Severo correctivo para o Leis que cae goleado na casa (2-6) ante o IES Coruxo
Por Redacción
Pódense poñer todo tipo de escusas ante unha derrota, pero o certo é que ás veces ningunha pode xustificar o que se ve sobre a cancha. ÿ o caso do Leis, que caeu con estrépito ante o IES Coruxo na undécima xornada da Terceira División masculina de fútbol sala. Os vigueses foron infinitamente superiores e endosaron un severo correctivo ao equipo local, ao derrotalo na súa casa por un claro 2-6.
O Leis apostou por un partido con presión a toda pista para intentar desgastar ao conxunto visitante. Pero a táctica non lles resultou aos homes de Manu Cossío. Non elaboraba con orde, precipitábase na presión e encima perdía balóns non forzados de xeito estrepitoso, provocando contras moi perigosas dos visitantes. Deste xeito encaixarían os locais os dous primeiros goles, dúas boas xogadas que o Leis non estivo fino para cortar.
Na segunda metade, os pontevedreses saíron algo mellor, poñendo en apuros ao Coruxo. Pero nin así. Ante a pasividade da defensa local, os vigueses marcaban o 0-3. Malia que Dani lograba dar certas esperanzas co primeiro gol do Leis tras unha boa triangulación de equipo, o roubo de balón e a efectividade do contraataque visitante impediron a reacción do Leis e marcaron ata outros tres goles máis.
Tras fallar Sergio Martínez ao segundo pau o 2-3, na xogada seguinte caeu o cuarto gol do Coruxo, que marcou a porta baleira. Aínda que o Leis movía ben de cinco non lograba rematar e noutro disparo desde campo propio o Coruxo fixo o quinto. A pouco do final unha boa xogada de Miguel serviu para que Martín fixese o segundo gol do Leis. Xa co minuto 40 cumprido, o equipo olívico marcou o definitivo 2-6.
Malia esta derrota, o Leis mantense líder de Terceira División con 25 puntos. Ten agora tan só dous puntos de vantaxe sobre o segundo, precisamente o IES Coruxo.
LEIS PONTEVEDRA (2): Chenlli, Carlos, Dani Taboada (1), Martín (1), Sergio Martínez, Sergio García, Pablo Durán, Raúl Jiménez, Miguel López, Miguel Cabaleiro, Noel Gómez.
IES CORUXO FS (6): Alex, Cristian (2), Mario, Bruno, Aarón, Jonatan, Alexis (3), Andrés (1).
Árbitros: Carlos Andrés Fernandez Mendez e Miguel Angel Crestezo Blanco. Amosaron amarela polo Leis a Miguel, Sergio Martinez, Pablo e Pocho; e polo Coruxo a Aarón.
Incidencias: Partido correspondente á undécima xornada de Tercera División, disputado no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra.