relacionadas:
-
Sufrido triunfo do Poio Pescamar ante un combativo Móstoles (3-4)
Por Redacción |
-
O Poio Pescamar fai escala en Móstoles na súa persecución ao líder e A Raña acolle un derbi entre Marín e Ourense
Por Manu Otero |
-
Cinco xogadoras do Poio Pescamar disputarán o dobre amigable internacional entre España e Arxentina
Por Manu Otero |
-
O Poio Pescamar derrota o líder Futsi Navalcarnero cun gol de Rocío no último minuto
Por Redacción |
-
O Poio Pescamar regala un empate ante o Burela nos instantes finais (3-3)
Por Redacción |