O Mallorca será o rival de Primeira División do Pontevedra na nova rolda da Copa do Rei
Por Manu Otero
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O sorteo de dezaseisavos de final da Copa do Rei deparou un enfrontamento entre Pontevedra CF e RCD Mallorca. A cita resolverase en Pasarón a partido único o mércores 4 de xaneiro ás 19 horas nun partido que será televisado por Movistar.
Puido tocarlle o gordo ao Pontevedra, cuxa bóla estaba no bombo dos oito equipos de Primeira Federación clasificados para esta rolda do torneo do KO. Xunto con outros dous clubs procedentes de Segunda Federación, o azar non quixo que os granates se enfrontasen a algún dos catro equipos que disputan a Supercopa de España (Real Madrid, FC Barcelona, Real Betis e Valencia CF) e que se incorporan nesta rolda á competición copeira.
Cos catro equipos máis atractivos fóra de sorteo, a do Pontevedra foi a terceira bóla en saír. O futbolista do Logroñés Jaime Sierra foi a man inocente elixida pola RFEF para repartir sorte entre os equipos de Primeira Federación. Seguían no bombo equipos atractivos como o Atlético de Madrid, o Vilarreal ou o Celta. Pero a fortuna quixo que o emparellamento fose con outro equipo insular.
O encontro de Copa do Rei obrigará ao equipo granate a reducir as súas vacacións de Nadal. Aínda que o cruzamento contra un equipo de Primeira é moi atractivo para xogadores e afeccionados, no vestiario granate non quitan o foco do realmente importante, a liga e o enfrontamento contra un rival directo pola permanencia como o Badaxoz fixado para o día 7 de xaneiro.
"Tiñamos a ilusión de que nos tocase un rival como o Madrid ou o Barça, o Mallorca é un equipo de Primeira División, vai ser un rival dificil, pero temos que tentar preparar o partido ben e crearlle os suficientes problemas como para pasar a eliminatoria", valorou o adestrador do Pontevedra, Antonio Fernández, instantes despois do sorteo.
"Temos que ter claro que isto é un premio e que vai haber un gran ambiente en Pasarón, pero non podemos perder de vista a liga e o partido contra o Badaxoz, que é o que verdadeiramente nos preocupa e vai condicionar un pouquiño", puntualizou o técnico.
A última hora desta tarde o club fixo públicos tamén os prezos das entradas e as promocións para os seus socios. Como no partido contra o Tenerife, cada abonado poderá retirar dúas entradas a metade de prezo.
Os pases para este partido son lixeiramente máis altos que os da pasada eliminatoria. Para os fondos valen vinte euros, para Preferencia, 25; e para Tribuna, 30. Ademais os menores de 16 anos poderán entrar gratis a todas as bancadas menos a Tribuna, para a que terán que pagar 15 euros os menores de 7 a 16 anos.
COPA DEL REY|Xa temos prezos e promocións para o partido fronte o @RCD_Mallorca
— Pontevedra CF (@PontevedraCFSAD) December 23, 2022
Socios de categoría xeral poden sacar 2 entradas a metade de prezo en oficinas ou en https://t.co/bZp93XwBs5 (NON EN TAQUILLAS)
Nenos ata 16 anos de balde (excepto tribuna) #LaCopaMola pic.twitter.com/OJHdAwh35F
Relacionadas:
-
Javier Aguirre eloxia o Pontevedra antes da visita do Mallorca en Copa: "Se o campo o permite esperemos ver un partido bonito"
Por Diego Espiño |
-
A visita do Mallorca en Copa "é un partido para poder facer historia" no Pontevedra, aínda que mirando de esguello á liga
Por Diego Espiño |
-
A opción de dar de alta a Derik Osede no mercado de inverno "está aí. Véxoo un xogador súper apto"
Por Diego Espiño |
-
Del Cerro Grande, un árbitro Elite UEFA para o Pontevedra-Mallorca de Copa do Rei
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra xa despachou máis de 700 entradas para o partido de Copa contra o Mallorca
Por Manu Otero |
-
Os granates volven ao traballo con vinte efectivos e catro ausencias
Por Manu Otero |
-
Dúas xornadas con dobre sesión poñerán fin á semana de vacacións do Nadal do persoal granate
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra coñecerá ao seu rival de Copa, que será de Primeira División, este venres a partir das 12.30 horas
Por Manu Otero |
-
Gueye vístese de Papa Noel e regala a Pontevedra unha nova festa de Copa á conta do Tenerife (2-1)
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
O Pontevedra ponse en modo Copa coa "máxima ilusión" e seguros de que "teremos posibilidades"
Por Manu Otero |