Eva e Julia, futbolistas de 5 anos do Portonovo SD, elevan as licenzas do fútbol galego a 100.000
Por Redacción
Que o fútbol é o deporte rei sábeo todo o mundo, pero foi nos últimos anos cando o número de licenzas creceu exponencialmente.
Este aumento viviuno precisamente a Federación Galega de Fútbol, que esta semana superou a barreira das 100.000 licenzas por primeira vez nas súas máis de 113 anos de historia.
Xa o pasado 4 de xullo, cando finalizou a tempada 2021-2022, as cifras eran de récord cun total de 98.127 licenzas, das cales 96.878 foron de xogadores, técnicos e asistentes e 1.249 de árbitros de fútbol, fútbol sala, fútbol gaélico e fútbol a pé, este último favorecendo en gran medida o crecemento da estrutura.
Con todo, as protagonistas deste feito histórico foron dúas nenas do Portonovo SD, cuxas fichas foron tramitadas esta semana como a 100.000 e a 101.000 do fútbol galego.
Eva e Julia Losada, de categoría biberón e que cumprirán este domingo 5 aniños, convertéronse nas artífices deste acontecemento e xa están a gozar do fútbol, favorecendo ademais que o número de fichas femininas tamén crezan.
Nun vídeo compartido pola Futgal a través das redes sociais, a nai das nenas contou que Eva e Julia "na casa sempre estaban pedindo pelotas e que querían xogar", así que tanto ela como o pai decidiron apuntalas ao fútbol.
Destacou, ademais, a importancia de que haxa nenos xogando ao fútbol porque "que fagan deporte é bo para todos" ademais da importancia de "aprender a disciplina de traballar en equipo".
Pola súa banda, o presidente da Federación, Rafael Louzán, admitiu estar "profundamente agradecido polo extraordinario traballo que realizan os clubs, os adestradores, os xogadores e os árbitros nos últimos anos. Todos eles son os grandes responsables deste dato que xa queda para a historia e que soñabamos conseguir cando chegamos á Federación. Sen dúbida a inclusión do fútbol sala e do fútbol veterano representou un punto de inflexión e tamén que o Fútbol Gaélico e o Fútbol a pé quixesen sumarse a esta gran familia".
Señoras e señores, con todos vostedes...
— Real Federación Galega de Fútbol (@futgal) January 5, 2023
Eva Losada Prado e Julia Losada Prado, as licenzas números 100.000 e 100.001 do FÚTBOL GALEGO
Dúas xemelgas en idade biberón do @portonovo_sd que xa son HISTORIA do noso fútbol pic.twitter.com/vH2MenwcMz