O Arxil sorprende o Celta (60-50) e logra a súa primeira vitoria na casa da temporada
Por Redacción
Segunda vitoria consecutiva, a primeira que logra en casa en toda a tempada, para un Arxil que grazas a un notable traballo defensivo logrou que os puntos do derbi contra o Celta Selmark se quedaran na casa. Foi unha vitoria por 60-50 que o equipo dirixido por Mayte Méndez asegurou na primeira parte do partido e que lles permite situarse na parte cómoda da clasificación de Liga Feminina 2.
Deixando de lado certos erros que se viñan repetindo desde principio de tempada, o Arxil mostrou a súa mellor cara nos primeiros compases do partido. Unha férrea defensa, o control do rebote baixo o seu aro e un forte ritmo de xogo desbordaron ás xogadoras celestes que, obrigadas a confiar nos seus lanzamentos exteriores, naufragaron na súa proposta: 1 de 22 en tiros de tres puntos.
E sobre todo o Celta non podía parar á xogadora máis determinante do cadro pontevedrés, a xamaicana Tajay Ashmeade, que con 20 puntos e xunto a súa compañeira María Lago, foi a máxima anotadora do partido. Con todas esas claves, o Arxil impúxose no primeiro cuarto por 16-10, pero a vitoria cimentouse especialmente no segundo periodo. Sen perder nada de concentración, as pontevedresas, cun parcial de 18-6, íanse ao descanso cun 34-16 no marcador.
Pero o parón non lle veu nada ben ao Arxil. Trala reanudación comezou a ter problemas co ataque, o que sumado a que as súas xogadoras comezaban a cargarse de faltas persoais (Tajay Ashmeade e María González, dúas das súas xogadoras máis determinantes, non terminaron o partido ao ser eliminadas) e á presión exercida polo Celta en todo o campo, fixeron que as viguesas soñasen coa remontada.
Malia iso, o Celta non fixo perigar o triunfo verde en ningún momento. O seu 9-12 no terceiro cuarto colocaba o 43-28 no electrónico a falta de dez minutos e aínda que a perda da súa referencia anotadora durante os últimos minutos complicou en certo xeito o xogo do Arxil, finalmente as xogadoras viguesas tan só puideron recortar a súa desvantaxe ata os dez puntos que reflectiu o marcador final.
Con esta vitoria, o Arxil escala ata a oitava praza da clasificación. Obtivo ata o momento tres vitorias e catro derrotas.
CB ARXIL (60): María González (10), Ana Martín (5), Carla Fernández, María Lago (20), Tajay Ashmeade (20) -cinco inicial-, Fany López, Jara Tuda, Cristina Díaz (2), Sandra Entenza (3).
CELTA SELMARK (50): Cristina Loureiro, Débora Rodríguez, Marta Canella (14), María Pérez (11), Begoña Pallardo (5) -cinco inicial- Nogaye Lo (5), Ángela Coello (1), Isabel Herbello (5), Iria Varela (9).
Árbitros: Gallego Cid e Posada Rouco. Eliminaron por faltas a Ashmeade e María González no equipo local e a María Pérez no visitante.
Parciais: 16-10, 18-6, 9-12, 17-22.
Incidencias: Partido da sétima xornada da Liga Feminina 2, disputado no pavillón do CGTD.