O Vitaldent desperdicia unha renda de catro goles e cae ante o Bueu (31-30) nun final de infarto
Por Redacción
Ocasións como a que tivo o Vitaldent Pontevedra para puntuar en Bueu non se deben desaproveitar para non pasar apuros ao final de tempada. E é que os pontevedreses chegaron a ir gañando por catro goles de vantaxe a falta de pouco máis de trece minutos de partido. Cun Bueu noqueado polo bo xogo visitante, permitiron a súa reacción e nun final de infarto os locais quedáronse cos dous puntos ao gañar 31-30.
O inicio do partido foi impecable para o Vitaldent. Férreo en defensa e coa inestimable achega de Ángel Soliño en ataque, que con oito goles foi de novo a principal referencia ofensiva dos pontevedreses, a primeira parte foi case un paseo para os homes de Pedro Pérez. Chegaron a ir gañando por cinco goles, unha vantaxe que se reduciu a tres nos minutos finais da primeira metade (13-16).
Pero trala reanudación todo cambio. Os pontevedreses non puideron manter o ritmo dos primeiros 30 minutos e aos poucos o Bueu foi recortando distancias no marcador ata lograr empatar por vez primeira a falta de nove minutos (26-26). Lastrados, sen dúbida, polas sete exclusións que recibiron durante todo o partido, cinco delas nesta segunda parte, o Vitaldent non soubo reaccionar ás embestidas locais.
Tras ese primeiro empate, a alternancia no marcador foi continua ata que un gol de Pablo Quintáns a falta de 50 segundos poñía o 31-30 definitivo. Malia que o Vitaldent gozou da última posesión do partido non puido materializar o empate.
Con esta derrota, o Vitaldent Pontevedra cae ata a undécima posición con nove puntos. Son superados precisamente polo seu rival desta semana, o Bueu, que alcanza os dez puntos.
BUEU ATLETICO (31): Mauro Bacelar, Andrés Bacelar, Ramón (3), David Iglesias, Juncal (4), Santiago Otero (2), Sergio, Quintáns (11), José Quintela (2), Yeray, Miguel Suárez (8), Aarón y Eloy (1).
VITALDENT BM. PONTEVEDRA (30): Galán, Anxo Otero; Jorge Rodríguez, José Domato (1), Rey (3), Alberto Santiago (6), Garrido (3), Daniel Gómez, Soliño (8), Jaime Iglesias (4), Gonzalo (5) y Hugo Urtaza.
Árbitros: Víctor Rollán e Keiko Takeuchi (colexio castelán leonés). Excluíron por dous minutos a Miguel Suárez, Aarón, José Quintela e Andrés Bacelar (2) polos locais; e a Jorge Rodríguez, Rey, Alberto Santiago, Garrido, Daniel Gómez (2) e Jaime Iglesias polos pontevedreses.
Marcador (cada cinco minutos): 1-2, 2-4, 5-8, 9-11, 11-15, 13-16 (descanso), 15-18, 18-20, 20-23, 24-26, 27-28 y 31-30.
Incidencias: Partido correspondente á decimoterceira xornada de Primera Nacional, disputado no Pavillón municipal de Bueu. Uns 120 espectadores.